I CONVOCATORIA - PROGRAMA DE EMPRENDEMENTO NO VIVEIRO DE BARRO DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA - Actualidade
Actualidade
I CONVOCATORIA - PROGRAMA DE EMPRENDEMENTO NO VIVEIRO DE BARRO DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Data: venres, 06 de maio de 2022
Introdución
En xuño do ano 2016 a Deputación de Pontevedra puxo en funcionamento a rede Smartpeme, co fin de establecer un servizo de asesoramento ás persoas emprendedoras, autónomas e PEMES da provincia de Pontevedra no uso de ferramentas de corte tecnolóxico.
Conscientes da importancia do emprendemento na dinamización da economía, do potencial crecemento da nosa provincia e da necesidade real de formación e apoio, a Deputación de Pontevedra está a desenvolver un itinerario de actividades complementarias ligadas ao emprendemento que permita potenciar a axuda a este colectivo na provincia de Pontevedra para impulsar os seus proxectos e ideas de negocio.
A finalidade das devanditas actividades, enmarcadas nunha liña especializada de emprendemento dentro da carteira Impulsa, será asistir ás persoas emprendedoras no deseño e posta en marcha dos seus proxectos, ofrecéndolles unha formación específica en temáticas vinculadas a emprendemento (ideación e deseño do modelo de negocio, deseño do plan de empresa, viabilidade económico-financeira…) tanto con obradoiros formativos, como con asesoramentos personalizados a demanda nas distintas oficinas da Rede de Smartpeme, ademais doutras actividades, como o Programa de Emprendemento, que se define nas presentes bases.
Esta primeira edición do Programa de Emprendemento, que levará a cabo no Viveiro de Barro, lugar no que se atopa o Centro Provincial de Economía Dixital de Smartpeme, nace co obxectivo de dar apoio na creación de proxectos de emprendemento e nas súas fases máis temperás. Ademais, a iniciativa, realizarase en colaboración coa Fundación Roberto Rivas, para fomentar o emprendemento rural, fundamental para favorecer a creación dunha economía social e sostible.
¿A quen vai dirixido?
Programa de Emprendemento está dirixido ás persoas emprendedoras da provincia de Pontevedra que cumpran os seguintes requisitos:
- Persoas que non chegaron a iniciar o seu proxecto ou aquelas que se atopan nunha fase inicial do mesmo, tendo este o domicilio social e principal na provincia de Pontevedra, ou en caso de non estar constituído, a persoa responsable sexa residente na provincia de Pontevedra.
- Preparación técnica para desenvolver o proxecto de posta en marcha e consolidación e unha gran motivación e compromiso co Programa.
- Interese real en mellorar as súas capacidades e habilidades para crear e consolidar o seu proxecto empresarial.
- Ter dispoñibilidade e compatibilidade para asistir ás actividades.
Actividades
O Programa de Emprendemento seguirá as seguintes fases e actividades:

Proceso de selección de persoas participantes e criterios de avaliación
Finalizado o prazo de presentación de candidaturas, o equipo técnico de Smartpeme, realizará unha preselección de proxectos cun informe preliminar de cada unha das candidaturas recibidas en base á documentación presentada polas persoas interesadas e para cada un dos seguintes criterios de valoración:
- Memoria do proxecto: As empresas deberán facilitar unha memoria, cunha extensión máxima de 5 páxinas, na que se explique detalladamente o proxecto e os obxectivos que pretende alcanzar mediante a súa participación no Programa. O seu contido poderá variar en función do que cada persoa candidata queira plasmar, pero tendo a obrigatoriedade de incluír:
- Obxectivo do proxecto
- Misión, visión e valores
- Actividade a realizar
- Descrición do produto/servizo
- Que pretende alcanzar coa súa participación no Programa de Emprendemento
- Perfil das persoas participantes: Presentación do equipo participante e da persoa delegada para a asistencia ao Programa. Valorarase tanto a preparación técnica como a experiencia e a implicación para desenvolver o proxecto.
