Día Mundial do Turismo 2022 - Actualidade
Actualidade
« Atrás
Día Mundial do Turismo 2022
Data: venres, 09 de setembro de 2022
Un ano máis, o martes 27 de setembro celébrase o Día Mundial do Turismo, coa finalidade de sensibilizar á comunidade internacional sobre a importancia do turismo e o seu valor social, cultural, político e económico.
O Día Mundial do Turismo foi establecido pola Organización Mundial do Turismo (OMT) en setembro de 1979 e a súa celebración oficial comezou en 1980. Esta data foi elixida co obxectivo principal de que coincidise cun fito importante para o sector do turismo a nivel mundial: o aniversario da adopción dos Estatutos da OMT (UNWTO) o 27 de setembro de 1970.
Neste caso, a 42ª edición do Día Mundial do Turismo celébrase baixo o lema "Repensando o turismo" e o evento oficial será organizado por Indonesia, en Bali, un destino á vangarda da reinvención do turismo como piar da sustentabilidade.
O turismo xerou multitude de oportunidades ao longo da historia, emprego, actividade económica, intercambios culturais e sociais, etc. Converténdose, así, nun dos principais sectores económicos a nivel mundial e, en particular, no noso país. Ademais, a pesar do impacto da pandemia, o sector turístico do noso destino Rías Baixas, foi resiliente e lanza unhas cifras de visitantes, ocupación, etc. históricas.
A competitividade do sector turístico enfronta dúas cuestións claves que son a dixitalización e a sustentabilidade.
Por unha banda, a dixitalización, que se viu acelerada nos últimos anos, garante unha mellor experiencia aos nosos visitantes e turistas, mellora a eficiencia das nosas empresas e contribúe á sustentabilidade.
Doutra banda, repensar o turismo é un reto de grandes dimensións, por ser unha parte esencial da nosa economía, no que se ha de ter en conta a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a importancia de tomar decisións baseadas en datos.
Por tanto, ao tratarse dun sector tan dinámico, debemos abordar o futuro do turismo desde unha perspectiva participativa, tendo en conta a todos os actores implicados, xa sexan administracións, destinos, empresas ou poboación local, nun diálogo que defina os novos modelos e que perfile unha imaxe futura baseada nas persoas.
Por último, hai que destacar que o próximo 27 de setembro no Auditorio Mar de Vigo, e coincidindo coa celebración do día mundial do turismo, celebrarase a V Xornada TurisTIC, un encontro de referencia para o sector turístico da provincia de Pontevedra.
Sonia Torres
Asesora TurisTIC
Fonte: SmartPeme