Actualidade

« Atrás

UNHA NOVA ERA PARA A PUBLICIDADE DIXITAL. GOOGLE E O FIN DAS COOKIES DE TERCEIROS

Data:  xoves, 03 de xuño de 2021

A todas as persoas pasounos algunha vez. Estamos a botar unha ollada a calquera artigo do noso ecommerce de roupa favorito sen necesidade de comprar nada, só por pasar o intre comparando prezos ou quizá para despois finalizar a compra nalgún outro momento ou lugar. Pechamos a pestana e seguimos navegando por Internet ata que (sorpresa!) a publicidade dese mesmo ecommerce sae ao noso encontro como por encantamento noutras webs, lembrándonos que eses pantalóns tan bonitos que non chegamos a comprar seguen estando apeteciblemente rebaixados. Pero, como chegamos ata aquí?

Que son as cookies de terceiros?  

As cookies de terceiros (ou third party cookies) son pequenos fragmentos de código que se envían a dominios diferentes dos que estamos a visitar para que as marcas anunciantes poidan recompilar información sobre as páxinas que visitamos, ou sobre o noso comportamento e, desta maneira, personalizar a publicidade coa que nos "bombardean" posteriormente. En concreto, permiten ás marcas anunciantes conseguir datos sobre as páxinas que visitamos, rastrexar a nosa localización e, a fin de contas, construír un perfil de persoa consumidora baseándose nesta información.

A comezos do pasado ano, Google anunciaba que estaba a traballar para poñer fin ás cookies de terceiros en Chrome, o seu propio navegador, o máis usado do mundo. A meta era conseguilo en 2022. Previamente, Apple con Safari ou Mozilla con Firefox xa habían desenvolvido mecanismos para limitar as cookies, un elemento básico e fundamental para a publicidade dixital tal e como a coñecemos.

Como é lóxico, a moitas persoas usuarias non lles gusta que un algoritmo lles persiga ao longo e ancho da Rede, reunindo información sobre cal é a súa marca de roupa preferida ou sobre se pasan 3 horas ao día vendo vídeos de gatiños en Youtube. Por esta razón, e pola presión das leis de protección de datos persoais que os gobernos comezaron a aplicar, Google decidiu sumarse ás restricións a este tipo de cookies para o seu navegador, uníndose á iniciativa de Apple e Mozilla.

 

Posibles alternativas ás cookies de terceiros

O xigante americano leva un tempo perfilando unha Sandbox de privacidade, un programa que busca implementar unha serie de ferramentas similares ás cookies, que permitan ás empresas anunciantes seguir segmentando as súas audiencias obxectivo sen vulnerar a privacidade das persoas usuarias. O máis avanzado é o chamado FLoC (Federated Learning of Cohorts): o seu funcionamento baséase en cohortes, é dicir, coa información da que dispoñen crean grupos de persoas usuarias con intereses similares, de maneira que as empresas poidan impactalos con publicidade, pero sen chegar a ameazar a súa privacidade. Segundo as súas previsións, as marcas anunciantes poderán chegar a obter ata o 95% do rendemento actual, baseado nas cookies.

Poñamos un exemplo para ilustralo: en lugar de identificar a unha persoa usuaria como interesado en comprar unha aspiradora despois de visitar varias webs que as venden, por análises de cohortes ir metendo a esta persoa usuaria en grupos como "interesada en aspiradoras", pero tamén en "comprar un coche", etc… Do individuo ao grupo, en resumo.

Consecuencias

Hai moitas dúbidas sobre como estes cambios poderían afectar o ecosistema da web. Parece obvio o impacto no márketing de afiliación, pero tamén nas redes de publicidade programática que sexan externas a Google.

Porque Google seguirá permitindo a segmentación nas súas propias marcas cando as persoas usuarias estean conectadas ás súas contas. Se alguén está logueado na súa conta de Google e busca comida para gatos no navegador, Google podería dirixir un anuncio de comida para gatos a esa persoa cando visite Youtube. O problema para os seus competidores é que ningunha rede de anunciantes, quitando Facebook, conta cun ecosistema similar, no que seguir ‘perseguindo' as súas persoas usuarias baixo un login, como Google.

Entón, vai Google a beneficiarse deste cambio? Parece intuírse que, co fin das cookies de terceiros, Google tamén perderá efectividade nos seus anuncios e por tanto diñeiro, pero seguramente o faga moito menos que o resto.

Fonte:  SmartPeme