Actualidade

III Programa de Crecemento de SmartPeme na zona de Vigo - Baixo Miño

Data:  martes, 16 de setembro de 2025

 

O programa de Crecemento da Deputación de Pontevedra, levado a cabo a través do seu servicio Smartpeme+, nace coa finalidade de apoiar as empresas da provincia que se atopen en fase de crecemento e que busquen consolidarse no mercado. Conscientes da importancia de fortalecer o tecido empresarial local, este programa ofrece formación especializada e asesoramento estratéxico para axudar ás empresas a mellorar a súa competitividade e sustentabilidade.

Nesta terceira edición, o programa desenvolverase na zona de Vigo e Baixo Miño.

A quen vai dirixido? 
 

O Programa Crecemento está dirixido as persoas autónomas e as empresas da provincia de Pontevedra que cumpran os seguintes requisitos:

  • Dirixido a empresas e profesionais que recentemente iniciaron a súa actividade e buscan impulso, así como a aqueles que desexan consolidar, reorientar ou expandir o seu negocio con novas liñas. É requisito que a empresa teña o seu domicilio social e principal na provincia de Pontevedra ou, no caso de non estar formalmente constituída, que a persoa responsable resida na provincia.
  • Contar cunha preparación técnica axeitada para desenvolver o proceso de crecemento e consolidación, ademais dun alto grao de motivación e compromiso co Programa.
  • Ter un interese real en potenciar as propias capacidades e habilidades para fortalecer e expandir o proxecto empresarial.
  • Dispoñibilidade e compatibilidade horaria para participar activamente nas actividades programadas.

Plazo de inscrición

 

O prazo para presentar as solicitudes finalizará o 30 de setembro ás 23:59 horas, sendo desestimadas aquelas candidaturas enviadas fóra de prazo.

A tramitación da solicitude realizarase exclusivamente en liña ata a data mencionada, e durante este período poderá accederse ao formulario correspondente a través da páxina web de SmartPeme+ https://smartpeme.depo.gal/

Documentación a presentar

 

A continuación, detállase a documentación que deberá entregarse dentro do prazo de inscrición para a avaliación das candidaturas. 
  1. Memoria do proxecto: as empresas deberán presentar unha memoria detallada cunha extensión máxima de 5 páxinas. Nela, deberán especificarse os obxectivos do proxecto e as metas que se buscan alcanzar a través da súa participación nesta III Edición do Programa de Emprendemento. A memoria poderá variar segundo os aspectos que a persoa candidata considere relevantes, pero debe obrigatoriamente incluir o seguinte:
    • Obxectivo principal do proxecto 
    • Misión, visión e valores da empresa 
    • Descrición da actividade a realizar 
    • Descrición do produto ou servizo ofrecido 
    • Expectativas e obxectivos que se queren acadar grazas á participación no Programa de Emprendemento 
  2. Perfil dos participantes: presentación do equipo que formará parte do proxecto e da persoa delegada para asistir ao Programa. Valorarase tanto a preparación técnica do equipo como a súa experiencia e compromiso coa execución do proxecto. 

Proceso de selección e criterios de avaliación 

 

Unha vez rematado o prazo de presentación de candidaturas, o equipo técnico de SmartPeme+ levará a cabo un proceso de preselección dos proxectos, baseado na documentación recibida das persoas interesadas. Se valorará conforme aos seguintes criterios:

  • A persoa delegada para asistir ao Programa deberá proporcionar unha declaración de dispoñibilidade, que acredite a súa capacidade para asistir ás actividades e asesoramentos programados. A ausencia desta declaración supón a exclusión automática da candidatura.
  • Asistencia ás actividades do Programa: A persoa responsable do proxecto ou outra persoa designada deberá asistir a un mínimo do 75% das formacións e actividades propostas. Unha falta de asistencia superior ao 25% será motivo de exclusión do Programa.

Os proxectos que superen a preselección en función dos criterios anteriores serán convocados para realizar unha entrevista co fin de coñecer mellor o seu potencial de negocio, implicación e necesidades.

As entrevistas serán realizadas polo equipo técnico de SmartPeme+ e membros do Comité de Avaliación.

Unha vez realizadas as entrevistas e elaborados os informes correspondentes, o Comité de Avaliación procederá á selección dos proxectos para participar no Programa.

O equipo técnico poderá solicitar información adicional ás persoas solicitantes en calquera momento durante o proceso. Se as persoas candidatas non cumprisen cos requisitos de información dentro dun prazo de 3 días hábiles, a súa solicitude será considerada desistida.

Cada un dos criterios será valorado nunha escala do 1 ao 5, sendo 1 a puntuación máis baixa e 5 a máis alta. Estas valoracións serán debatidas e discutidas polo Comité de Avaliación.

Se se produce un empate entre as candidaturas, a data de presentación dos proxectos será utilizada para resolver o empate, dando prioridade á/s candidatura/s recibida/s primeiro.

O Comité de Avaliación será responsable da interpretación das bases e da resolución de calquera discrepancia relacionada coas mesmas ou co proceso de selección.

Se se require calquera aclaración ou se xurdisen discrepancias respecto ás bases, poderá enviarse un correo electrónico á dirección info.smartpeme@depo.es.

O Comité de Avaliación estará composto polas seguintes persoas:

  • Titular: responsable do proxecto SmartPeme+ pola Área de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra.
  • Suplente: membro do equipo de coordinación de SmartPeme+.
  • Titular: membro do equipo de coordinación de SmartPeme+.
  • Suplente: asesor TIC do proxecto SmartPeme+.
  • Titular: asesor TIC do proxecto SmartPeme+.
  • Suplente: asesor emprendemento do proxecto SmartPeme+.

