Actualidade

« Atrás

Venda en Amazon: requisitos para as fotografías dos teus produtos

Data:  venres, 08 de xaneiro de 2016

Preparando o obradoiro que proximamente se impartirá en todas as oficinas do CPAE 2.0 sobre edición de fotos de produto para Amazon e outras plataformas de comercio electrónico, atopei unha táboa comparativa na que se establecen uns requisitos de imaxe que esixen, ademais de Amazon, eBay e Google Shopping, destacando que o máis esixente resulta ser Amazon, e analizaremos o por que neste artigo. 

Amazon require que a porcentaxe do encadre da foto debe encherse co produto nun 85 %, coa finalidade de que a imaxe teña a mellor visualización tanto no PC coma en todos os dispositivos. Xa que logo, cando vaias sacar a foto non deixes moito "aire" ou espazo baleiro ao redor do produto.

Outro dos requisitos para poder vender en Amazon, canto a imaxes se refire, é o tamaño. Debe ter como mínimo uns 1.001 píxeles polo seu lado máis longo, para artigos de vestir, e 500 para outras categorías. Con todo, o tamaño recomendado é de 2.560 píxeles ou máis, isto é debido a que o zoom e outras funcionalidades de ampliación o necesitan para que cumpra perfectamente coa súa función, é dicir, mostrar unha imaxe de calidade e nitidez ao momento de ampliar cun clic ou ao pasar o rato por enriba.

Un dos aspectos nos que son máis tallantes e non aceptan excepcións é na cor do fondo. Esta debe ser branca pura (RGB: 255-255-255). Para que? Para que as imaxes se amolden debidamente nas páxinas de procura e de detalle. Ademais, o uso dun fondo branco ten as súas vantaxes, como a dunha mellor visualización nos dispositivos móbiles, así como o peso do arquivo se volve menor en comparación cunha foto que teña un fondo doutra cor.

As plataformas de comercio electrónico teñen claro que a fotografía de produto incide directamente na porcentaxe de conversión, non só destes marketplaces, senón das empresas que alí venden os seus produtos. Así mesmo, transmiten coherencia, profesionalidade e confianza, polo que todo iso contribúe a que as persoas que compran se sintan máis a gusto.

E mira se saberán o que fan e cara a onde encamiñan as súas estratexias, que as cifras do black friday deste ano, segundo un comunicado de Amazon do venres 27 de novembro ás 17:23 h, batía a súa marca con máis de 370.000 produtos vendidos e unha media de 352 pedidos por minuto e aínda quedaban máis de seis horas. Centos de pequenas empresas que participaban este ano por primeira vez en Amazon.es como a súa canle de vendas en liña, permitiulles grazas ao black friday chegar a millóns de persoas.

Unha das novas pemes que poderían vender os seus produtos no black friday de Amazon do 2016 podería ser a túa. Que tal se probas?

 

Nirioxis Rodríguez. Fotógrafa CPAE 2.0

Fonte:  CPAE