Axudas e subvencións

Beneficiarios: 1.- Sociedades mercantís existentes ou en constitución que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que desenvolvan no centro obxecto do proxecto algunha das actividades subvencionables que se sinalan nestas bases para cada tipo de proxecto subvencionable.

c) Que acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25% do seu importe, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo. Para estes efectos, o Igape poderá esixir nas resolucións de concesión un determinado nivel de fondos propios que deberá acreditar o beneficiario.

2.- Non poderán ter a condición de beneficiarios as sociedades mercantís cuxa actividade estea comprendida nas excluídas polo artigo 1.2 do Decreto 432/2009.

3.- Non poderán ter a condición de beneficiarios as sociedades que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

4.- Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en crise.

5.- Non poderán ter a condición de beneficiarios as sociedades mercantís en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei de subvencións de Galicia.
Entidade: IGAPE - Instituto Galego de Promoción Económica
Estado: Finalizada

Descrición da axuda

Liña de axuda para proxectos de servizos avanzados intensivos en emprego, dirixida a actividades terciarias destinadas ao consumo por terceiros ou unidades produtivas da mesma empresa ou grupo empresarial e que deberán caracterizarse polos altos requirimentos de capital humano e tecnolóxico.

Requisitos

Os proxectos deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Os proxectos de servizos avanzados terán que contar cun investimento subvencionable, que supere os 100.000 euros, e que sexa viable técnica, económica, financeira e ambientalmente.

b) Para os proxectos de ampliación de instalacións existentes, cando a base sobre a que se calcula a subvención sexa o investimento subvencionable, este deberá ser ademais, superior a 1,5 veces a dotación media para amortizacións do inmobilizado, circunscrita ao centro obxecto dos novos investimentos, nos 3 últimos exercicios pechados.

c) Os proxectos terán que incluír o compromiso de crear como mínimo 10 novos postos de traballo con carácter indefinido asociado ao investimento subvencionable.

d) Os proxectos terán que incluír o compromiso de manter o emprego medio existente nos últimos 12 meses antes da solicitude. Na resolución de concesión establecerase o prazo de mantemento do emprego durante un período mínimo de cinco anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, salvo no caso de peme, que poderá ser de tres anos.

e) Cumprir as condicións establecidas no Decreto 432/2009, do 11 de decembro, para que os proxectos de emprego poidan recibir axuda.

* Requisitos dos proxectos subvencionables:

a) Os investimentos previstos polo solicitante deberán ser especificados na solicitude, coa planificación anualizada destes.

b) Para a determinación dos importes subvencionables observaranse, de ser o caso, os criterios e módulos de custo máximo subvencionable aprobados polo Consello de Dirección do Igape para os distintos conceptos que, de ser o caso, prevalecerán sobre os seus prezos de adquisición.

c) Os investimentos deberán realizarse en bens novos ou de primeiro uso empresarial.

d) Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

e) Os investimentos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante. Para os efectos destas bases reguladoras, considéranse persoas ou entidades vinculadas, cando concorran as circunstancias establecidas no artigo 16.3 do Real Decreto 4/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da lei do imposto de sociedades.

f) O investimento terá que manterse, vinculado á actividade económica subvencionable, no centro de traballo en Galicia durante os 5 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto, prazo que poderá reducirse a 3 no caso de que o beneficiario cumpra os límites de pequena e mediana empresa e non se trate de bens inmobles.

g) No caso dos activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado, 4) figurarán no activo da empresa e permanecerán no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de 5 anos ou de 3 anos en caso de pemes.

h) Cando o importe do investimento subvencionable supere as contías establecidas no Texto Refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase escrito aclaratorio indicativo desta circunstancia, asinado polo representante legal. Para modificar o provedor seleccionado deberá pedir previamente á súa contratación, autorización ao Igape xustificando as razóns do cambio.

i) En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Aviso legal

  • A Deputación de Pontevedra non se responsabiliza das omisións, imprecisións ou erros que se puidesen producir nos datos ou documentos aquí facilitados, nin das consecuencias que poidan orixinarse pola súa utilización.
  • A información ofrecida por este medio faise únicamente a título informativo, e a Deputación de Pontevedra resérvase o dereito de suspender a súa difusión total ou parcialmente e de modifica-la estructura e contidos deste sitio sen previo aviso.
  • A Deputación de Pontevedra facilita a consulta libre e gratuita desta información, permitindo a copia e distribución de páxinas sempre que a fonte sexa citada, non se manipulen nin alteren os contidos e non se utilicen directamente con fins comerciais.