Axudas e subvencións

Beneficiarios: As empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT sempre que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas
promotoras do proxecto empresarial cualificado como Iebt e se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das axudas e subvencións:
a) Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de dous anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberán acreditar de maneira que faga fe.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das
actuacións anteriores. En especial, por tratarse de axudas cofinanciadas co Fondo Social Europeo, a entidade beneficiaria quedará sometida ás verificacións previstas no artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas ou entidades beneficiarias e, de ser o caso, a
obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos, tal e como establece o artigo 11 d) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos
pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das actuacións de comprobación e control. Os gastos subvencionados deberán poder identificarse na súa documentación contable de forma separada. Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean
exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto de subvención.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. En especial, e dado que as subvencións concedidas ao abeiro desta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, as persoas ou entidades beneficiarias garantirán,
durante un período de tres anos a partir do peche do Programa Operativo ou ben durante un período de tres anos a partir do ano en que tivese lugar o peche parcial deste, a poñibilidade dos documentos xustificativos dos gastos realizados e tidos en conta para a determinación da contía da subvención, e da xustificación da realización da actuación subvencionada,
de acordo co disposto no artigo 90 do Regulamento (CE) 1083/2006.

h) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, así como, se é o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo,
nos termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) nº 1081/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo (DOUE L210, do 31 de xullo de 2006). Neste senso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar, para o pagamento da subvención á creación directa de emprego estable e para a contratación de persoal técnico de alta cualificación, a xustificación do cumprimento da obriga de informar os traballadores acerca da subvención dos seus contratos (modelo anexo VI). Neste
sentido, a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública conforme o establecido no artigo 16.5 desta orde.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As empresas beneficiarias das subvencións previstas nos artigos 6, 9 e 10 desta orde, cando no período de dous anos, desde a data da incorporación á empresa, se produza o cesamento dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, están obrigadas no prazo de dous meses, a cubrir a vacante, cun tempo de dedicación igual ou superior ao
anterior, o que deberá serlle comunicado ao órgano que concedeu a axuda, debendo pertencer a nova persoa traballadora a algún dos colectivos de persoas beneficiarias deste programa polos que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causase baixa. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda.

Transcorridos dous anos desde a data de inicio da súa actividade, as empresas beneficiarias, co fin de garantiren o mantemento dos postos de traballo estables creados que fosen obxecto de subvención, presentarán dentro dos tres meses
seguintes unha relación da variación das altas e baixas do persoal da empresa durante eses dous anos.

As empresas beneficiarias deberán manter no seu cadro de persoal a persoa técnica de alta cualificación contratada, como mínimo, polo tempo subvencionado e se se produce o cesamento do traballador ou traballadora a empresa beneficiaria está obrigada no prazo de dous meses a cubrir a vacante, cun tempo de dedicación igual ou superior ao anterior, o que
deberá serlle comunicado ao órgano que concedeu a axuda. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda. Neste suposto de substitución a obriga de mantemento estenderase ao período subvencionado máis ao período vacante.

Ademais, deberán presentar no prazo de dous meses desde a finalización do período subvencionado:

- Unha memoria das actividades realizadas polas persoas técnicas de alta cualificación.

- Recibos dos salarios, transferencias bancarias xustificativas do seu pagamento e boletíns de cotización á Seguridade Social (TC2) dos técnicos e técnicas de alta cualificación, correspondentes ao período subvencionado.
Entidade: Xunta de Galicia
Plazo: 18/06/2014 - 30/09/2014
Estado: Finalizada
Web: https://sede.xunta.es/detalle-procedemento?codCons=TR&codProc=340E&procedemento=TR340E

Requisitos

Para poder acceder ás distintas liñas de axudas desta orde deberase crear emprego estable para persoas desempregadas.

O cadro de persoal no mes en que se proceda á primeira contratación por conta allea estea constituído, como mínimo, nun 25 % por persoas con titulación universitaria.

Cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías destes incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legal.

Cando a dedicación inicial se realice a tempo parcial e se transforme a tempo completo, a empresa poderá solicitar a diferenza entre a contía que se percibiu inicialmente e a que corresponde por dedicación a tempo completo, sempre que a dita modificación se produza dentro do primeiro ano de actividade.

Non se concederá esta axuda cando se trate de persoas traballadoras que prestasen servizos na mesma empresa en virtude dun contrato de carácter temporal.

Esta subvención será compatible, se é o caso, coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60 % do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato obxecto de subvención

Aviso legal

  • A Deputación de Pontevedra non se responsabiliza das omisións, imprecisións ou erros que se puidesen producir nos datos ou documentos aquí facilitados, nin das consecuencias que poidan orixinarse pola súa utilización.
  • A información ofrecida por este medio faise únicamente a título informativo, e a Deputación de Pontevedra resérvase o dereito de suspender a súa difusión total ou parcialmente e de modifica-la estructura e contidos deste sitio sen previo aviso.
  • A Deputación de Pontevedra facilita a consulta libre e gratuita desta información, permitindo a copia e distribución de páxinas sempre que a fonte sexa citada, non se manipulen nin alteren os contidos e non se utilicen directamente con fins comerciais.