A persoa delegada para a asistencia ao Programa deberá presentar unha declaración de dispoñibilidade, para a asistencia ás actividades e asesoramentos do programa. A ausencia desta declaración supoñerá causa de exclusión da candidatura.
Do mesmo xeito, a persoa responsable do proxecto ou outra persoa designada pola responsable, deberán acudir, como mínimo, a un 75% da formación exposta. Esta falta de asistencia maior ao 25% incorrerá na exclusión do Programa.
Os proxectos preseleccionados en base aos anteriores criterios serán convocados para a realización dunha pequena entrevista co fin de coñecer e avaliar en detalle o seu potencial de negocio, implicación e necesidades para abordalo.
Estas entrevistas serán realizadas por membros do equipo técnico de Smartpeme e do Comité de Avaliación.
Unha vez realizadas as entrevistas e realizado o informe final, reunirase o Comité de Avaliación para a selección dun máximo de 12 proxectos participantes no Programa.
O equipo técnico poderá requirir ás persoas solicitantes, en calquera momento, información adicional relacionada coa súa candidatura. Se as persoas candidatas non atendesen os requisitos de información no prazo de 3 días hábiles, entenderase que desisten da súa solicitude.
Cada un dos criterios valorarase de 1 a 5, sendo 1 o mínimo e 5 o máximo. Ditas valoracións serán obxecto de discusión por parte do Comité de Avaliación.
En caso de empate entre candidaturas, a data de presentación dos proxectos será utilizada para desempatar, dando prioridade á/s candidatura/s recibidas en primeiro lugar.
O Comité de Avaliación é o responsable da interpretación das presentes bases e da resolución de calquera discrepancia respecto ás mesmas ou ao proceso de selección.
Calquera aclaración respecto ás bases ou discrepancia debe ser remitida mediante correo electrónico á dirección info.smartpeme@depo.es.
O Comité de Avaliación está integrado por:
- Titular: responsable do proxecto Smartpeme por parte da área de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra.
- Suplente: Persoa integrante do equipo de coordinación de Smartpeme.
- Titular: Persoa integrante do equipo de coordinación Smartpeme.
- Suplente: Persoal asesor TIC do proxecto Smartpeme.
- Titular: Asesora de emprendemento do proxecto Smartpeme.
- Suplente: Persoal asesor TIC do proxecto Smartpeme.
Como resultado das avaliacións realizadas, o Comité de Avaliación elaborará unha lista priorizada de proxectos seleccionados e unha lista de proxectos suplentes. A selección ou exclusión da candidatura será notificada de modo individual a cada persoa candidata e publicada na páxina web de Smartpeme.
As puntuacións outorgadas resultan definitivas, confidenciais e inapelables.
Prazo de presentación
O prazo para a presentación de solicitudes finalizará o 23 de maio ás 19.00 horas, non considerándose ningunha candidatura presentada fóra de prazo.
A solicitude unicamente pódese tramitar en liña ata a data sinalada, estando durante este período dispoñible o formulario de solicitude na páxina web de Smartpeme https://smartpeme.depo.gal/
Período lectivo
As actividades do Programa de Emprendemento executaranse entre o 1 de xuño e o 31 de xullo.
O número de horas de formación e asesoramento será de 60 horas repartidas nos meses de duración do Programa.
Realizaranse asesoramentos personalizados e individuais, adaptados ás necesidades de cada participante. Preferentemente priorizaranse os asesoramentos de forma presencial, aínda que existirá a posibilidade de realizar asesoramentos de forma telemática en función das necesidades da persoa usuaria.
As actividades formativas serán prioritariamente presenciais nas instalacións do viveiro de empresas de Barro, para fomentar o traballo en equipo e a creación de contornas colaborativas entre as 12 persoas seleccionadas que poderán ser de calquera parte da provincia de Pontevedra.
