Actualidade

« Atrás

Únete á Rede CPAE 2.0

Data:  xoves, 10 de decembro de 2015

O Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 (CPAE 2.0) consiste nunha rede de 6 oficinas situadas nas diferentes comarcas da provincia de Pontevedra, atendidas por persoal asesor cualificado en materia TIC, nas cales se presta un servizo de información e asesoramento sobre Tecnoloxías da Información e Comunicación e as Novas Tecnoloxías.

As 1.210 empresas adheridas reciben asesoramento en máis de 19 materias diferentes, entre as que destacan comercio electrónico, mercadotecnia dixital, sistemas de xestión ERP, etc. Ademais, todos os meses realízanse ao redor de 50 eventos formativos entre todos os centros.

No caso dos obradoiros todos os meses recibimos a visita dalgún membro do persoal técnico mencionado, quen ten a ben comentar coas pemes e persoal traballador autónomo da provincia as solucións TIC máis novas do momento.

Tamén nos asesoramentos o CPAE 2.0 recorre a estas solucións. Son sobre todo obxecto destas aquelas situacións máis complexas, que requiren un seguimento máis prolongado ou que supoñen un maior desafío técnico, nas que a asesora ou asesor TIC do CPAE 2.0 preséntalle á persoa asesorada diversas solucións de provedores adheridos ao servizo, acompañándoa en todo momento durante o estudo das solucións presentadas e o proceso de implantación.

Consideramos de vital importancia ampliar a nosa base de datos con distintos provedores. O compromiso do CPAE 2.0 é o de prestar as solucións en materia TIC para as pemes e a persoal traballador autónomo da provincia de Pontevedra. Por iso consideramos necesario pór en contacto a estas empresas cos provedores de servizos adecuados para cada solución, que serán os encargados últimos de implementar aquelas propostas máis avanzadas. Ademais, o CPAE 2.0 tamén quere servir de plataforma para aquelas empresas locais que xa operen no sector TIC, e así contribuír na súa difusión.

Para todo isto o CPAE 2.0 está a desenvolver unha relación de empresas, que será accesible desde a páxina web na pestana de "Apoio e Recursos". Neste directorio compártese o nome comercial, os datos de contacto e os servizos que ofrecen, co fin de axudar as empresas do sector a ser recoñecidas e a mellorar o seu posicionamento no mercado da provincia.

Se a súa empresa ofrece produtos e servizos innovadores con propostas creativas para mellorar a eficacia, eficiencia e produtividade das empresas da provincia de Pontevedra, no CPAE 2.0 estamos a esperar para coñecela ou coñecelo.

Se ten interese en colaborar coa iniciativa CPAE 2.0 pode pórse en contacto connosco no 886 20 20 20, onde recibirá toda a información necesaria respecto diso.

Fonte:  CPAE