Actualidade

« Atrás

Premios #PontevedraProvincia, Talento Turístico 2018

Data:  venres, 21 de setembro de 2018

A Deputación de Pontevedra consciente da importancia do sector turístico na provincia de Pontevedra, levou a cabo diferentes accións de apoio orientadas a promover a innovación e calidade do sector.
 
Entre estas iniciativas destaca a posta en marcha a principios do 2018 de TurisTIC, programa de asesoramento tecnolóxico específico para as empresas turísticas, enmarcado dentro do proxecto  SmartPeme.
 
Co obxectivo de recoñecer o labor realizado en favor do turismo, a Deputación de Pontevedra convoca, dentro do programa  TurisTIC, a Primeira Edición dos Premios # PontevedraProvincia, Talento Turístico 2018 para apoiar as iniciativas turísticas promovidas na provincia de Pontevedra.
 

 

BASES REGULADORAS

1     Obxecto

A Deputación de Pontevedra organiza os Premios #PontevedraProvincia, Talento Turístico como recoñecemento á innovación e calidade no sector turístico na provincia de Pontevedra.

Mediante as presentes bases regúlase a convocatoria e participación das empresas nos Premios.

2     Categorías de los premios

Establécense as seguintes categorías de participación:

  • Talento Turístico Sustentable. Empresas turísticas que promovan unhas políticas sustentables no desenvolvemento do seu servizo turístico. 
  • Talento Turístico Innovador. Empresas turísticas que integren, dentro dos seus produtos ou servizos turísticos, ferramentas cun impacto relevante (capital humano, procesos, industria, servizos, dixitalización, etc.).
  • Talento Gastronómico. Talentos cociñeiros/ as que presenten un proxecto onde se poña en valor a innovación na cociña e o respecto polo produto KM 0 do territorio.
  • Talento Experiencial. Acción de promoción turística presentada polos xornalistas,  bloggers,  influencers, etc., mediante canles ou ferramentas dixitais, que fose exitosa ou  viral.
  • Talento TIC. Premio á solución máis innovadora desenvolvida por un provedor de ferramentas e servizos TIC especificamente para o sector turístico.

3     Participantes

Poderán presentar candidatura aos premios todas as persoas emprendedoras, autónomas e autónomos e pemes vinculadas á actividade turística, con sede social na provincia de Pontevedra ou que, como mínimo, realicen parte da súa actividade nela.

4     Requisitos a cumprir polas empresas participantes

As empresas deberán satisfacer unha serie de requisitos. O incumprimento de calquera deles supoñerá a denegación da solicitude de participación:

  • Os solicitantes terán que ser persoas xurídicas ou físicas maiores de idade.
  • Ter o seu domicilio social na provincia de Pontevedra ou realizar parte da súa actividade no devandito ámbito xeográfico.
  • Presentar a súa candidatura a unha única categoría.

A participación nos Premios supón a aceptación íntegra destas Bases.

5     Comisión de evaluación

O fallo dos premios realizarao un Xurado integrado por representantes da Deputación de Pontevedra, axentes do sector turístico e provedores TIC, emitindo o seu veredicto en base aos criterios de avaliación establecidos no punto 6 destas Bases.
 
Para facilitar o labor do Xurado e conferir plena seguridade ao procedemento, establécese un equipo técnico que realizará unha primeira verificación do cumprimento dos termos e condicións das presentes Bases por parte das candidaturas recibidas. En particular, descartaranse as candidaturas que non se axusten ás bases, de modo que só se elevarán ao Xurado aquelas propostas analizadas sobre as que non exista dubida algunha sobre a súa adecuación aos Premios.
 

6     Criterios de selección

O Xurado valorará as empresas participantes conforme aos seguintes criterios, sendo algúns comúns a todas as categorías e outros específicos.