Premios
Á finalización desta primeira edición do Programa de Emprendemento entregaranse dous premios económicos ás mellores iniciativas emprendedoras:
- Mellor iniciativa de emprendemento sostible. Poderán optar a esta categoría de premio aquelas iniciativas que, ademais de ter en conta os beneficios económicos, sitúe ao mesmo nivel os avances sociais e ambientais do seu proxecto. Ademais, considerarase mellor iniciativa de emprendemento sostible á que cumpra cos seguintes criterios:
- Modelo de negocio innovador.
- Priorice a contorna local e opte por instalacións sostibles.
- Impulse a economía sostible desde o seu proxecto.
- Promovan unha cultura empresarial sostible.
- Mellor iniciativa de emprendemento dixital. Considérase emprendemento dixital a aquel que nacese e foise desenvolvendo na contorna dixital. Para optar á mellor iniciativa de emprendemento dixital, o proxecto deberá cumprir cos seguintes requisitos:
- Haber nado e/ou desenvolverse na contorna dixital
- Haber incorporado elementos innovadores e tecnolóxicos
- Ser un proxecto escalable dixitalmente
- Xere impacto na provincia de Pontevedra
Inscrición e documentación necesaria
O Programa de Emprendemento, na súa primeira edición, acollerá un máximo de 12 persoas emprendedoras que serán seleccionadas en base ao proceso de avaliación descrito anteriormente.
Pica en SOLICITA Á TÚA PRAZA.
Para calquera dúbida ou consulta poderá contactar co equipo do proxecto en:
SmartPeme Pontevedra
Edif. Admin. Deputación de Pontevedra
Av. Montero Ríos s/n
36071 – Pontevedra
Email: info.smartpeme@depo.es
Teléfono: 886 202 020
Toda a información proporcionada para a valoración de candidaturas será tratada de modo estritamente confidencial e utilizado exclusivamente para os propósitos para os que foi solicitada.
Normas xerais
- Para a presentación de candidaturas é obrigatoria a utilización do formulario.
- Poderá presentar a súa solicitude toda persoa maior de idade da provincia de Pontevedra que queira poñer en marcha e consolidar o seu proxecto de emprendemento.
- Se o proxecto xa está constituído como entidade xurídica, esta debe ter o seu domicilio social e principal centro de actividade na provincia de Pontevedra.
- No caso de que o proxecto non estea aínda constituído como entidade xurídica, o equipo promotor debe residir na provincia de Pontevedra.
- As persoas que participasen nas anteriores convocatorias dos Programas de Coworking da Deputación de Pontevedra poderán optar a participar nesta primeira edición do Programa de Emprendemento, a condición de que non presenten o mesmo proxecto.
- As persoas solicitantes serán responsables de que os datos proporcionados sexan correctos, veraces e completos.
- A Deputación de Pontevedra poderá denegar o acceso á convocatoria se devanditos datos resultan ser falsos ou inexactos.
- O medio de comunicación preferente durante o proceso de selección será o correo electrónico.
- Todas as persoas solicitantes presentan as súas candidaturas baixo a súa única e exclusiva responsabilidade, garantindo que o contido das mesmas non infrinxe ningún tipo de dereitos, en particular os de propiedade intelectual de terceiros.
- Neste sentido, a Deputación e colaboradores, exímense de toda responsabilidade derivada de reclamacións de terceiras partes.
Fonte: SmartPeme
Rexistro
« | Abril 2025 | » | ||||
---|---|---|---|---|---|---|
Lu | Ma | Me | Xo | Ve | Sa | Do |
1 | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | |
7 | 8 | 9 | 10 | 11 | 12 | 13 |
14 | 15 | 16 | 17 | 18 | 19 | 20 |
21 | 22 | 23 | 24 | 25 | 26 | 27 |
28 | 29 | 30 |
- IA - Como facer prompts correctos28 de abril de 2025 12:00Máis información
- Promove o teu negocio: márketing sectorial, viral, email e publicidade29 de abril de 2025 12:00Máis información
- Optimiza a túa estratexia de marketing por correo electrónico con Benchmark Email30 de abril de 2025 11:00Máis información
Lenda:
Evento Aberto
Evento Pechado/Cancelado
Inscrito a este evento