Actualidade

As TIC, novas oportunidades para o rural

Data:  xoves, 12 de xaneiro de 2017

O uso das TIC´s mellora a calidade de vida e o traballo da cidadanía das zonas rurais ao favorecer a creación de valor na economía rural, non só en sectores tradicionais e en aqueles vencellados á agricultura, á sustentabilidade e a novidosos procesos industriais, senón tamén en aqueles outros baseados en novos modelos económicos ligados ao territorio (prestación de servizos, turismo rural, crowdfunding... ).

Un medio rural equilibrado e dinámico é fundamental na resposta a retos tan importantes como a sustentabilidade ambiental ou a alimentación da crecente poboación mundial. Esta realidade, xunto ás oportunidades que brindan as novas tecnoloxías, propician o desenvolvemento de iniciativas e proxectos encamiñados a unha maior competitividade do sector primario; a través de solucións intelixentes para a mellora dos procesos de xestión e produción, emprego de tecnoloxías innovadoras que garantan a calidade dos produtos e o uso das TIC's cara unha xestión sostible e responsable.

Neste senso, no ámbito da xestión empresarial atopamos ferramentas que posibilitan procesos de xestión e información en tempo real, control de finanzas con banca electrónica, xestión de axenda... Pola súa parte, a e-administración permite realizar unha serie de trámites, tales como licenzas para o establecemento empresarial, trámites sectoriais –oficina virtual agraria-, presentación e consultas de axudas e subvencións... pero as novas tecnoloxías non só facilitan xestións e trámites senón que tamén mudan o xeito en que nos comunicamos con clientes e provedores, facéndoo a comunicación máis rápida, interactiva e próxima, mediante o uso do correo electrónico, as redes sociais e a presenza en internet a través dunha web propia.

Asemade, estanse a desenvolver toda unha serie de solucións intelixentes e aplicando tecnoloxías innovadoras vencelladas á agricultura de precisión (tratamento de imaxes, sistemas de dosificación, GPS de alta precisión, drons para detección agrícola, app's para control de rego, robots programados para tarefas de cultivo...); á gandería (seguimento de gando a través de dispositivos GPS...); á mellora en procesos industriais (tratamento de residuos, impresión 3D, sistemas de control...); ao uso compartido de bens e microfinanciamento de proxectos (plataformas tecnolóxicas eficientes e a súa difusión masiva por medio das redes sociais); ao acceso á venda de produtos de elaboración propia ao consumidor final (trato máis directo e a eliminación de intermediarios); á difusión e acceso de información de tipo comercial (tecnoloxías en mobilidade, códigos QR...); á captura e xestión útil para a mellora de procesos e a análise masiva de información (Big Data) e un longo etcétera.

Así pois, as vantaxes que ofrecen os dispositivos móbiles, a tecnoloxía wifi e as plataformas tecnolóxicas que fornecen diferentes solucións, son e serán elementos chave no desenvolvemento do rural xa que, a tecnoloxía mellora a competitividade das empresas e servizos recortando, de xeito paulatino, diferenzas co ámbito urbano.

As empresas rurais e agroindustriais que poñan o foco no valor de Internet e as novas tecnoloxías serán quen de mellorar os seus procesos, expandir os seus mercados e establecer negocios e alianzas fóra do seu territorio ao tempo que propician o desenvolvemento de novas empresas e negocios que sexan quen de dar respostas e solucións as súas demandas.

Fonte:  SmartPeme



« Agosto 2019 »
Lu Ma Me Xo Ve Sa Do
1 2 3 4
5 6 7 8 9 10 11
12 13 14 15 16 17 18
19 20 21 22 23 24 25
26 27 28 29 30 31

Non hai eventos

Lenda:

Evento Aberto
Evento Pechado/Cancelado
Inscrito a este evento