Actualidade

« Atrás

É o uso das TIC unha cuestión de idade?

Data:  martes, 11 de novembro de 2014

Na actualidade vivimos nunha sociedade cunha economía que depende cada vez máis do uso das  tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC). Ademais, todos sabemos que a internet e as novas tecnoloxías están cada vez máis presentes na nosa vida cotiá e xa non é posible vivir de costas a unha infinidade de ferramentas e dispositivos informáticos que nos fan a vida máis fácil.

Este cambio tecnolóxico está a producirse a unha velocidade que require dos cidadáns que desenvolvan unha capacidade de asimilación e adaptación ós cambios sen precedentes. En paralelo está a ter lugar outro fenómeno, non menos significativo, no ámbito demográfico dos países occidentais: a proporción de persoas maiores de 65 anos está a crecer con maior rapidez que ningún outro grupo de idade, o que se converteu en tendencia nos últimos anos. Tendo en conta estas dúas variables cabe preguntarse se este segmento de poboación está a incorporar as TIC ó seu traballo, á súa vida doméstica ou ó seu lecer.

Cando nos referimos á tecnoloxía acostumamos asociala a persoas novas que viven en contornas urbanas e en poucas ocasións a identificamos con persoas de idade avanzada. A respecto dos datos estatísticos de Galicia en 2013 compróbase que o 33 % dos usuarios de servizos TIC teñen entre 55 e 74 anos. Aínda que parece unha porcentaxe relevante, en realidade os maiores van quedando atrasados no novo tipo de sociedade xa que utilizan as tecnoloxías da información en menor grao que o resto da poboación, xa sexa por falta de interese cara á tecnoloxía ou polas limitacións ou barreiras tanto propias (nivel de formación, grao de discapacidade, etc.) como da contorna.

O paradoxal é que se trata dun dos grupos de poboación que máis poden beneficiarse dos novos avances nesta materia. De feito, algúns destes colectivos atópanse entre os máis beneficiados pola axilidade, a rapidez e a empregabilidade que proporcionan as TIC, tanto no mundo laboral coma no persoal, tanto nas empresas coma nos domicilios ou nos espazos públicos de uso común.

No entanto, resulta esperanzador comprobar que, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística relativos ó uso das TIC por parte da poboación maior, se observa un importante avance no últimos oito anos, nos que aumentou de forma notable o grao de penetración da sociedade da información en Galicia.

A compra a través da internet é a actividade menos frecuente para os maiores. Só un 6,3 % da poboación de entre 65 e 74 anos e un 20 % da de entre 55 e 64 compraron algunha vez a través da rede no 2013. No outro extremo o teléfono móbil é o dispositivo máis empregado, tanto polo conxunto da poboación coma polas persoas de idade avanzada. O uso da telefonía móbil é maioritario no grupo de 55 a 64 anos (91 %). Esta porcentaxe redúcese ó 76,9 % no colectivo de persoas de entre 65 e 74 anos.Cómpre salientar que o número de persoas que utilizou algunha vez a internet é o que experimentou unha maior variación desde 2009, dobrándose entre a poboación de 55 a 64 anos e cuadriplicándose no grupo de idade de 65 e 74 anos.

En base a estes datos comprobamos que a Administración desempeñou un papel importante no impulso e fomento das TIC entre a poboación, con diversas iniciativas para mitigar a fenda dixital entre diferentes colectivos sociais. No caso de Pontevedra podemos destacar importantes proxectos que se puxeron en marcha ó servizo dos cidadáns para realizar xestións coa Administración a través de internet, o que facilitou a realización de trámites  en liña para a poboación e en particular para os maiores.

Neste sentido, podemos ver que os maiores mostran unha maior capacidade, interese e ilusión por aprender, polo que hai seguir potenciando estas pancas de impulso para a súa total e-inclusión na sociedade do coñecemento. Conseguir a implicación proactiva dos nosos maiores tradúcese nunha mellora da súa calidade de vida e, polo tanto, da calidade do conxunto da sociedade.

Fonte:  Manuel Márquez, socio de Sector Público de PwC



« Agosto 2019 »
Lu Ma Me Xo Ve Sa Do
1 2 3 4
5 6 7 8 9 10 11
12 13 14 15 16 17 18
19 20 21 22 23 24 25
26 27 28 29 30 31

Non hai eventos

Lenda:

Evento Aberto
Evento Pechado/Cancelado
Inscrito a este evento