Actualidade

Coñece 4 plataformas para crear unha tenda en liña sen ser un experto

Data:  venres, 05 de xuño de 2020

Se algo aprendemos todos grazas á crise do COVID-19, é que o mundo da venda en liña xa non é o futuro, se non o presente. O pequeno comercio viu como a tenda virtual converteuse no seu salvavidas nesta difícil época, e animou aos que non a tiñan a valorar seriamente se crear e apostar por unha.
 
 
  
Como é lóxico, existe un descoñecemento xeneralizado do tema en canto a custos, plataformas para a súa xestión ou mesmo a súa propia creación, pero nada máis lonxe da realidade: ter unha tenda en liña propia é económico e moi sinxelo de crear e manexar.
 
Dependendo das necesidades específicas de cada comercio, como o número de artigos que se queira expoñer no seu catálogo, investimento destinado á tenda, incorporar un blogue para ofrecerlles contidos aos usuarios ou se queremos personalizala completamente ou nos interesa máis subir só produtos, podemos ir vendo realmente cales son as nosas necesidades e decantarnos por unha das múltiples opcións que existen.
 
A continuación, propoñémosvos unha lista cunha pequena selección das diferentes opcións que tedes ao voso alcance. Desde o servizo de Smartpeme axudámosvos a decantarvos por unha, así como acompañarvos en todo o proceso de manexo e traballo da vosa tenda en liña. 
 
Que opcións existen para crear unha tenda en liña?
 
1. Shopify: permíteche ter unha tenda en liña sen ningún tipo de coñecemento. Elixes o aspecto que che gustaría para a túa tenda virtual, subes os produtos de forma rápida e sinxela e estarías listo para vender. Dende 29 euros ao mes podes ter unha tenda en liña sen ter ningún tipo de coñecemento informático. Na seguinte ligazón podes coñecer as distintas opcións de prezos e características que ofertan. Actualmente dispón dun plan de proba gratuíto de 90 días para ver en profundidade como funciona e o seu manexo. 
 
Desta listaxe é, sen dúbida, a maneira máis rápida e sinxela, pero non a máis económica. En contra desta ferramenta cabe destacar que a personalización que podemos realizar é mínima e o servizo presenta múltiples comisións que hai que valorar con detalle se a longo prazo compénsanos.
 
2. Woocommerce: esta opción non é unha ferramenta en si, senón non unha extensión (plugin), que engadimos ao noso Wordpress de maneira totalmente gratuíta. Non require de apenas coñecementos informáticos e é moi sinxelo de manexar. É unha excelente opción para crear a nosa tenda en liña, xa que nos permite subir moitos produtos, integrar pasarelas de pago, traballar de maneira adecuada o posicionamento SEO… 
 
Algo a destacar de Woocommerce é que permite personalizar practicamente todos os campos e aspectos, non require investimento e permítenos ter o control absoluto sobre a nosa tenda en liña.
 
3. Prestashop: É unha das opcións máis populares á hora de crear unha tenda en liña personalizada. Aínda que dispón dunha parte gratuíta, se realmente desexas explotar todos os seus recursos deberás pagar por esas funcións que queiras engadir ou mellorar, pero son importes totalmente asumibles para o pequeno comercio. É unha boa ferramenta para xestionar catálogos grandes, integrar pasarelas de pago, traballar o posicionamento SEO, etc. Dispón dun amplo apartado de analítica web e hoxe en día é unha excelente opción para ter presenza no mundo do ecommerce.
 
4. Opencart: Os expertos sitúan esta ferramenta entre un Woocommerce e un Prestashop. É menos coñecida que as anteriores, pero é intuitiva, sinxela de manexar e permite a súa total personalización mediante módulos. As funcións que ofrece poden ser máis limitadas fronte a outras plataformas, pero se non buscamos máis que unha tenda en liña onde vender os nosos produtos, pode ser suficiente, todo depende das nosas necesidades.
 
Antes de tomar unha decisión e decantarse por unha opción ou outra, é aconsellable ter claro que se espera coa creación da nosa tenda en liña, cales son os obxectivos a curto e longo prazo, o orzamento que imos destinar ao proxecto… Con toda esta información sobre a mesa, pódese valorar con detemento  cal é a mellor opción para comezar a andaina no mundo online e adaptarnos ao futuro inmediato.
 
Laura Carrera 
Asesora Smartpeme
 

Fonte:  SmartPeme



« Agosto 2020 »
Lu Ma Me Xo Ve Sa Do
1 2
3 4 5 6 7 8 9
10 11 12 13 14 15 16
17 18 19 20 21 22 23
24 25 26 27 28 29 30
31

Non hai eventos

Lenda:

Evento Aberto
Evento Pechado/Cancelado
Inscrito a este evento