Actualidade

« Atrás

Comeza a utilizar a túa conta de LinkedIn e aprende a sacarlle partido

Data:  martes, 13 de outubro de 2015

LinkedIn converteuse hoxe en día na rede social máis respectada a nivel profesional; polo tanto, é o mellor lugar para mostrar os nosos logros profesionais e que estes sexan visibles para o ámbito profesional no que nos desenvolvemos e para a nosa clientela.  
É unha rede social que vai máis alá dun simple currículo, xa que nos permite conectar con novos e novas profesionais e conseguir outras oportunidades. Ademais, ofrécelles axuda ao persoal traballador autónomo, micropemes e pemes para conseguir contactos e clientela.  
Para poder sacarlle partido a esta rede o primeiro que hai que facer é optimizala e para iso aquí propomos algúns consellos:
 
1.Enriquecer o noso perfil:
Insire a túa traxectoria profesional. Dedícalle o tempo necesario a completar esta información xa que terás que describir ben o teu traballo. Non só se trata de poñer o cargo que ocupas.
Suxestión: lembra que a primeira liña da descrición do teu posto é importante polo cal terás que resumir o teu traballo nesa liña e, a partir dela, resaltar as partes máis relevantes.
 
2.Pon sempre a túa foto. É necesario e importante xa que os perfís máis consultados son as que teñen fotos de perfil. Non poñas imaxes indecorosas, lembra que é unha rede profesional e a primeira impresión sempre conta. 
 
3.Comeza a crear un extracto no teu perfil: moitas persoas non teñen claro que poñer ou se preguntan ¿que é un extracto?; pois é simplemente o resumo da túa carreira profesional. O extracto é a túa carta de presentación e será a oportunidade de situarte mellor que outros e outras profesionais nesta rede. Por iso suxiro sempre falar en primeira persoa destacando que é o que te diferencia do resto de profesionais, explica quen es de forma precisa, inclúe as túas mellores habilidades ou os teus mellores logros obtidos (non poñas todos, só os máis importantes), ou menciona as empresas máis destacables onde traballaches. 
 
4.Localiza os teus contactos e comeza a te relacionar con eles: atopa membros que che interesen, non só amizades, lembra que isto non é Facebook e que se trata de atopar persoas interesantes profesionalmente coas que seguramente che gustaría contactar; búscaas e envíalles unha invitación. Para iso é mellor que uses a opción de procuras avanzadas e verás que conseguirás mellores resultados. 
 
5.Unha vez que o teu perfil, experiencia e extracto estea completado, revisa como mínimo unha vez ao mes o teu LinkedIn e realiza os cambios que creas necesario. Suxíroche que manteñas desactivadas as notificacións de cambios para os teus contactos xa que, ao estaren activadas, cada vez que realices un cambio os teus contactos o verán, e así con todos os que fagas.
 
6.Se traballas en varios idiomas é necesario que crees o perfil noutro á parte do nativo. Non basta con dicir que sabes outro idioma, demóstrao. Iso axudarache a situar o teu perfil. Simplemente diríxete á túa páxina de perfil, preme o botón "Ver perfil como" e selecciona "Crear perfil noutro idioma". 
 
7.Pídelles recomendacións aos teus antigos xefes, colegas de traballo, clientela, persoas que fosen socias túas, pero ollo: non che aconsello pedir recomendacións a amizades directas salvo no caso de que traballases directamente con elas. Esta función non só serve se estás en procura activa de traballo ou de persoas compradoras, sérvenos en calquera momento. 
 
Se pertences ao persoal traballador autónomo é o momento de pedir recomendacións á túa clientela satisfeita. Lembra que as súas amizades van ver a túa recomendación e cando necesiten algún dos teus servizos seguramente pensarán en ti, que dunha ou doutra maneira xa te coñecen e teñen as túas referencias. 
 
8.Utiliza a función de aptitudes e pídelles aos teus contactos cos que traballaches ou clientela que as validen.
 
9.Personaliza a túa ligazón, así terás un vínculo co teu nome en LinkedIn. Lembra que es a túa propia marca e non son uns caracteres raros polo que vén definido cando creas o teu perfil. Recomendámosche poñer o teu nome ou en caso de negocio o nome deste. Esta ligazón podes agregala ao teu currículo e á túa páxina web, redes sociais etc., e é unha boa presentación para a túa clientela, empresas e para futuros contactos.
 
10.Se tes unha páxina web ou blog non dubides en incluír vínculos cara a eles. Comparte os cambios da túa web ou entrada do teu blog e lévalles tráfico de balde, podes ir alternando compartindo ligazóns de artigos que che gustan, que conteñan contido interesante e relevante para os teus contactos. 
 
11.Slideshare é unha gran ferramenta para mostrar e promover os teus proxectos, produtos ou servizos, agora que  foi adquirido por LinkedIn a integración entre ambas é moi boa. Aproveita e crea as túas presentacións de traballo en Slideshare e logo compárteas en LinkedIn, desa maneira alcanzarás moita máis visibilidade para que outros e outras profesionais, empresas ou clientela coñezan o teu traballo profesional. 
 
Finalmente, suxerímosche unha serie de recomendacións:
 
•É moi importante manter o teu perfil sempre actualizado e optimizado 
•É necesario ter unha participación activa, por iso é recomendable inscribirse nos grupos de discusión de interese ou crear un. Suxíroche que nestes grupos nos que participas colabores, compartas e de cando en vez promovas algo 
•Pon o teu correo persoal no teu perfil de LinkedIn e se queres agregar o da túa empresa pono como secundario
•En cada experiencia de traballo hai opcións para engadir algún elemento como unha foto, un vídeo, un vínculo, etc. É moi recomendable utilizalos para que se poida potenciar o teu traballo.
 
Por suposto, hai moitos máis consellos para sacarlle partido a LinkedIn, pero podes comezar de entrada con estes, que son básicos e cos que verás mellores resultados.
 
Patricia Romero Navarro
Asesor TIC, CPAE 2.0
Deputación de Pontevedra

Fonte:  CPAE