A revolución do lecer en Streaming, situación actual e novos cambios para as persoas consumidoras - Actualidade
Actualidade
A revolución do lecer en Streaming, situación actual e novos cambios para as persoas consumidoras
Data: venres, 20 de maio de 2022

No ano 2020 coa pandemia e o confinamento domiciliario ao redor de todo o mundo, irremediablemente o tipo de lecer cambiou. Coa obrigación dos gobernos de quedarnos nas nosas casas, empezamos a consumir máis televisión e lecer en streaming en plataformas como Netflix, HBO Max, Amazon Prime Vídeo…
Netflix foi a empresa do sector que máis persoas subscritoras gañou coa pandemia. O récord de novas altas da compañía foi durante o primeiro trimestre de 2020, coincidindo cos períodos de maiores restricións sanitarias e sociais. Conseguiron captar 15,8 millóns de novas persoas usuarias e incrementáronse un 31%, respecto ao ano anterior, os servizos contratados, o que supuxo un total de 37 millóns de persoas usuarias.
Tras alcanzar o seu pico máximo de persoas subscritoras, as cifras comezaron a caer paulatinamente. O primeiro trimestre de 2022 mostrou unha perda de 200.000 persoas usuarias, estimando que durante o segundo trimestre 2 millóns máis se dean de baixa. Esta caída de clientela tan rápida non se esperaba, polo que Netflix empezou a perder valor de cotización bolsista.
O uso compartido entre persoas usuarias dunha mesma conta ou a aparición de novas empresas competidoras, como Disney ou Apple, no mercado, foron algúns dos motivos da precipitada caída das cifras. As persoas expertas indican que o mercado está a cambiar, a clientela consome xa varias plataformas, o que supón un desembolso mensual considerable, ademais, existe fatiga acumulada polo tipo de contido e a inflación está disparada.
A esta situación de perda de persoas subscritoras non só enfróntase Netflix, senón tamén toda a súa competencia. CNN+, plataforma de pago de CNN, só durou un mes desde a súa fundación, ou Quibi que se fundou e cancelouse no mesmo ano da súa creación. HBO Max tamén tivo que reinventarse e lanzou unha subscrición máis barata que inclúe publicidade e Disney+ tamén anunciou esta nova opción para finais de ano, algo que Netflix xa se está expondo, segundo recoñeceu Reed Hasting, director executivo da compañía.
Por tanto, a baixada dos prezos a cambio de introducir publicidade durante a emisión do contido é a gran aposta das empresas de lecer en streaming para satisfacer as necesidades das persoas usuarias e con iso, facer fronte á perda de subscricións.
Estas modificacións van resultar tremendamente interesantes para as marcas, xa que poderán crear anuncios perfectamente segmentados baseándose nas preferencias do tipo de contido consumido e a información do perfil da persoa usuaria. Algo que podemos traducir en anuncios moito máis efectivos e por tanto, máis rendibles para as marcas.
Agora que sabemos como está a evolucionar o lecer en streaming, manterás a túa conta como ata o de agora ou prefires aforrarche un diñeiro ao mes a cambio de anuncios mentres ves unha película? Dentro de moi pouco poderás decidir, estará na túa man.
Laura Carrera
Asesora TIC
Fonte: SmartPeme
Rexistro
« | Xuño 2025 | » | ||||
---|---|---|---|---|---|---|
Lu | Ma | Me | Xo | Ve | Sa | Do |
1 | ||||||
2 | 3 | 4 | 5 | 6 | 7 | 8 |
9 | 10 | 11 | 12 | 13 | 14 | 15 |
16 | 17 | 18 | 19 | 20 | 21 | 22 |
23 | 24 | 25 | 26 | 27 | 28 | 29 |
30 |
- Bizum: a evolución dos pagos dixitais16 de xuño de 2025 11:00Máis información
- Pinterest para e-commerce17 de xuño de 2025 12:00Máis información
- Growth Márketing: estratexias para un crecemento sostible do teu negocio17 de xuño de 2025 17:00Máis información
- Creación e análise dunha base de datos de aloxamentos18 de xuño de 2025 16:30Máis información
- Deseño 3D online con OnShape 1, xestión documental e primer deseño19 de xuño de 2025 12:00Máis información
- Crea vídeos de alto impacto só co teu Smartphone19 de xuño de 2025 17:00Máis información
Lenda:
Evento Aberto
Evento Pechado/Cancelado
Inscrito a este evento