Actualidad

« Atrás

A Deputación de Pontevedra súmase ao festexo da Noite da Enxeñaría en Informática e á transformación TI da nosa terra

Fecha:  jueves, 12 de junio de 2014

Este venres 13 de xuño, Amancio Varela García, xefe do servizo de Novas Tecnoloxías de Deputación de Pontevedra participa na Noite da Enxeñaría en Informática de Galiciacelebrada en Santiago de Compostela (unha cita anual organizada polo CPEIG e que conta co organismo provincial como entidade patrocinadora). Antes desta cita concedeunos unha entrevista para falarnos das innovadoras iniciativas tecnolóxicas da institución pontevedresa a prol da continua modernización da propia Deputación e dos Concellos de Pontevedra así como dos procesos produtivos e a promoción dos produtos e servizos das empresas da provincia.

 
JPEG - 167 KB
Ana Isabel Vázquez deputada provincial, e Amancio Varela, xefe do servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra

-A que responde este interese da Deputación polo afianzamento e impulso da Sociedade da Información e das novas tecnoloxías?

-Desde o ano 2008 a Deputación de Pontevedra ven marcando unha estratexia clara pola optimización e modernización dos servizos públicos nas Administracións Públicas tentando pór en marcha infraestruturas que dean soporte a todos estes servizos. No presente ano 2014 estase a notar unha mellora ostensible na calidade dos servizos que ofrece a Deputación e os Concellos de Pontevedra grazas a plans como eDepo: a administración nun "CLICK" ou depoTIC: a tecnoloxía nas túas mans. Toda esta mellora viu acompañada dunha intensa xestión do cambio para salvar as reticencias que os empregados públicos, as empresas e os cidadáns en xeral teñen coa utilización das novas tecnoloxías.
Con esta mellora, palpable na actualidade, a Deputación de Pontevedra reforza a súa aposta pola Sociedade da Información e do coñecemento, o que vai redundar na optimización dos servizos prestados ós cidadán e na mellora da competitividade e produtividade das empresas da rexión, traducíndose en definitiva nun maior benestar dos cidadáns de toda a provincia.
Queremos optimizar os servizos públicos que prestamos a cidadáns e empresas da provincia de Pontevedra, sobre todo innovando no que é a propia Deputación e os propios Concellos logrando un importante aforro de custes e a optimización de recursos. Todo elo coa posta en marcha de ferramentas 2.0, de goberno 2.0 e de colaboración 2.0.

-Que proxectos ten a Deputación en desenvolvemento na actualidade tanto para a propia entidade como para as Administracións Locais? Podedes avanzarnos algo sobre a actividade TIC da institución para os vindeiros meses?

JPEG - 114.8 KB
Francisco Javier Couñago, Amancio Varela, Ana Isabel Vázquez, Begoña Estévez, Juan Gabriel Fernández e Jose Ramón Pérez durante a presentación de DepoTIC e DepoGAP

