Actualidade

« Atrás

Por que non podemos facer uso do contido dispoñible en internet sen consentimento expreso?

Data:  xoves, 09 de febreiro de 2017

O feito de que un contido estea dispoñible en internet non nos da dereito a poder empregalo xa que este se atopa protexido por dereitos de autor.

Neste senso, a Lei de Propiedade Intelectual (R.D 1/1996) sinala que "todas as creacións orixinais literarias, artísticas ou científicas expresadas por calquera medio ou soporte, tanxible ou intanxible, actualmente coñecido ou que se invente no futuro son obxecto de propiedade intelectual" e polo tanto están protexidas. Asemade, deixa claro que a obra pertence ao autor/a da mesma e para a súa utilización cómpre contar co seu consentimento ou autorización (licenza de uso ou de explotación) agás en dous supostos: docencia (mencionando a autoría) e parodia, sempre é cando non prexudique a obra orixinal.

Esta protección esténdese desde a súa creación ata 70 anos despois de falecido o autor, data na que pasa a ser de "dominio público". No relativo ás fotografías (non consideradas obras artísticas) a súa protección é de 25 anos desde o ano seguinte a súa realización.

Ante esta realidade, que podemos facer se queremos incluír contido que non é noso? No suposto que este teña copyright cómpre contactar co autor e solicitar permiso por escrito, deixando claro o uso que imos facer da súa obra.

Fronte á política de "todos os dereitos reservados" foron aparecendo unha tipoloxía de licenzas que outorga determinados permisos a unha obra, respectando sempre a vontade do autor. Así este pode establecer se permite ou non uso comercial, a transformación da obra orixinal, se quere que se recoñeza a súa autoría ou se o uso inclúe a creación de obras derivadas mantendo a licenza orixinal. Un exemplo de este tipo de licenzas é Creative Commons.

En internet, asemade, podemos atopar diferentes recursos que nos facilitan saber se podemos empregar un contido de forma lícita. Así os buscadores permiten filtrar a busca de imaxes por dereitos de autor; o proxecto Creative Commons conta cun buscador https://search.creativecommons.org/ que facilita a busca de imaxes, vídeos, música... para uso comercial e/ou modificación. Youtube tamén posibilita indicar se buscamos contido baixo licenza creative commons. Por último, salientar que existen bancos de imaxes e/ou vídeos tales como epictura, pixbay, stocksnap.io, lifeofpix, fotolia... que poñen a nosa disposición contido de temática diversa. Se o que precisamos é música podemos visitar as seguintes páxinas: jamendo, magnatune, musicacopyleft, freemusicarchive... É importante ler os requisitos para o uso das mesmas, xa que en algún caso pode ser preciso rexistrarse e/ou para poder descargar o contido contratar algún plan.

Outra opción é botar man daquelas obras que pasaron a ser de dominio público e das que podemos obter máis información na seguinte ligazón: http://www.dominiopublico.es/

O ignorar os dereitos de autor pode ter consecuencias desde dúas perspectivas: legal e de reputación. Así, o autor dunha obra pode demandarnos por facer uso sen permiso da mesma. Asemade, o feito de copiar contido e penalizado polo buscador, o que ten consecuencias negativas con respecto ao noso posicionamento.

Pola contra, que podemos facer se é a nós a quen copian contido? O primeiro paso sería pórse en contacto coa persoa/páxina para que retire o contido explicándolle os nosos motivos (moitas veces copiase por descoñecemento de que non se pode facer). Se non atenden a razóns, o seguinte paso sería denuncialo a Google como unha "infracción de dereitos de autor" a través do seguinte formulario. É importante ter en conta que hai que facer unha notificación por cada infracción, por exemplo, se nos copian un vídeo e unha canción serían dúas notificacións. Tamén cómpre aportar o maior número de detalles para verificar que nos somos o verdadeiro propietario do contido. A posteriori, ou paralelamente, podemos denuncialo perante a xustiza por plaxio.

Eliana Bouzas Collazo.

Fonte:  SmartPeme



« Agosto 2019 »
Lu Ma Me Xo Ve Sa Do
1 2 3 4
5 6 7 8 9 10 11
12 13 14 15 16 17 18
19 20 21 22 23 24 25
26 27 28 29 30 31

Non hai eventos

Lenda:

Evento Aberto
Evento Pechado/Cancelado
Inscrito a este evento