Actualidade

« Atrás

Usabilidade web: principios, especificacións e ferramentas

Data:  luns, 08 de maio de 2017

As web compren unha función comunicativa: chegar ao público obxectivo, razón pola que debemos ter en conta os seguintes conceptos: accesibilidade, usabilidade e navegabilidade. A accesibilidade fai referencia ao acceso de todas as persoas aos contidos, independentemente de capacidades e uso; a usabilidade relacionase coa axilidade, claridade e facilidade de uso e a navegabilidade coa facilidade coa que un usuario pode desprazarse polas páxinas que compoñen un sitio web.

Feita esta distinción, centrarémonos na usabilidade web e farémolo a partir dos 10 principios de usabilidade de Jakob Nielsen, que definiremos brevemente.

  1. Visibilidade do estado do sistema. Ter informado ao usuario do que está a pasar na web e ofrecerlle unha resposta rápida. Ex: saber se enviou correctamente un formulario ou non.
  2. Conexión co usuario. Información amosada cun orde lóxico e imaxes e iconas claras, sen posibilidade de equívoco. Ex: símbolo papeleira = borrar.
  3. Control e liberdade do usuario. Dar a posibilidade ao usuario de corrixir un erro. Ex: botón de desfacer, posibilidade de editar un perfil persoal.
  4. Consistencia e estándares. Seguir os convenios establecidos para certas iconas. Ex: para indicar un menú desligable empregar as liñas horizontais; botón verde aceptar, botón vermello cancelar; manter o menú de navegación sempre no mesmo lugar, independentemente da páxina pola que o usuario navegue.
  5. Prevención de erros e no caso de que aconteza, ofrecer as opcións para a súa corrección. Ex: confirmación de e-mail ou de contrasinal con dobre campo nos formularios.
  6. Recoñecer antes que recordar. Facilitar o recoñecemento de accións ou obxectos ao usuario para que poida cumprir o seu obxectivo. Ex: selección de fonte mediante previsualización da mesma antes que polo nome.
  7. Flexibilidade e eficiencia de uso. A nosa web debe estar preparada para que calquera (novato ou experimentado) poida navegar por ela. Ex: opción buscar sinxela e busca avanzada mediante emprego de operadores.
  8. Deseño estético e minimalista. Desbotar a información innecesaria (se non fai falla non a poñas) e optar por sites "limpos" e de carga rápida.
  9. Axuda aos usuarios a recoñecer, diagnosticar e reparar os erros. Calquera erro que poida acontecer cómpre que se exprese nunha linguaxe entendible por todos e non a través de códigos. Ex: erro 404 cambialo por "páxina non atopada" e darlle opcións como páxinas relacionadas ou dispor dun buscador interno para que poida buscar e non se marche da nosa web.
  10. Axuda e documentación. Dispor dun sinxelo manual de funcionamento. Ex: FAQs (preguntas frecuentes), icona interrogación preto dalgunhas opcións.

Estes principios constitúen a base para que un site sexa considerado "user friendly". Unha web "user friendly" mellora a experiencia de usuario, e isto, á súa vez, inflúe no tráfico recorrente e na diminución da porcentaxe de rebote. Ademais, para medir a usabilidade dun site contamos con ferramentas como  PageSpeeds Insights.

Significa, en definitiva, que atender estes criterios fará que os usuarios visiten máis a miúdo a nosa web, e gocen mellor da súa experiencia nela.

Fonte:  SmartPeme