Actualidade

« Atrás

Xa está aquí BERT

Data:  venres, 13 de decembro de 2019

 
A nova actualización do algoritmo de Google, BERT (siglas de Bidirectional Encoder Representations from Transformers) cambiará substancialmente a forma en que o buscador mostra os resultados. É, sen dúbida, un dos cambios máis importantes dos últimos anos e ofrecerá respostas baseadas no contexto e, por tanto, moito máis certeiras á hora de cubrir as nosas necesidades.
 
Inspirado pola dinámica crecente das procuras por voz que facemos desde o móbil, BERT ten como obxectivo interpretar a linguaxe das nosas procuras dunha maneira máis natural. Ata a chegada deste novo cambio no algoritmo, estímase que Google non tiña resposta (idónea) para o 15% das consultas que se realizaban desde o buscador. A gran achega de BERT é que permite unha comunicación bidireccional, é dicir, que para interpretar o termo introducido en contexto, tense en conta tanto a palabra anterior como a posterior.
 
Poñamos un exemplo: 
 
Ata  agora, unha procura como "2019 viaxar de Brasil a EEUU fai falta visado" devolvíanos como primeiro resultado un artigo do xornal Washington Post sobre viaxes a Brasil desde Estados Unidos: Google non entendía a importancia da preposición "a" na frase. Agora, con BERT, Google mostra como primeiro resultado a web da embaixada estadounidense en Brasil, concretamente unha páxina sobre visados para os turistas brasileiros
 
(Fonte: https://blog.google/products/search/search-language-understanding-bert)
 
BERT chega, por tanto, para liquidar o problema que deran sempre as preposicións e os pronomes nas consultas en Google. Esta nova ferramenta é útil para consultas máis longas e naturais ou, por exemplo, en procuras nas que a diferenza de significado de preposicións como "por" ou "para" son relevantes. 
 
Un dos factores que prexudican á autoridade dunha páxina ou penalizan o seu posicionamento é aparecer en resultados para palabras crave que nin sequera están dentro do contido. Ofrecer resultados de procura non relevantes para os usuarios é un dos aspectos que se quere eliminar grazas a BERT.
 
As keywords, con todo, continuarán sendo fundamentais para a nosa estratexia SEO pero BERT permitirá que os resultados sexan máis útiles para o contexto das procuras, e, ademais, os escritores e xeradores de contido web poderán preocuparse menos por forzar as palabras crave ou elaborar frases incómodas para ter un mellor encaixe nos criterios de Google. 
 
Aínda falta algún tempo para que o novo algoritmo estea completamente implementado. De feito, o 90% das procuras aínda devolven resultados sen a tecnoloxía BERT. Con todo, o 10% restante xa o está empregando a modo de proba. 
 
Se todo marcha segundo o previsto, os cambios en países de fala non inglesa comezarán a verse nun futuro non moi afastado. O que si parece quedar claro é que todo isto supón unha gran mellora en como accedemos os usuarios á información e aos contidos da internet.
 
 
Adrián Fernández 
Asesor TIC SmartPeme
 

Fonte:  SmartPeme



« Agosto 2020 »
Lu Ma Me Xo Ve Sa Do
1 2
3 4 5 6 7 8 9
10 11 12 13 14 15 16
17 18 19 20 21 22 23
24 25 26 27 28 29 30
31

Non hai eventos

Lenda:

Evento Aberto
Evento Pechado/Cancelado
Inscrito a este evento