Actualidade

Síntomas de que a túa tenda en liña non vende como esperabas

Data:  venres, 03 de abril de 2020

 

Moitos negocios inician un proxecto de tenda en liña con forza e ilusión, unha oportunidade para emprender ou mesmamente ampliar a liña de negocio. Unha porcentaxe deles está convencido de que xestionar un negocio en liña pode ser altamente rendible en comparación cos negocios físicos e, que a maneira de xestionar este tipo de tendas pode ser máis fácil e sinxela.
 
Outra porcentaxe de negocios convéncense de que as tendas en liña venderán por si soas e que, sen facer moito máis que o posicionamento SEO inicial e a propia estrutura da web, a clientela chegará e as vendas dispararanse.
 
Vender require esforzo e, chegar aos ideais cos que inicialmente comezamos na nosa andaina no mundo do comercio electrónico, poden non ser os esperados. É por iso polo que hoxe analizamos os posibles síntomas que pode carrexar unha tenda en liña sen vendas.
 
Síntomas de que a túa tenda en liña non vende:
 
• Non teño suficientes coñecementos en liña.
• Non teño visitas a miña tenda.
• Prefiro as redes sociais pola súa proximidade.
• Non invisto en publicidade de pago.
• A miña tenda en liña está obsoleta.
• Non teño estratexias de fidelización cos meus clientes.
• Teño demasiada competencia.
• Outro tipo de síntomas.
 
1º síntoma: Non teño suficientes coñecementos en liña.
 
Se este é o teu caso, deberías expor dúas opcións que che poderán axudar a saber vender en liña. A primeira, é investir na contratación dunha empresa externa que xestione a túa tenda e que a optimice con éxito. Esta opción esixe un alto grao de complicidade coa empresa e unha comunicación fluída e constante. A segunda opción é que acudas ao servizo de asesoramento Smartpeme para comprender e entender o funcionamento do teu negocio, grazas ao equipo asesor especializado nas TIC que estarán para axudarche en todo momento.
 
2º síntoma: Non teño visitas a miña tenda.
 
Que non cheguen visitantes ao teu negocio en liña ou que non cheguen os esperados pode ser o principal problema das túas ausentes vendas. Se non temos visibilidade e os motores de procura non nos mostran, teremos que comezar a traballar en aumentar esta presenza. Debemos crear unha estratexia de contido enfocada na propia tenda en liña, nas redes sociais e noutras ferramentas de márketing dixital como é o email márketing. O que nos interesa é atraer ás persoas interesadas nos nosos produtos para que a compra sexa efectiva.
 
3º síntoma: Prefiro as redes sociais pola súa proximidade.
 
Se deixaches de lado a túa tenda en liña pola funcionalidade das tendas nas redes sociais, estás a perder investimento. En todo caso, as redes sociais poden complementar esta estratexia de venda, pero non deben en ningún caso substituíla. Deberás crear estratexias de atracción para que estas transaccións teñan lugar na túa tenda en liña. Como conseguilo? Interactúa cos teus principais compradores nas redes sociais, analízaos e elabora unha estratexia publicitaria para atraelos.
 
4º síntoma: Non invisto en publicidade de pago.
 
Non todos os negocios dispoñen de investimento para facer publicidade de pago, xa sexa posicionamento SEM ou publicidade nas redes sociais. En todo caso, debemos de considerar a publicidade de pago como un método moi eficaz no retorno do investimento. A publicidade en redes sociais é totalmente personalizable e adaptada ao negocio. Por exemplo, se tes un novo produto, proba a elaborar un anuncio publicitario en Facebook para o teu público obxectivo ofrecendo un desconto ou ben algún valor engadido a ese mesmo produto.
 
5º síntoma:  A miña tenda en liña está obsoleta.
 
Os tempos e as tendencias cambian, como en todo o relacionado co deseño, e as tendas en liña non ían ser menos. Pode ser que a túa plataforma de comercio electrónico non se atope adaptada a dispositivos móbiles, non sexa personalizable ou teña aparencia de prototipo. Se estás neste caso, debes contar cunha plataforma que che permita personalizar a experiencia de compra coa finalidade de aumentar o número de produtos no carro e de cambiar a unha plataforma orientada á túa clientela B2B.
 
6º síntoma: Non teño estratexias de fidelización cos meus clientes.
 
Se cada vez que vendes, non fas nada para que esa persoa volva comprar, pode ser que a túa estratexia de fidelización non funcione. Como conseguir vendas recorrentes da mesma persoa? Podes optar por ofertas, cupóns desconto ou algún obsequio. Podes reforzar estas accións creando unha estratexia de email márketing. Por exemplo, marca pautas específicas a seguir tras unha venda: email de benvida, email de felicitación, email de venda cruzada ou produtos complementarios, email con ofertas, email con novidades ou con contido de valor.
 
7º síntoma: Teño demasiada competencia.
 
Este é o síntoma máis complicado, xa que calquera que sexa o sector no cal che atopes para vender en liña, vas ter que compartir mercado con grandes corporacións como Amazon, Ebay ou outras. Neste caso, recomendamos que atopes o valor engadido dos teus produtos. A diferenza e o beneficio que lle achegues á persoa usuaria será o condicionante polo cal poderás aumentar as túas vendas. Deberás analizar a túa competencia e ver que é o que podes achegar ti que o resto non teñan.
 
Outros síntomas
 
Existen máis síntomas que fan que o teu investimento non retorne. Deberás ter en conta todos para poder mellorar os aspectos posibles. Que outros síntomas poden ser? 
 
• Non poñer demasiada atención á fotografía de produto.
• Ter prezos pouco competitivos.
• Gastos de envío demasiado altos.
• Política de devolución non clara.
• Proceso de transacción complicado para a persoa usuaria.
• Fichas de produto non claras.
 
Se tes algún destes síntomas na túa tenda online, deberías consultar cun profesional que che asesore para que o teu negocio funcione correctamente e que che axude a ser consciente de que, se non prestas atención ao teu negocio online, poderás perder o investido.
 
Fátima Faílde
Asesora TIC SmartPeme
 

Fonte:  SmartPeme



« Agosto 2020 »
Lu Ma Me Xo Ve Sa Do
1 2
3 4 5 6 7 8 9
10 11 12 13 14 15 16
17 18 19 20 21 22 23
24 25 26 27 28 29 30
31

Non hai eventos

Lenda:

Evento Aberto
Evento Pechado/Cancelado
Inscrito a este evento