Actualidade

« Atrás

As visitas que teño na miña web son realmente o meu público obxectivo?

Data:  xoves, 04 de febreiro de 2016

Preguntácheste algunha vez quen entra na túa web? Son realmente as persoas que queres ter como visitantes?
 
As respostas a estas preguntas comezan a través da mercadotecnia de contidos, xa que é a mellor maneira de fidelizar as visitas: publicacións acordes aos seus gustos, noticias que lles poidan interesar, non abusar das promocións ou concursos, etc.
Eu, particularmente, para responder estas dúbidas uso a ferramenta de Google Analytics. Neste artigo explicarei como mido o grao de interese que xorde sobre os meus contidos e se estes gustan ás persoas que me visitan.
 
O primeiro é analizar os informes demográficos: hai máis mulleres ca homes? Cal é o rango de idade? Cal é o tempo de permanencia no meu sitio web?
 
 
 
 
Estes indicadores son sinxelos e son o punto de partida para saber cal é o meu público obxectivo e así poder moldear os meus contidos aos seus intereses. Analytics pode darnos unha información de gran valor sobre as visitas que recibimos: qué é o que lles gusta, qué fan no seu tempo libre ou qué tipo de contidos son os que máis buscan a través da web.
 
 
Podemos presumir que xa empezamos a coñecer a nosa audiencia; sabemos que é o que lles gusta. Cómpre salientar que se ademais na nosa web temos un blog, debemos prestar gran atención aos comentarios: se as respostas no teu blog son positivas, imos na boa dirección.
 
Tamén é útil botar unha ollada ao informe de tecnoloxía de Google Analytics para poder optimizar a túa web en base a iso. Este informe non é menos importante que os demais xa que pode resultar de grande utilidade para coñecer en qué plataformas observan o teu contido as persoas visitantes, sexa a través dun iPhone, Samsung ou iPad, entre outros; e así axustar e optimizar a túa web para que estea dispoñible en todos os dispositivos móbiles posibles.
Ademais, este informe tamén che permite analizar o comportamento: duración media da sesión, porcentaxe de novo usuariado, número de visualizacións á páxina ou o camiño percorrido nas visitas. Esta análise é clave á hora de estruturar correctamente a web.
 
Desta forma xa sabemos as preferencias das persoas que nos visitan e o importante é ofrecerlles o que queren. Para profundar máis neste ámbito existen ferramentas gratuítas a modo de enquisas para coñecer máis as súas preferencias.
 
A nosa web é o noso caderno de bitácora, debemos mimalo e telo sempre con contido fresco, interesante e veraz. Non poñas texto por poñer, procura escribir realmente o relevante usando unha linguaxe que produza empatía e lembrando sempre que debes deixar a túa marca presente nos teus contidos.
O resumo que podo ofrecerche é: descubre qué é o que lle gusta á túa audiencia, expono na túa web con contidos atractivos e mide os resultados en Analytics para poder analizar os  indicadores sociais.
 
 
Pablo Sabell.
Asesor CPAE 2.0 Vigo

Fonte:  CPAE