Actualidade

« Atrás

Twitter para micropemes

Data:  xoves, 03 de marzo de 2016

O mundo das redes sociais é un dos máis atractivos e o que está a espertar maior interese entre as pequenas empresas e autónomos aos que atendemos no Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 (CPAE 2.0) da Deputación de Pontevedra.

Segundo un estudo de Inteco  (Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación) un 88,7 % das empresas que manifestan dispor de perfís ou páxinas en redes sociais atópanse en Facebook. A gran distancia colócanse redes sociais como Twitter (29,6 %), Google+ (10,3 %), LinkedIn (10,1 %) ou Youtube (9,8 %).

Moitas persoas e empresas abren unha conta de usuario en Twitter tendo como referencia Facebook, pensando que as dúas redes son iguais. Pero en realidade non é así, xa que cada unha ten o seu público, as súas linguaxes...  E aquí reside o principal problema, xa que as  usuarias e usuarios ven que Twitter non ten nada que ver con Facebook, non entenden como funciona e deixan de utilizar a conta.

Nas micropemes, para xestionar a nosa conta de Twitter, o máis recomendable é formar a un membro do noso persoal para que poida ter ao día a imaxe da nosa empresa na rede, posto que é quen máis sabe sobre a empresa, está empapado da súa filosofía e sabe o que se lle debe contestar á clientela. Outra solución é facer o contrario, contratar os servizos dun community manager ao que se insufle todo o know how (coñecemento) da empresa. Aquí é onde entra en xogo o que nos EUA se chama engagement, que non é outra cousa que o grao de compromiso ou implicación coa empresa. Cómpre telo moi en conta para analizar que o traballo do community manager externo se adecúe á marca e principios da nosa firma.

Antes de explicar as principais claves para utilizar correctamente Twitter hai que destacar que o máis aconsellable é realizar un plan de redes sociais, no que previamente marcaremos os nosos obxectivos e a nosa estratexia, para organizar o traballo e seleccionar certos puntos como prioritarios.

Claves da xestión de Twitter:

O máis importante en Twitter son as relacións. Esta rede caracterízase por ser capaz de construír relacións entre persoas en calquera punto do mundo e moitas veces podémonos sorprender do status das persoas ás que podemos chegar. É o que se chaman influencers (influenciadores). Por exemplo, se a nosa empresa é un restaurante, trataremos de contactar con Alberto Chicote ao longo do programa de televisión Top Chef, para recomendarlle unha receita que nós facemos no noso establecemento. Neste aspecto é no cal reside a grandeza de Twitter, onde é tan importante seguir como ser seguido.

É moi importante coñecer ben a rede social na que te atopas, as súas características e peculiaridades. Hai que ser conscientes de que as usuarias e usuarios de Twitter xeraron un dicionario propio, crearon termos como etiqueta (hashtag), rechouchío (retweet) ou follow Friday que se van traspasando viralmente entre eles, polo que a utilización adecuada desta linguaxe asegura que as pequenas empresas vaian mellorando no uso da rede social e aumentando en seguidoras e seguidores.

Igual que en toda rede social esíxese que o contido sexa de calidade. Conversar en Twitter é estar nunha gran praza, por iso é conveniente traballar moito os contidos que preparemos para a súa difusión e crealos pensando no seu posible viralidade: que sexan do gusto de persoas usuarias e que estas os compartan.

Por último, outra das claves importantes en Twitter é a importancia de coñecer as utilidades que axudan o usuariado no seguimento da súa actividade na rede e a mellorar o seu posicionamento. A través das ferramentas que outorgan estatísticas e análises da nosa conta podemos e debemos aprender estratexias que nos axudarán a gañar máis seguidores e aumentar a nosa reputación na rede.

Alberto Falcón, asesor TIC doCPAE 2.0. Deputación de Pontevedra

Fonte:  CPAE