Actualidade

« Atrás

Dixitalización e Transformación Dixital

Data:  venres, 04 de decembro de 2020

 

A miúdo falamos de dixitalización e transformación dixital coma se fosen sinónimos, palabras co mesmo concepto, pero non o son. Por tanto, imos ver cales son as diferenzas entre estes dous conceptos.
 
Podemos dicir que dixitalización é o proceso de converter o tradicional en dixital, por exemplo, cando escaneamos un documento e pasámolo dunha contorna física a un dixital. Tradicionalmente, unha factura que se imprime nun papel dóbrase e envíase por correo nun sobre, agora imprimímola en pdf e enviámola por correo electrónico. Os procesos son practicamente os mesmos, pero agora dixitais. Isto permítenos aforrar custos e ser máis eficientes.
 
A transformación dixital é moito máis ambiciosa e ten dous obxectivos claros: transformar e adaptarse ao mundo actual, ao mundo dixital, aos hábitos dixitais da clientela. Por tanto, consiste en realizar unha transformación profunda dos procesos e os modelos de negocio para espremer ao máximo as novas tecnoloxías dixitais. 
 
Os procesos de dixitalización non son novos. Desde finais dos 80 están a levarse a cabo de forma constante dixitalización de arquivos, implantación de CRM, nóminas, etc., facendo o traballo moito máis rápido e efectivo, pero sen transformar ningún proceso, son como antes, pero dixitais. Unha tenda que pon en funcionamento unha páxina web para venda en liña o que fai é dixitalizar a venda, pero non a transformou.
 
Un exemplo claro do que é dixitalización ou transformación dixital é o caso de empresas de VTC – Vehículos de arrendamento e condutor- e o gremio do taxi. Os/as taxistas levan tempo inmersos nun proceso de dixitalización, adoptando navegadores para buscar roteiros alternativos ao tráfico, facilitando o pago con tarxetas de crédito ou pedir un servizo por teléfono. Dixitalizaron os principais procesos do seu negocio, a petición, o pago e o desprazamento.
 
Pola contra, as empresas de VTC o que fixeron é dixitalizar a estratexia de negocio centrándose na persoa usuaria. Usan os dispositivos móbiles da súa clientela como ferramenta da súa formulación: a clientela pode facer unha reserva a través da súa plataforma e grazas aos mapas dixitalizados e apps de tráfico en tempo real son capaces de ofrecerlle á súa clientela un orzamento axustado a ese servizo en concreto, o pago cárgase automaticamente na tarxeta e pode estar a monitorar a espera do vehículo en tempo real: dixitalizaron a estratexia e o modelo de negocio.
 
En moitas empresas o proceso de dixitalización é unha operación previa á transformación dixital. Unha vez completada a dixitalización chegaches ao final do proceso, pero a transformación dixital non ten fin, é unha evolución, unha adaptación constante e en paralelo aos novos avances en tecnoloxía para tentar crear novas oportunidades de negocio e poder ofrecer á túa clientela un mellor e efectivo servizo.
 
Como podemos ver, as diferenzas son máis que notables. Esta carreira tecnolóxica na que estamos inmersos obriga a PEMES, persoas autónomas e persoas emprendedoras a adoptar este tipo de tarefas para ser competitivos nun mercado global e súper dixitalizado como o que vivimos. Isto supón un gran esforzo, un esforzo económico en moitas ocasións, pero tamén un esforzo de formación e coñecemento deste tipo de ferramentas, polo que o gasto xerado nesta formación debe verse como un investimento de futuro.
 
Desde que en 2008 aparecen os primeiros Smartphone no mercado e as grandes tecnolóxicas asolagáronnos de aplicacións e servizos que hoxe en día usamos de forma masiva e con total naturalidade, os hábitos de consumo, e a sociedade en xeral, transformáronse en dixitais. Cada vez somos máis dixitais, a clientela demanda este tipo de servizos e as empresas teñen que responder a esa demanda.
 
Por tanto, o iniciar un labor de transformación dixital da túa empresa ou negocio converteuse hoxe nunha necesidade real, é unha necesidade de supervivencia empresarial. Se os teus adversarios/as adoptaron ferramentas e tecnoloxías que lle ofrecen unha vantaxe competitiva inicialmente estas en desvantaxe, pero co tempo serás cada vez menos competitivo e terminarás desaparecendo do mercado. 
 
Unha vez que se toma a decisión de afrontar o reto desta transformación dixital hai que mirar cara adiante, mirar cara ao que se nos aveciña nun período moi curto de tempo: o desembarco de tecnoloxías como o 5G, que xa está en marcha, o IoT – Internet das cousas – e a AI –Intelixencia Artificial- van supoñer novas e novidosas oportunidades de negocio, novas formas de achegarse ás persoas consumidoras, de saber con antelación as súas preferencias de consumo, novos servizos, novas formas de facer as cousas.
 
Manuel Freire
Asesor del CPED

Fonte:  SmartPeme