Actualidade

Os Podcasts, o gran aliado para alcanzar ao teu público obxectivo

Data:  venres, 19 de febreiro de 2021

Cada vez con máis frecuencia escoitamos a palabra Podcast. O teu compañeiro ou compañeira de traballo mentres vai correr ponse un, o teu pai mentres pasea escoita outro, a túa parella mentres conduce de camiño ao traballo repasa os seus conceptos de inglés cun podcast… pero sabes o que é? Onde se escoitan? Son de pago ou gratuítos?

Comecemos polo principio. Un podcast é unha publicación dixital de audio dispoñible na internet e Apps. Ao principio, estas aplicacións eran exclusivamente para este formato, pero vendo a xeneralización do seu uso, outras plataformas comezaron a incorporar a función de subir, reproducir e descargar Podcasts. Para poder gozar deste tipo de contido especializado, que case sempre é gratuíto, podemos descargalos en plataformas diferentes como Ivoox ou Itunes, ou ben escoitalo en liña vía Spotify ou Youtube.

O formato máis común neste estilo de contido adoita estar dirixido por unha persoa que o presenta e que interactúa coas persoas que colaboran ou que son entrevistadas. Estas son as encargadas de desenvolver as súas ideas e argumentos sobre unha temática concreta.

O contido do Podcast é 100% especializado. É dicir, unha persona experta na materia fala de determinado tema con detalle xa sexa en formato master class, entrevista, debate… Existen Podcasts desde como podar un sebe na primavera, ata como mellorar o teu nivel de pronuncia de inglés, como converterche nun ou unha especialista do márketing dixital ou como educar aos teus fillos e fillas segundo o método Montessori… A infinidade das temáticas é practicamente ilimitada.

Nos últimos anos, os programas de radio tamén se animaron a crear Podcast coa súa emisión, co fin de que os locutores e as locutoras poidan escoitar o seu contido sempre que queiran e non se reduza só ao horario da súa emisión.

O éxito do Podcast radica en que é un bo método para asimilar conceptos por completo e é compatible con outras actividades. Fronte á lectura ou visualizar vídeos, este formato require un esforzo inferior, o que non quere dicir que se lle preste menos atención, senón que é máis sinxelo focalizala.

Como empresa/marca, que me pode achegar crear Podcasts? Principalmente, posicionarche como especialista na materia e, por suposto, destacar sobre a túa competencia. Ademais, un Podcast é un contido moito máis próximo que as redes sociais ou un texto, ao final escóitanche falar, como che expresas e iso, en moitos casos, xera conexión contigo como profesional e confianza na túa empresa. A pesar de ser un formato estendido, ten pouca competencia, moito menos que o uso do blogue, por exemplo.

Existen moitos programas gratuítos para crear este formato de audio. Algúns máis sinxelos que outros, pero como todo, só é #cuestión de práctica. Ardour, Audacity, Pod0matic ou SoundClound son só algúns dos innumerables recursos que existen para crear Podcasts, pero se temos que quedarnos só cun, o máis sinxelo e estendido é Audacity, compatible con Mac, Linux e Windows.

Sen lugar a dúbida, os Podcasts son unha excelente ferramenta para alcanzar directamente ao teu público obxectivo real. Ao tratarse dun formato tan especializado, o ou a oínte do audio ten especial interese na materia, polo que a súa predisposición e nivel de atención están enfocados no contido que creamos como expertos e expertas. Alcanzar e deixar pegada en alguén que busca informarse sobre determinado tema, é moito máis efectivo e sinxelo que facelo sobre un público máis xeral.

 Laura Carrera

Asesora TIC en SmartPeme 

Fonte:  SmartPeme



 

« Maio 2024 »
Lu Ma Me Xo Ve Sa Do
1 2 3 4 5
6 7 8 9 10 11 12
13 14 15 16 17 18 19
20 21 22 23 24 25 26
27 28 29 30 31