Que é SmartPeme

Unha rede de oficinas situadas nas diferentes comarcas da provincia de Pontevedra, atendidas por persoas asesoras especialistas,  onde se presta un servizo de información e asesoramento gratuíto, presencial e personalizado sobre as TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación), as Novas Tecnoloxías e a mellora da competitividade empresarial.
 

Puntos SmartPeme

A rede de puntos Smartpeme está composta por sete centros, distribuídos estratexicamente por toda a provincia de Pontevedra, para achegar os servizos de Smartpeme á porta dos negocios das persoas autónomas, emprendedoras e pemes.
 
O Centro Provincial de Economía Dixital (CPED) situado en Barro-Meis potencia os servizos do resto de oficinas cunha oferta ampliada de servizos TIC avanzados.

Cales son os servizos

Smartpeme comezou no ano 2016 como un servizo de asesoramento no uso das TIC ao tecido empresarial. 
A necesidade de seguir axudando ás empresas da provincia xerou a aparición de novos servizos que consolidan e impulsan a rede.
 
Asesoramento individualizado: ofrécese asesoramento personalizado baseado no uso das Novas Tecnoloxías no eido empresarial, distinguindo entre diferentes bloques: presenza 2.0, imaxe, software de xestión e ferramentas ofimáticas.
 
Smartpeme Impulsa ofrece asesoramento e capacitación na mellora da competitividade global dos negocios. As temáticas que se abordarán coincidirán coas  necesidades máis relevantes para toda empresa en materia de crecemento empresarial, innovación e internacionalización.
 
Centro Provincial de Economía Dixital: situado en Barro-Meis e apoiado nas instalacións do FabLab que a Deputación ten no viveiro de empresas. O centro xorde co obxectivo de dar a coñecer as solucións tecnolóxicas máis novidosas no eido empresarial, entre as que se engloban impresión 3D, robótica, Big Data e realidade aumentada, entre outras.
 
TurisTIC, enfocado no asesoramento tecnolóxico específico para o sector turístico, dada a relevancia que ten o sector na provincia. Busca axudar a mellorar o uso e a adaptación dixital das empresas do sector, dotándoas de ferramentas para mellorar a súa competitividade e eficiencia. 
 

MAPA DE PUNTOS SmartPeme

Preguntas frecuentes

Nos puntos SmartPeme daremos resposta a dúbidas como:
  • Como podo aforrar nos gastos de comunicación?
  • Que é preciso para conectarme a internet?
  • É seguro operar coa banca online?
  • Que utilidade ten a sinatura electrónica?
  • Que me proporciona e que vantaxes ten o comercio electrónico?
  • Podo xestionar eu mesmo as redes sociais da miña empresa?
  • Cales son as ferramentas informáticas de xestión?
  • Como podo emitir facturas electrónicas?
  • Que subvencións e axudas teño para incorporar as TIC á miña pequena empresa?
  • Como aplico as Novas Tecnoloxías ó meu negocio?

A quen vai dirixido

A todas as pemes, persoas emprendedoras e autónomas da provincia de Pontevedra que desexen mellorar a eficiencia, produtividade e competitividade dos seus negocios