Spotify na túa estratexia de márketing - Actualidade
Actualidade
« Atrás
Spotify na túa estratexia de márketing
Data: venres, 29 de outubro de 2021
Sabes que Spotify pode formar parte do teu plan de márketing?
Antes de nada, imos repasar algúns datos que quizais che farán empezar a valorar o uso desta aplicación como ferramenta de márketing nas túas campañas.
Actualmente, Spotify ten 365 millóns de persoas usuarias ao mes activas na "App" e 165 millóns de persoas subscritas á modalidade Premium. Ademais, é a plataforma musical máis popular no mundo.
Con estes datos, imos enumerar os beneficios de incorporar Spotify á túa estratexia:
- Traballamos a identidade corporativa. Unha forma de mostrar cales son os valores e o estilo dunha marca é a través da música. Xeramos imaxe de marca, así como identidade auditiva.
- As persoas usuarias moitas veces asocian determinadas cancións e/ou estilos musicais cunha marca. Se o pensas, seguro que hai algunha canción ou estilo de música que che lembre a unha marca.
- Traballamos o "Lead Magnet", ofrecendo contido gratuíto e de valor que damos ás persoas subscritas a cambio dos seus datos persoais, e, que ese contido sexa unha lista traballada con "temazos" ten moito valor.
Lembra ademais que a creación dunha lista en Spotify é totalmente gratuíta, non é complicado facela e para difundila é tan sinxelo como compartir unha ligazón.
- Creamos contido creativo e orixinal para Redes Sociais.
Outras opcións que tes dentro da ferramenta e que poderiamos utilizar como marca son:
- Sesións grupais nas que todas as persoas que participan e ás que previamente convidamos escoitan o mesmo. Non che parece boa idea para unha empresa de Ioga ou meditación?
- "Playlist colaborativa" coa que interactuaremos coa nosa comunidade.
- E, por último, a "Greenroom". Na "habitación verde de Spotify" poderemos organizar e participar en debates ou charlas coas persoas usuarias a través das salas virtuais.
Que che pareceron estas opcións? Teríalas en conta na túa estratexia?
Ademais, imos ensinar algunhas marcas que usaron Spotify como ferramenta de márketing de forma exitosa:
- McDonald´ s: con listas de reprodución variadas e de diferentes estilos de música que cada persoa selecciona en función do seu estado de ánimo e, en consecuencia, do que lle apeteza escoitar en cada momento.
- Barilla: con listas adaptadas, neste caso, ao tempo de cocción de dous das súas pastas máis populares.
- Adidas: que ten listas específicas adaptadas á intensidade coa que vaiamos adestrar.
María Aller
Asesora TIC
Fonte: SmartPeme