Actualidade

« Atrás

O algoritmo de Instagram

Data:  xoves, 15 de abril de 2021

Instagram é esa rede social que case todas as persoas ou case todas usamos. Está en continuo cambio e, entre eses cambios, está o seu último cambio no algoritmo. Cada vez é máis difícil seguir o paso a esta aplicación e manter o compromiso na túa conta, por iso, imos contar cales foron os últimos cambios no seu algoritmo neste 2021.
E é que o "famoso" algoritmo de Instagram serve para organizar e filtrar os contidos subidos polas persoas usuarias desta aplicación, xa que son millóns e millóns de contas publicando constantemente. Este proceso lóxico serve para mostrar unicamente o contido que interesa a cada persoa (ou que Instagram considera que interesa). O obxectivo? Satisfacer á persoa usuaria para que permaneza máis tempo na rede social.
Segundo Instagram este algoritmo serve para lograr unha comunidade máis verdadeira, que premie as súas persoas usuarias e os contidos de valor. Polo que a primeira conclusión que podemos sacar (xa que ningunha persoa sabe a fórmula exacta do triunfo ao algoritmo) é que o algoritmo non vai depender de ti, senón do teu contido e como reaccione a el a túa comunidade, así que xa sabes, regra de ouro: CREA CONTIDO DE VALOR.
Pero superada esta premisa que sempre debemos ter en conta, cales foron as novidades para este último ano?
- Engagement
A importancia das interaccións que as túas contas seguidoras teñen coa túa marca, e é que as persoas que máis interactúen co teu contido serán as primeiras en ver as túas publicacións. 
Tendo isto en conta, é moi probable que o teu perfil apareza na sección "explora" para as persoas que sigan contas similares á túa.
Respecto a estas interaccións, os likes xa non teñen tanta importancia á hora de medir a repercusión dunha aplicación, agora entran outros aspectos máis importantes en xogo como que esas publicacións se garden ou se compartan. En importancia despois virían os comentarios (que deben ter polo menos 4 palabras) e os likes en último lugar.
E xa, por se todo isto non fose suficiente, os primeiros 15 minutos que compartes a túa publicación son os máis importantes.
- Contido novo.
Instagram dá prioridade ás publicacións recentes, así as túas contas seguidoras poderán ver o teu contido máis actual na parte superior. Pero ollo, é importante para iso que coñezas cando está a túa audiencia conectada (consulta as estatísticas regularmente!). 
O algoritmo premia a constancia, gústalle que se publique con regularidade. Para logralo e non esquecernos da calidade dos contidos que publiquemos é interesante planificar, crear un calendario que nos axude a organizarnos será unha ferramenta perfecta.
- Mensaxes directas.
Anima a túas contas seguidoras a que che envíen mensaxes directas coas súas preguntas ou comentarios, a túa conta terá máis alcance.
- Tempo de uso.
Instagram ten en conta o tempo que pasas na aplicación e as veces que buscas unha conta e canto tempo pasas esculcándoa.
- Formatos.
Trata de publicar contido variado utilizando todos os formatos que permite a plataforma: post, reel, IGTV e historias, Instagram premiarache con máis alcance. 
Intégraas na túa estratexia de contidos, xa que che permitirá crear contido moi variado adaptado a túa  "buyer persoa".
Ten en conta todos estes puntos e planifica, planifica e planifica, ter unha estratexia e contidos interesantes logrará que triunfes en Instagram.
 
María Aller
Asesora TIC 
 

 

Fonte:  SMARTPEME