Instagram, o grande aliado das pequenas empresas - Actualidade
Actualidade
Instagram, o grande aliado das pequenas empresas
Data: venres, 07 de outubro de 2016
Instagram, o grande aliado das pequenas empresas
Día a día podemos constatar o crecente éxito de Instagram, unha das redes sociais máis activas que existen na actualidade, con máis de 400 millóns de usuarios que a avalan.
Instagram é completamente visual; nela só teñen cabida fotografías e vídeos de curta duración. Deste xeito, a imaxe sempre acompaña calquera publicación, característica que confire a Instagram o seu grande atractivo diferencial.
Se es emprendedor ou emprendedora ou unha pequena empresa e te preguntas se Instagram é para ti e pode axudarte no teu negocio, sigue lendo, porque isto interésache.
Instagram axúdate na túa estratexia de branding
Un dos grandes retos das pequenas empresas é darse a coñecer nun mercado global. Para iso temos que fabricar unha estratexia á medida que nos permita promocionar a nosa marca. Aquí é onde a rede social Instagram pode ofrecernos unha grande axuda.
En primeiro lugar prestaremos especial atención ao noso perfil. Debemos utilizar o mesmo nome de usuario en todas as nosas redes sociais, que debería ser a nosa marca: un nome curto, de pronuncia sinxela e fácil de lembrar. Completaremos tamén a información da nosa biografía (unha descrición curta) e incluiremos unha ligazón cara ao sitio web principal da nosa empresa e unha fotografía que nos identifique.
Un dos puntos chave para reforzar a nosa marca e diferenciarnos da competencia é encontrar e manter un estilo propio nas publicacións que realicemos. Debemos contar unha historia e seguir o fío publicación a publicación, imaxe a imaxe. Deste modo atraeremos a atención dos usuarios, do noso público obxectivo, espertaremos o seu interese na nosa marca e conseguiremos que se enganchen ás nosas publicacións.
A través de fotografías e vídeos podemos reflectir un estilo de vida e transmitir os valores que están en liña coa nosa marca: en definitiva, xerar enerxía positiva.
Consellos para conseguir os mellores resultados en Instagram
Outra das vantaxes de Instagram fronte a outras redes coma Facebook ou Twitter, ademais do seu crecente número de usuarios, é a interacción destes coas publicacións. Instagram consegue unha participación maior que outras redes, feito que debemos utilizar ao noso favor.
Existe unha serie de prácticas efectivas para manter o compromiso dos nosos seguidores:
- É recomendable publicar regularmente, polo menos unha vez ao día, para que os nosos seguidores esperen a nosa seguinte publicación e saiban que efectivamente a terán.
- Adoitan suscitar maior interese as fotografías que os vídeos.
- A utilización de hashtags é imprescindible para participar en temas afíns aos da nosa marca, pero, aínda que Instagram non ten límites canto á súa utilización, é recomendable non saturar o usuario: uns cinco por publicación serán máis que suficiente.
- Debemos tentar incluír persoas ou animais nas nosas fotografías, xa que funcionan, de media, máis dun 30 % mellor. Resulta aínda máis efectivo cando se trata de imaxes de usuarios reais da nosa marca, xa que ofrece unha imaxe próxima e accesible.
- Non debemos esquecer a orixe de Instagram como editor de imaxes ao estilo vintage, e tamén que os filtros que podemos aplicar a cada publicación inflúen no resultado.
- Fai repost das imaxes que publiquen os teus clientes utilizando o teu produto ou servizo. Sentirán que pertencen a unha comunidade e que son tidos en conta.
Instagram é unha rede social en evolución constante e, seguindo estes consellos, a túa marca pode beneficiarse das súas bondades e aproveitar todo o seu potencial.
Fonte: SmartPeme