Actualidade

Microsoft despedirá do seu catálogo a tipografía Calibri e outras tipografías icónicas dos nosos tempos

Data:  venres, 07 de maio de 2021

A noticia de que Microsoft mudará a súa tipografía habitual en programas coma Microsoft Word deu a volta ao mundo con moita repercusión. Calibri levaba dende 2007 sendo a tipografía habitual deste grupo tecnolóxico, tanto é así que podemos confirmar que se converteu nun membro da familia máis. 
Dicimos que é a súa tipografía habitual porque por defecto é a que automaticamente se utiliza en programas coma Power Point, Excel ou Microsoft Word. Calibri e Calibri Light, na súa versión menos pesada, tomaron o relevo doutra tipografía máis que recoñecida, a Times New Roman.
En pleno 2021 as cousas teñen que modernizarse. Por iso, a gran empresa tecnolóxica encargou cinco tipografías diferentes, onde soamente unha será a próxima tipografía habitual de todos os seus programas de Microsoft 365. As persoas usuarias do mundo Microsoft, poderán participar nesta gran noticia, votando pola súa favorita. Se tes interese en formar parte deste novo cambio, podes mostrar a túa opinión no fío que a empresa colgou no seu Twitter, e que podes ver premendo aquí.
 
 
As tipografías elixidas e deseñadas especialmente para Microsoft son as seguintes: 
Bierstadt (deseñada polo estadounidense Steve Matteson)
Grandview (deseñada por Aaron Bell)
Seaford (deseñada por Tobias Frere-Jones, Nina Stössinger e Fred Shallcrass)
Skeena (deseñada por John Hudson e Paul Hanslow)
Tenorite (deseñada por Erin McLaughlin e Wei Huang) 
 
Todas elas son de estilo sans-serif, é dicir, tipografías de pao seco, cun deseño limpo e sen remates. Pero non vos preocupedes, Calibri ao igual que Times New Roman, seguirá estando no catálogo tipográfico da compañía.
 
Outras tipografías icónicas dos nosos tempos
 
Ben é certo que co uso habitual que temos coas novas tecnoloxías, o mundo da tipografía volveuse máis próximo a nós. Coñecemos moitas tipografías e temos as nosas favoritas, pero, cales son as que forman parte de milleiros de conversacións? Imos a facer un pequeno resumo.
 
 
Arial: Esta tipografía de pau seco foi, e é, moi utilizada en milleiros de textos e proxectos. Foi deseñada para facerlle a competencia a outra tipografía máis que recoñecida, a Helvética. Anécdota: deseñouna a Fundación Monotype para Microsoft porque a Helvética era demasiado cara para utilizala no seu catálogo tipográfico.
 
 
Brush Script MT: Tipografía vintage por referencia. Foi deseñada en 1942 por Robert E. Smith e forma parte das letras estilo script, é dicir, como escritas a man. Tivo bastante repercusión durante os anos 90 e abusouse bastante dela. Seguro que aínda podemos atopar algún cartel con ela. 
 
Comic Sans: Tipografía máis odiada que querida. Dicimos odiada porque existe un movemento chamado Comic Sans Criminal que intenta combater o mal gusto desta tipografía. Hoxe en día séguese utilizando, pero máis timidamente.
 
 
Impact: A tipografía de todos os memes que atopes por Internet. Foi creada en 1965 por Geoff Lee co propósito de ser lexibe en todo tipo de deseños e textos. Cos memes parece que o acabou por conseguir.
 
Times New Roman: Tipografía con serifa por defecto. Foi deseñada en 1931 e a día de hoxe segue cumprindo a súa misión. Para moitas persoas, unha tipografía aburrida. Para outras, unha tipografía perfecta para textos longos e para ser lida. 
 
Parece que estas tipografías quedan no noso catálogo pasado, agora, co uso de novas ferramentas en liña como Canva e Google Fonts, damos paso a outras máis modernas, con aires desenfadados e aptas para calquera pantalla.
 
 
Fatima Faílde
Asesora TIC
 

Fonte:  SmartPeme



 

« Maio 2024 »
Lu Ma Me Xo Ve Sa Do
1 2 3 4 5
6 7 8 9 10 11 12
13 14 15 16 17 18 19
20 21 22 23 24 25 26
27 28 29 30 31

Non hai eventos

Lenda:

Evento Aberto
Evento Pechado/Cancelado
Inscrito a este evento