Actualidade

« Atrás

WhatsApp presenta novidades moi interesantes para negocios

Data:  venres, 26 de novembro de 2021

 
A aplicación de mensaxería de Meta está a presentar funcionalidades que serán novas vantaxes para os negocios e pequenos comercios.
 
WhatsApp acaba de publicar unha nova ferramenta para pequenos negocios, especialmente para a restauración e comercio. Falamos da creación de catálogos e coleccións de produtos. E isto, que é o que permitirá? Pois moi sinxelo, o que nos permitirá será organizar os nosos produtos por categoría co obxectivo de que a nosa clientela non teña que navegar por longas listas de produtos nin artigos. Isto ven a significar que as persoas usuarias poderán ver os produtos dun negocio no seu perfil de empresa mediante catálogos que diferencian todo o que se pode mercar.
 
Un comercio poderá engadir novas coleccións ao seu catálogo, por exemplo: enxoval, vidro, decoración…etc. Un restaurante poderá crear coleccións con entrantes, pratos principais, carnes, pescados, sobremesas ou mesmamente engadir a carta de viños. Desta maneira, o que se quere acadar é unha experiencia da persoa usuaria moito máis práctica e útil para a clientela.
 
Esta actualización ven a remarcar que a organización de Facebook, agora recoñecida por Meta, está máis viva que nunca e que quere ser a opción escollida por miles de negocios para, por exemplo, axudar a incentivar as compras de nadal. Esta experiencia de compra será moito máis intuitiva, sinxela e á súa vez cómoda para todas as persoas usuarias. Esta planificación de Meta responde a tendencia que viven moitos comercios locais dende a pandemia, sobre todo aqueles que carecen doutra visibilidade que non sexa en Facebook, Instagram ou WhatsApp. Esta tendencia está tan á alza, que mesmo acaba de chegar ata outras redes sociais coma Pinterest, que acaba de engadir funcionalidades para a compra de produtos. 
 
Atención: para poder utilizar esta funcionalidade é necesario dispor de WhatsApp Business. 
 
WhatsApp é un dos mellores canais para mellorar a experiencia da clientela
 
Segundo un informe publicado pola Organización Internacional Zendesk, as persoas usuarias que utilizan esta aplicación de mensaxería aumentaron un 200%. A visión máis clásica que temos sobre a atención a clientela a través de canais como o teléfono ou formularios de contacto limita o crecemento e a optimización desta experiencia a calquera negocio. A persoa usuaria cando necesita resolver dúbidas, ponse en contacto co negocio. Canto máis instantáneo sexa esta conversación, máis éxito, confianza e fidelidade terá o negocio.
 
Outras novidades de WhatsApp en titulares
  • WhatsApp deixará que as persoas usuarias respondan a mensaxes con reaccións (así como en Facebook)
  • WhatsApp permitirá unirte a calquera vídeo chamada aínda que esta xa estivera iniciada
  • Cambiará o seu logo para demostrar que pertence ao universo Metaverso
  • Permitirá facer pagamentos desde a propia a aplicación a través de WhatsApp Pay
  • Android 12 permitirá ter dúas contas de WhatsApp dende o mesmo móbil
 
Con todas estas actualizacións e as que están por vir, Meta quere demostrar que as malas opinións na prensa parecen non afectarlle.
 
Fátima Faílde
 
Asesora TIC
 

Fonte:  SmartPeme