Axudas e subvencións

Beneficiarios: 1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en adiante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

No caso de empresas, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme).

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados polo solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

2. Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice o beneficiario á realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 20.b) destas bases.

3. Deberá acreditarse unha antigüidade da actividade turística de aloxamento e restauración no establecemento para o cal se solicita a subvención non inferior á 5 anos á data de solicitude da axuda (tanto da actividade como do establecemento). Para estes efectos, tomarase como data de referencia para o cálculo da antigüidade a data de inscrición no REAT.

4. Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

5. Unha vez ditada a resolución de concesión, os cambios na persoa beneficiaria da subvención, por cambio na titularidade do establecemento, terán que ser previamente autorizados pola Administración concedente.
Entidade: IGAPE - Instituto Galego de Promoción Económica
Financiación: 1. Considéranse gastos subvencionables os investimentos netos en que incorrese a entidade solicitante como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados.

2. Ademais dos gastos de obra vencellados coa execución do proxecto, serán gastos subvencionables os servizos profesionais vinculados ao proxecto, como honorarios técnicos de redacción do proxecto e de dirección de obra. Os honorarios técnicos non serán superiores ao 6 % do investimento neto admitido.

3. Non son gastos subvencionables aqueles conceptos que non estean directamente relacionados coa actuación subvencionable e, en ningún caso, os seguintes:

a) Adquisición de terreos, edificacións, locais e elementos de transporte.

b) Gastos correntes da empresa e a adquisición de material non inventariable, así como menaxe de cociña e comedor (vaixela, xogos de cubertos, cristalaría e pequenos utensilios), enxoval das habitacións e baños, e adquisición de bens de embelecemento e decoración de estancias.

c) Obras de mantemento do establecemento, entendendo por tales as que se realizan periodicamente para manter a edificación en perfecto uso (limpeza de canlóns, pintura, arranxos de carpintaría...).

d) Seguros, taxas por autorizacións administrativas, licenzas ou similares.

e) Gastos de conectividade.

f) Activos adquiridos mediante leasing ou renting nin os que fosen fabricados, realizados ou desenvolvidos pola entidade solicitante.

4. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

5. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na normativa de contratos do sector público para os contratos menores (40.000 € no caso de obras e 15.000 € no caso de subministracións, excluído en ambos os dous casos o IVE), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da obra, ou a adquisición do ben, agás que polas especiais características dos gastos non exista no mercado un número suficiente de entidades que as realicen ou subministren, ao abeiro do disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cando a oferta elixida non recaia na proposta económica máis vantaxosa presentarase tamén unha memoria xustificativa da elección realizada.
Plazo: 07/03/2022
Estado: Finalizada
Web: http://www.igape.es/es/base-xeral-de-axudas/ficha/CULT046

Descrición da axuda

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación para a mellora das infraestruturas dos establecementos de aloxamento turístico e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:

a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

b) As empresas de restauración que se enmarquen dentro do grupo I do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

2. Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2022. En ningún caso se admitirán nin facturas nin xustificantes de pagamento anteriores á dita data.

Aviso legal

  • A Deputación de Pontevedra non se responsabiliza das omisións, imprecisións ou erros que se puidesen producir nos datos ou documentos aquí facilitados, nin das consecuencias que poidan orixinarse pola súa utilización.
  • A información ofrecida por este medio faise únicamente a título informativo, e a Deputación de Pontevedra resérvase o dereito de suspender a súa difusión total ou parcialmente e de modifica-la estructura e contidos deste sitio sen previo aviso.
  • A Deputación de Pontevedra facilita a consulta libre e gratuita desta información, permitindo a copia e distribución de páxinas sempre que a fonte sexa citada, non se manipulen nin alteren os contidos e non se utilicen directamente con fins comerciais.