-Na actualidade estase traballando en dous frontes moi importantes tanto para a Deputación de Pontevedra como para os Concellos da provincia e, tendo en conta os servizos que estes ofrecen, para os cidadáns, empresas e autónomos da mesma. De cara ás Administracións cabe subliñar que estamos en pleno desenvolvemento de proxectos como depoTIC: "A tecnoloxía nas túas mans". 
Unha das iniciativas máis importantes é a posta en marcha do Centro Provincial de Asesoramento Municipal en novas tecnoloxías (CPAM) que dá solución ao estado deficitario no que se atopan as infraestruturas tecnolóxicas dos concellos, co obxectivo de impulsar o desenvolvemento e a implantación das TIC nas Administracións Locais e, desta forma, eliminar a distancia entre cidadáns, empresas e Concellos. Dentro desta iniciativa dáse servizo a 60 Concellos da provincia de Pontevedra (todos agás Pontevedra e Vigo) en catro actuacións clave: realización dunha auditoría de sistemas e comunicación para coñecer a infraestrutura tecnolóxica dispoñible, a definición dun plan de mellora individual a partir de todos os datos recompilados con propostas de mellora personalizada para cada un dos concellos, a realización dun plan de mellora conxunto despois de obter os resultados das actuacións anteriores e a posta en marcha dun Centro de Atención ó Usuario (CAU) para dar soporte a todos os concellos cun equipo de 12 persoas que prestarán atención de luns a venres, cun horario continuado de 8:00 a 20:00 horas.
Non quero deixar atrás un proxecto moi importante para a Deputación de Pontevedra que decidiu dar resposta a unha necesidade marcada desde os Concellos. Este proxecto é depoGAP: "xestión de activos provinciais" denominación que pon de relevo a idea de control, eficiencia e modernización da Administración que o proxecto achega. A posta en marcha do mesmo permitirá mellorar a xestión dos activos públicos xestionados polos Concellos da provincia, controlando a eficiencia, modernización e contención do gasto e proporcionándolles información para apoiar a toma de decisións. Ademais, acadarase unha redución do impacto sobre o medio ambiente das actividades de mantemento de activos públicos e o reforzo da participación cidadá na xestión dos asuntos públicos, incrementando a súa implicación na mellora dos servizos locais.
O proxecto contempla tres liñas de actuación ben diferenciadas: a implantación dunha ferramenta de xestión dos activos que incluirá un cadro de mando intelixente que apoie a toma de decisións, o inventariado dos activos de cada Concello na propia plataforma e a posta en marcha dun portal web que permita ós cidadáns a consulta de información relativa ós activos municipais e que actúe como canle de comunicación entre estes e a administración.
O proxecto depoGAP está relacionado co concepto de Smart Region. O efecto das Smart Cities ten en España como un dos principais impulsores con múltiples proxectos e casos de éxito, que contan cun claro reflexo na situación no que se atopa a provincia de Pontevedra nestes momentos. Con depoGAP, a Deputación de Pontevedra pon á primeira pedra dunha serie de proxectos encamiñados a facer das cidades e concellos da provincia, cidades e concellos eficientes con un desenvolvemento urbano baseado na sustentabilidade que sexa capaz de responder axeitadamente ás necesidades básicas de institucións, empresas, e dos propios habitantes, tanto no plano económico, como nos aspectos operativos, sociais e ambientais.

-Amancio, a Deputación ten aberta unha liña de actuación en apoio a empresas e autónomos coa posta en marcha en diferentes localidades da provincia da rede de centros CPAE 2.0, centros de asesoramento tecnolóxico. En que consiste a rede? Ademais deste, que outros proxectos están en marcha?

-Como ben sabedes, dende o pasado mes de marzo, está en marcha o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial (CPAE 2.0) orientado a prestación de servizos de información e asesoramento, presencial e personalizado no ámbito TIC (Tecnoloxías da información e Comunicación) e das Novas Tecnoloxías ás microPEME e autónomos da provincia de Pontevedra. O CPAE 2.0 está formado por un total de cinco puntos de atención situados en Cambados, Lalín, O Porriño, Ponteareas e Vigo e complementados por unha oficina coordinadora situada en Pontevedra. Para a prestación destes servizos cóntase con 12 asesores TIC cualificados apoiados por un equipo de coordinación ao que poder remitir as consultas máis complexas e supervisan a realización das propostas.
Dende a posta en marcha dos centros CPAE 2.0 xa pasaron por estes mais de 300 empresas e estase asesorando ás 221 que o solicitaron, resolvéndose un total de 268 consultas de distintas temáticas, que van desde como ter presencia na rede Internet, uso das redes sociais, ferramentas de xestión empresarial, comercio electrónico, certificados dixitais, etc. Os centros CPAE 2.0, ademais do propio asesoramento a microPEME e autónomos, organizan actividades de capacitación tecnolóxica. Neste senso, están xa previstas sesións informativas sobre DNI electrónico, factura electrónica, banca en liña, redes sociais na empresa, presenza online, etc., en función das solicitudes recibidas polas empresas que visitaron as oficinas. 
A experiencia está sendo moi positiva en xeral e os primeiros resultados avalan a posta en marcha de novas oficinas nalgunhas das comarcas nas que temos un maior número de asesoramentos solicitados.
Outra das liñas de traballo en favor do eido empresarial é a posta en marcha do Centro Comercio Virtual (CCV), que consiste nunha nova canle de venda en liña para que os autónomos e as pequenas empresas poidan comercializar servizos ou produtos típicos elaborados por eles. Para lograr este obxectivo, o proxecto inclúe o acompañamento aos produtores na introdución de produtos nas tendas virtuais co apoio, entre outros, dun fotógrafo profesional e de dinamizadores contando con equipamento para a toma de fotografías de calidade (caixas de luz e cámaras fotográficas de alta resolución). O CCV disporá dunha parte específica para os produtores da comarca de Deza de cara a que estes poidan dar saída os seus produtos e servizos típicos. Esta liña de traballo enmarcase dentro do proxecto depoDeza co que a Deputación pretende favorecer a unha comarca que ven sendo unha das máis castigadas pola crise.

