Actualidade

Google deixa sen soporte a Huawei tras o veto de Trump

Data:  martes, 21 de maio de 2019

Os móbiles Huawei poderían quedar obsoletos en moi pouco tempo tras a ruptura coa gran tecnolóxica americana Google, de maneira que os smartphones de Huawei non poderán actualizar o sistema operativo co que operan, Android. Tampouco poderán descargarse aplicacións e servizos populares como Youtube ou Google Maps ou todas aquelas que se incorporen á tenda de Google Play Store nas próximas versións.

O goberno de Donald Trump incluiu o pasado xoves de forma oficial a Huawei nunha lista negra comercial, o que supuxo de maneira inmediata restriccións que complicarán ao xigante tecnolóxico chinés nos seus negocios con compañías estadounidenses. Do mesmo xeito, os principais fabricantes de procesadores coma Broadcom, Intel ou Qualcomm xa informaron aos seus empregados que deixarán de manter relacións con Huawei ata novo aviso.

Tras ser confirmada esta ruptura comercial pola axencia internacional Reuters, a empresa asiática deixará de ter respaldo técnico e colaborativo con Google para os seus servizos e os de Android. Huawei, de momento terá acceso á versión de Android dispoñible a través de licenzas de código aberto, dispoñibles para calquera usuario que queira usalas.

A gran tecnolóxica chinesa, liderada por Ren Zhengfei, é a que lidera a venda de teléfonos móviles en Europa. Segundo o informe Chinese Global Brand Builders 2019, presentado por Kantar Media, destaca que un de cada cinco móviles foi vendido en Europa, pero non é o único smartphone chinés que se atopa no mercado, Xiaomi e Honor están moi preto.

Huawei, a través dun comunicado, deféndese como un aliado clave no desenvolvemento do  sistema operativo Android. Respecto ás actualizacións, Huawei explica que manterá as de seguridade e servizos postventa, aínda que non ven a especificar que pasará coas actualizacións próximas de Android.

 

Fátima Faílde

Asesora SmartPeme

Fonte:  SmartPeme