Actualidade

« Atrás

Se son autónomo ou peme, debo ter presenza en redes sociais

Data:  luns, 18 de decembro de 2017

Aínda que como autónomos ou pequenas empresas somos conscientes da gran importancia coa que contan actualmente as redes sociais, poida que non teñamos tan claro cales son os beneficios que nos pode reportar investir, tanto tempo como recursos, en ter presenza e participar nelas. Por tanto, imos tentar desmontar o mito de que só as multinacionais ou grandes cadeas con avultados orzamentos poden establecer e sacar partido a unha estratexia na que se inclúan as redes sociais.
 
Potencia a túa marca dixital 
 
A través das redes sociais proxectas unha imaxe online, ben sexa da túa marca persoal como autónomo ou do teu negocio como peme. Que se atopa un usuario de Google cando escribe o teu nome ou o da túa empresa no seu buscador? Ti mesmo podes facer a proba. E ti mesmo podes tamén controlar o contido que mostrará unha imaxe adecuada de ti e o teu negocio. Parte deses resultados de procura xérano as redes sociais, así que escolle unha estratexia correcta para a túa presenza nelas.
 
Conversación co noso público
 
Outro dos factores nos que nos axudarán as redes sociais é o establecer unha relación fluída co noso público potencial, así como cos nosos clientes xa consolidados. Esta distinción é importante, xa que dependendo do destinatario da nosa mensaxe este terá diferentes obxectivos, e por tanto diferentes contidos. Neste punto debemos ter moi en conta que o fin das redes sociais non é a venda, por tanto, as nosas redes sociais non deben ser un taboleiro de anuncios. Debemos utilizalas como fonte de coñecemento para coñecer as opinións e desexos dos nosos clientes, xerar confianza e achegar contidos interesantes para o noso público.
 
Atención ao cliente
 
Relacionado co punto anterior, cada vez son máis os usuarios que utilizan as redes sociais como canle para comunicarse coas empresas, e polo tanto, cada vez máis empresas outorgan maior importancia a reforzar a súa resposta a través desta canle. O usuario atópao moi cómodo e nós como empresa debemos aproveitalo dando o mellor servizo posible tamén a través das redes sociais.  
 
Networking
 
Sen dúbida, se as redes son "sociais", é por algo. Á parte de establecer relacións cos nosos clientes e clientes potenciais, tamén nos permiten conversar con profesionais do noso sector. Estas relacións profesionais son fundamentais hoxe en día, e poden xerar sinerxías ou colaboracións moi interesantes para o noso negocio.
 
Se somos conscientes de todas as vantaxes que nos poden ofrecer as redes sociais poderemos sacarlles o máximo partido. Non basta só con ter un perfil, senón que é necesario interactuar e xerar contido de interese. Pensade que estes medios ofrécennos as mesmas posibilidades a todas as empresas, independentemente do seu tamaño, para conectar con usuarios de todas as partes do mundo de maneira que incluílas na nosa estratexia e dedicarlles tempo vale a pena.
 
Esther Garcinuño

Fonte:  SmartPeme