-Na idea de favorecer ás empresas tamén estase implantando o proxecto Smart Destinations Pontevedra. Cal é o obxectivo principal desta iniciativa?

JPEG - 20.8 KB
Un dos carteis do programa Smart Destinations

-Smart Destinations é un proxecto innovador que ten como obxectivo redefinir a forma na que actualmente se presenta a oferta turística do destino Rías Baixas modernizándoa coa tendencia actual dos destinos intelixentes. Desta forma, converterase ás Rías Baixas nun destino turístico que contará cunha infraestrutura tecnolóxica de vangarda que garante: o desenvolvemento sustentable do territorio turístico, accesible para todos, que facilita a interacción e integración do visitante coa contorna e incrementa a calidade da súa experiencia no destino. Estamos construíndo unha ferramenta que permita mellorar a súa presenza na web e que proporcione ós turistas unha experiencia diferente que poderán confeccionar segundo os seus gustos e necesidades. A plataforma Smart Destinations, que verá a luz ao longo deste mes de xuño, será a carta de presentación do destino Rías Baixas e de cada un dos seus recursos turísticos.
Esta plataforma conta con utilidades para os profesionais e intermediarios onde as PEME do sector turístico adheridas ao proxecto publicarán as súas ofertas na plataforma, os intermediarios cargarán os seus propios produtos e os usuarios profesionais recibirán información sobre reputación en liña, gustos e preferencias dos usuarios. Desta forma disporase dunha oferta integrada de servizos turísticos integrando a todos os axentes e servizos turísticos nunha única plataforma tecnolóxica. Inclúe por suposto numerosas funcionalidades para o turista que poderá acceder á plataforma a través da web e os dispositivos móbiles, demandar servizos, realizar procuras, planificar a súa viaxe, engadir comentarios, procurar recursos e configurar as súas preferencias. Coa posta en marcha deste proxecto preténdese mellorar o posicionamento da provincia no sector turístico, a rendibilidade actual do sector nas Rías Baixas e a capacidade de prestarlles servizos de calidade por parte das PEME da provincia aos turistas das Rías Baixas.
En definitiva desde a Deputación de Pontevedra temos claro que hai moito traballo que facer pero tamén sabemos que hai moito camiño percorrido e xa están postas as bases dunha sociedade avanzada e moderna o que fainos moito máis competitivos e produtivos.

Fuente:  http://codigocero.com/A-Deputacion-de-Pontevedra-sumase



Calendario de eventos

« Agosto 2019 »
Lu Ma Mi Ju Vi Sa Do
1 2 3 4
5 6 7 8 9 10 11
12 13 14 15 16 17 18
19 20 21 22 23 24 25
26 27 28 29 30 31

No hay eventos

Leyenda:

Evento Abierto
Evento Cerrado/Cancelado
Inscrito a este evento