Actualidade

« Atrás

O e-mail marketing é o teu aliado. A túa estratexia en 6 sinxelos pasos

Data:  xoves, 20 de agosto de 2015

Ante a innegable hexemonía das redes sociais no panorama da mercadotecnia en liña, podería parecer que as campañas de correos electrónicos para trasladar a mensaxe da nosa empresa pasaron a un segundo plano. Pero nada máis lonxe da realidade. O e-mail marketing ou mercadotecnia directa é un dos medios máis eficaces de comunicación cos clientes ou contactos da nosa base de datos de forma personalizada e co que se obtén un ROI (retorno do investimento) máis elevado.

Vantaxes do e-mail marketing fronte ás redes sociais

A principal, sen ningunha dúbida, é que os seguidores de Facebook, Twitter, etc. non nos pertencen. Se nalgún momento (afastado ou non tan afastado) algunha das redes sociais nas que temos presenza desaparece, os datos dos nosos adeptos desaparecerán con ela. Con todo, se utilizamos a nosa base de datos de correos electrónicos (e datos asociados) para poñernos en contacto cos nosos seguidores, teremos esta información sempre dispoñible.

Tamén debemos destacar a capacidade de personalizar a nosa mensaxe en función da información que teñamos da nosa base de datos, do seu histórico en relación coa nosa empresa. Deste xeito a mensaxe segmentada será recibida de forma máis acertada por un destinatario interesado nela.

Isto non significa que debamos prescindir das redes sociais, senón que utilizando unha estratexia combinada obteremos mellores resultados para o noso negocio.

Estratexia de e-mail marketing

Debemos ter en conta que, como en toda acción empresarial, necesitamos contar cunha estratexia na que plasmemos que precisamos, como o faremos e como mediremos os resultados.

  1. Obxectivos

Neste primeiro paso estableceremos o porqué das nosas campañas de e-mail marketing. Os obxectivos deben ser específicos, medibles, alcanzables, realistas e con límite temporal.

Exemplos de obxectivos de e-mail marketing: aumentar nun 10 % as vendas en 3 meses, aumentar o tráfico web que provén da newsletter un 25 % en 1 mes.

  1. Plan de contidos

Debemos determinar que contidos serán os que nos axudarán a conseguir os obxectivos establecidos no paso anterior. Cada un deles terá o seu contido.

Exemplo: se o noso obxectivo é fidelizar os subscritores da nosa newsletter, podemos enviar cupóns especiais con descontos, ofrecer contido de utilidade, organizar un concurso, etc.

Tamén debemos establecer cal será a frecuencia de cada tipo de envío, definindo un calendario de execución para cada un deles. Por exemplo, as newsletters informativas unha vez á semana os luns, cupóns quincenais con ofertas os venres e outros.

  1. Ferramentas de e-mail marketing

Existen multitude de ferramentas en liña para a xeración de campañas de e-mail marketing que permiten a súa utilización de forma gratuíta, aínda que con limitacións de subscritores e número de envíos (emendables mediante o pagamento dunha subscrición mensual): Mailchimp, Mailrelay ou Acumbamail, entre outras. Deberemos analizar as características de cada unha delas e utilizar a que máis se adecúe ás nosas necesidades.

  1. Definición do noso público e captación de subscritores

É moi importante ter claro cal é o noso público obxectivo, a quen dirixiremos as nosas campañas, e determinar como conseguilo.

Á parte dos típicos datos sociodemográficos (sexo, idade, residencia…) tamén debemos ter en conta outro tipo de datos de comportamento: cal é a súa forma de interactuar coa nosa marca e coa nosa competencia, que termos utiliza para localizarte, que tipo de contido ou produto demanda, etc.

Para crear ou ampliar a nosa base de datos podemos utilizar diversas técnicas, sempre tendo en conta que debemos cumprir a Lei de protección de datos: realizar concursos, incluír formularios de contacto na nosa web, etc. Unha vez captados estes subscritores, é conveniente segmentalos en diferentes listas de envío para poder personalizar os envíos e asegurarnos de ofrecer a cada quen o contido que máis se axuste ás súas expectativas.

  1. Creación, optimización e envío

Para crear unha campaña de e-mail marketing realmente efectiva debemos ofrecer un bo contido, redactado de forma que atraia a quen o recibe, que sexa atractivo canto ó seu deseño e que inclúa imaxes, ademais de incorporar chamadas á acción, que dirixan o receptor a facer exactamente o que esperamos del.

  1. Analítica

Sen dúbida una das partes fundamentais e moitas veces esquecida é a medición dos resultados da nosa campaña. Sen ela nunca saberemos se a campaña foi exitosa nin como optimizar as seguintes. Para iso debemos definir que métricas ou indicadores utilizaremos. Exemplos de indicadores poden ser o número total de visitas recibidas á web desde a newsletter, o número de baixas desta última, a taxa de apertura e clics a ligazóns contidas no correo ou o dispositivo desde o que se abriron os correos electrónicos, entre outros.

A obtención destes datos é moi sinxela cando utilizamos algunha das ferramentas mencionadas no punto 3, xa que nos achega toda esta información. A nosa tarefa, a máis difícil, será interpretar esta información para mellorar de modo continuo as nosas futuras campañas.

Lanza a túa primeira campaña de e-mail marketing

Tomando como base este artigo, e investindo algo de tempo, a túa empresa xa está preparada para poñerse ó choio. Xa sabes: establece obxectivos e contidos, selecciona que ferramenta utilizarás, define e segmenta o teu público, e tras crear e enviar a túa campaña mide os seus resultados. Optimiza todo o proceso campaña a campaña e verás como o e-mail marketing se converterá nunha das túas ferramentas fundamentais para alcanzar os obxectivos da túa empresa

Fonte:  CPAE



« Agosto 2019 »
Lu Ma Me Xo Ve Sa Do
1 2 3 4
5 6 7 8 9 10 11
12 13 14 15 16 17 18
19 20 21 22 23 24 25
26 27 28 29 30 31

Non hai eventos

Lenda:

Evento Aberto
Evento Pechado/Cancelado
Inscrito a este evento