  •  Criterios comúns

o   Grao de innovación e calidade dos productos/servicios que ofrecen

o   Impacto da empresa, produto ou servizo na sociedade

o   Creatividade dos proxectos

o   Vinculación coa provincia de Pontevedra

  •  Criterios específicos Talento Turístico Sustentable

o   Misión e políticas corporativas sustentables

o   Integración de aspectos ambientais na xestión e estratexia empresarial

o   Capacidade de aplicar as boas prácticas desenvolvidas a outras empresas ou organizacións

o   Acreditación polo SICTED

  • Criterios específicos Talento Turístico Innovador

o   Grao de impacto das solucións implantadas

o   Vinculación das iniciativas ao incremento de publicidade ou promoción

o   Nivel de transformación dixital dos procesos globais da empresa

o   Acreditación polo  SICTED

  • Criterios específicos Talento Gastronómico

o   Presenza  online propia ou en plataformas específicas do sector

o   Emprego de solucións e ferramentas TIC

o   Servizos de valor engadido (entrega a domicilio, menús especializados…)

o   Acreditación polo  SICTED

o   Posible cata por parte do xurado 

  • Criterios específicos Talento Experiencial

o   Uso innovador do soporte 

o   Frecuencia de publicación

o   Capacidade de difusión e  viralidad

o   Capacidade de Influencia e fama

  • Criterios específicos Talento TlC

o   Nivel de influencia da iniciativa sobre as empresas turísticas

o   Resultados obtidos/esperados a medio e longo prazo

o   Accesibilidade da solución

O Xurado resérvase o dereito de declarar deserta a distinción nalgunha das categorías establecidas cando o estime oportuno.
 
 A decisión en relación co outorgamento dos premios será inapelable, renunciando os participantes á realización de calquera reclamación en tal sentido.
 

7     Participación e prazo de inscripción

Para presentar unha candidatura será necesario cubrir o formulario publicado na páxina web de  SmartPeme smartpeme.depo.gal.

A través do formulario achegarase un resumo executivo explicando a empresa ou proxecto en formato pdf cunha extensión máxima de dez páxinas. 
 
No caso dos participantes da categoría de Talento Gastronómico será preciso achegar tamén a carta ou menú coas súas elaboracións e seleccionar un prato ou tapa para posible cata. Solicítase a cada participante que exprese por escrito no resumo executivo a entregar, o consentimento para a realización de dicha cata no seu establecemento antes do fallo do xurado.
 
O prazo de inscrición comezará o 21 de setembro de 2018 e finalizará o 8 de outubro de 2018. O fallo do Xurado emitirase e comunicará o 24 de outubro de 2018, no Acto de Xornadas TurisTIC no castelo de Soutomaior.
 

8     Premios

Teñen carácter honorífico e non levan achega económica. 
 
Os titulares dos Premios están facultados para facer constar nos seus documentos comerciais a mención #PontevedraProvincia, Talento Turístico con indicación do ano en que se obtivo.
 

9     Aspectos legais

Os participantes autorizan á Deputación de Pontevedra a comunicación e difusión da convocatoria a través de calquera medio (Internet, prensa, televisión, radio, etc.) así como as características e aspectos máis destacados polo que se concederon os premios ás empresas gañadoras.
 
Os solicitantes aseguran a veracidade dos datos facilitados así como o compromiso para probar  documentalmente todos os datos que figuran na inscrición no caso de que así se lles solicite.
 
Todos os solicitantes presentan as súas propostas baixo a súa única e exclusiva responsabilidade, garantindo que o contido das mesmas non infrinxe ningún tipo de dereitos, en particular os de propiedade intelectual de terceiros.
 
A Deputación de Pontevedra non se fai responsable do uso non autorizado por terceiros dos proxectos presentados polos usuarios. En especial, exímese de calquera responsabilidade derivada do uso inadecuado dos proxectos presentados por parte de terceiros mediante a súa copia, manipulación, redistribución ou calquera outra forma, en contornas non desexadas ou ligazóns ilícitas.

 

Se desexas participar nos premios 

Fonte:  SmartPeme



« Maio 2019 »
Lu Ma Me Xo Ve Sa Do
1 2 3 4 5
6 7 8 9 10 11 12
13 14 15 16 17 18 19
20 21 22 23 24 25 26
27 28 29 30 31

Non hai eventos

Lenda:

Evento Aberto
Evento Pechado/Cancelado
Inscrito a este evento