Actualidade

« Atrás

Pontevedra na Sociedade da Información e as novas tecnoloxías

Data:  venres, 19 de decembro de 2014

As Tecnoloxías da Información e a Comunicación, denominadas TIC, son a base da sociedade do coñecemento. Neste contexto, as administracións públicas xogan un papel chave polo seu carácter impulsor tanto para o sector público como para as actividades do ámbito público. Considéranse  pioneiras no impulso ás novas tecnoloxías desde un dobre punto de vista: por unha banda, como usuarias e demostradoras das súas vantaxes, modernizando e ampliando os servizos que lles ofrecen ós cidadáns e garantindo a interoperabilidade e a facilidade de uso por parte destes; por outro, a imprescindible coordinación de esforzos e programas da Administración Xeral do Estado, as comunidades autónomas e as entidades locais.

A Administración Electrónica implica a combinación de novas actitudes por parte do persoal do sector público e cambios na propia organización. A través do uso das TIC melloran os servizos públicos, refórzanse os procesos democráticos e desenvólvense as políticas públicas. De feito, a e-Administración foi un dos segmentos que máis creceu na internet nos últimos anos, sobre todo para asuntos tributarios, a solicitude de axudas sociais ou a verificación dos puntos do carné de conducir, entre outros.

Neste  sentido, cómpre salientar que  a provincia de Pontevedra, a través de varios  proxectos coma "eDepo: a Administración nun click" e "depoTIC", non se está quedando atrás grazas ós seus esforzos para poñerse á altura que lle corresponde. Estas iniciativas supoñen un grande avance ó permitir realizar xestións administrativas a través da internet de maneira máis áxil, rápida e operativa.

Ademais de gañar en axilidade, rapidez e capacidade para indexar contidos, as novas tecnoloxías permiten traballar en rede e compartir coñecementos entre os usuarios e entre as propias institucións e os cidadáns. O valor engadido do traballo en rede atópase en saber xestionar proxectos comúns e estar dispostos a confiar e ser corresponsables.

De acordo co antedito, é preciso ter en conta que o desenvolvemento dunha Administración baseada en novas tecnoloxías da información que aposte pola sociedade do coñecemento adquire especial importancia nunha contorna como Pontevedra. A dispersión e o tamaño das poboacións ou as características demográficas poderían ser obstáculos para o desenvolvemento nunha economía de corte tradicional, pero o paradigma cambiou.

Agora é posible comunicar, intercambiar bens, informar ou xestionar a distancia e en tempo real. Están a acabarse as barreiras da distancia ou a incomunicación, o que permite que as condicións para competir nun mundo globalizado xa non dependan do lugar no que un se atope, senón da súa tecnoloxía, a súa formación e a súa actitude ante a innovación.

Neste contexto, Pontevedra ten ante si enormes desafíos pero tamén grandes oportunidades que xa está a aproveitar grazas ó impulso das administracións. Os programas específicos, as axudas, a formación ou a configuración dun modelo de relación cos cidadáns realmente avanzado están a xerar grandes avances que é preciso consolidar.

Como noutros moitos ámbitos a colaboración conxunta entre o sector público e privado está a dar os seus froitos. Seguir avanzando por esta senda beneficia a ambas as esferas e é a garantía para que Pontevedra aproveite ó máximo as oportunidades que brinda a Sociedade da Información.

Fonte:  Manuel Márquez, socio de PwC



« Agosto 2019 »
Lu Ma Me Xo Ve Sa Do
1 2 3 4
5 6 7 8 9 10 11
12 13 14 15 16 17 18
19 20 21 22 23 24 25
26 27 28 29 30 31

Non hai eventos

Lenda:

Evento Aberto
Evento Pechado/Cancelado
Inscrito a este evento