Despois das avaliacións, o Comité de Avaliación elaborará unha lista priorizada cos proxectos seleccionados e outra con proxectos suplentes. A selección ou exclusión das candidaturas será notificada de forma individual a cada persoa candidata e publicada na páxina web de SmartPeme+.

As puntuacións obtidas serán definitivas, confidenciais e inapelables.

Periodo lectivo 
 

As actividades do Programa Crecemento desenvolveranse entre o 06 de outubro de 2025 e o 07 de xaneiro de 2026.

O total de horas dedicadas a formación e asesoramento será de 60, distribuídas ao longo do período do programa.

Ofreceranse asesoramentos individuais e personalizados, adaptados ás necesidades específicas de cada participante. Aínda que se priorizarán os asesoramentos presenciais, tamén se poderá optar por realizar asesoramentos de maneira telemática, segundo as circunstancias de cada persoa.

As actividades formativas realizaranse principalmente de forma presencial nas instalacións das oficinas SmartPeme+, co obxectivo de fomentar o traballo en equipo e promover a creación de espazos colaborativos entre as persoas seleccionadas, que poderán provir de calquera parte da provincia de Pontevedra.

Actividades 
 
O Programa de Crecemento seguirá as seguintes áreas temáticas e actividades: 
 
 
 

 

Inscripción no Programa 

 
Para inscribirte no programa, clica na seguinte ligazón: solicita aquí a túa praza
 
Para calquera dúbida ou consulta, podes contactar co equipo do proxecto en: 
 
SmartPeme+ Pontevedra 
Benito Corbal 24-26.  
Entresollado B 
36001 Pontevedra 
Enderezo electrónico: info.smartpeme@depo.es
Teléfono: 886 202 020 
 
Toda a información proporcionada para a valoración das candidaturas será tratada de maneira estritamente confidencial e utilizada exclusivamente para os fins nos que foi solicitada. 
 

Certificado participación 

 
Co fin de recoñecer o compromiso e o esforzo das empresas participantes no programa, outorgarase un certificado ou selo acreditativo que permitirá destacar a súa participación. 
 
O certificado entregarase en formato físico e dixital, facilitando desta maneira a súa exhibición tanto no establecemento como na páxina web ou outros canles online da empresa.  
 

Entrega de premios 

 
O comité de avaliación entregará un premio á mellor iniciativa de emprendemento, valorando aspectos como o carácter innovador do proxecto, o nivel de dixitalización e a súa escalabilidade. Para acceder ao premio, as persoas participantes deberán presentar unha memoria que recolla a evolución da súa empresa ao longo do programa. 
 
O premio consistirá nunha dotación en formación valorada en 500,00€, para o que o equipo de coordinación proporcionará un listado de empresas e profesionais especializados. Entre as opcións dispoñibles incluiranse empresas de formación que sexan usuarias da rede SmartPeme+, promovendo así esta iniciativa. Non obstante, se a empresa gañadora o prefire, poderá propoñer outro provedor de formación, o cal deberá ser validado por Smartpeme+. 
 
O comité de avaliación terá en conta os seguintes criterios para a selección da mellor iniciativa: 
  • Evolución durante o programa (1-5): Valorarase como o proxecto avanzou ao longo da súa participación no programa, tendo en conta o seu crecemento, adaptación e melloras implementadas. 
  • Impacto na provincia de Pontevedra (1-5): Valorarase a contribución á creación de emprego, a sustentabilidade e o impacto social positivo na provincia. 
  • Viabilidade do proxecto (1-5): Analizarase a capacidade de crecemento sostido no tempo e a coherencia da estratexia. 
  • Incorporación de elementos innovadores (1-5): Teranse en conta os recursos intelectuais ou materiais que impulsen a innovación e a creación de vantaxes competitivas. 
  • Estratexia de desenvolvemento dixital (1-5): Avaliarase a integración da tecnoloxía no modelo de negocio para mellorar o rendemento empresarial. 
 

Normas xerais 

  • Para a presentación das candidaturas, é obrigatoria a utilización do formulario. 
  • Poderá presentar a súa solicitude toda persoa maior de idade da provincia de Pontevedra que desexe poñer en marcha e consolidar o seu proxecto de emprendemento. 
  • Se o proxecto xa está constituído como entidade xurídica, esta debe ter o seu domicilio social e centro de actividade principal na provincia de Pontevedra. 
  • No caso de que o proxecto non estea aínda constituído como entidade xurídica, o equipo promotor debe residir na provincia de Pontevedra. 
  • As persoas solicitantes serán responsables de garantir que os datos proporcionados sexan correctos, verídicos e completos. 
  • A Deputación de Pontevedra poderá denegar o acceso á convocatoria se se comprobase que os datos son falsos ou inexactos. 
  • O medio de comunicación preferente durante o proceso de selección será o correo electrónico. 
  • Todas as persoas solicitantes presentan as súas candidaturas baixo a súa única e exclusiva responsabilidade, garantindo que o contido das mesmas non infrinxe ningún dereito, en particular os dereitos de propiedade intelectual de terceiros. 
  • Neste sentido, a Deputación e os colaboradores exímense de toda responsabilidade derivada de reclamacións de terceiras partes.

Fonte:  SmartPeme+



Non hai comentario aínda. Ser o primeiro.