Actualidade

« Atrás

Un total de 44 empresas recorren ó asesoramento sobre as novas tecnoloxías

Data:  mércores, 06 de agosto de 2014

O Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 (CPAE 2.0) das comarcas do Salnés e Caldas atendeu desde a súa apertura, en marzo deste ano, un total de 44 pequenas empresas e autónomos. O servizo da Deputación de Pontevedra, situado en Exposalnés (Cambados) non só resolve todas as dúbidas que teñan os usuarios, senón que ademais ofrece un asesoramento personalizado e prolongado no tempo, o cal permitiu xa a algunhas empresas afianzarse nos mercados e nas redes virtuais.

Este é o caso dunha administración de loterías de Barrantes (Ribadumia), cuxo propietario solicitou o apoio dos técnicos do CPAE de Cambados para poñer en marcha un sistema de venda de décimos de lotería por internet. O seu principal interese era axilizar as vendas dos billetes do sorteo de Nadal, xa que a demanda é superior á súa capacidade para atender os clientes na propia administración. "O plan de mellora pasa pola creación dunha páxina web que se adaptará para visualizarse correctamente nos dispositivos móbiles", explican desde o centro de información cambadés. A pesar das restricións existentes para o xogo virtual o propietario móstrase satisfeito coa marcha desta aplicación e confía en que lle axude a despachar máis décimos cando se achegue o Nadal.

As enquisas de control de calidade que efectúa o propio servizo reflicten que os 44 usuarios lle dan unha media de 4,2 puntos sobre 5 á atención recibida no CPAE. En canto ás demandas máis habituais, o 80 % dos servizos ofrecidos son de información, análise e asesoramento sobre o uso das novas tecnoloxías. Nestes casos faise un seguimento das empresas para atender as súas necesidades durante o tempo que se considere necesario.

Dentro destes servizos o 21,4 % correspóndense con temas de publicidade e redes sociais, o 17,6 % tratan de temas referidos ó comercio electrónico e o 11,5 % refírense a axudas e subvencións para a adquisición de novos equipos tecnolóxicos.

O CPAE organiza ademais sesións específicas con expertos que están abertas á asistencia dos pequenos empresarios que desexen formarse nestes campos. No caso de Cambados realizáronse ó longo da última semana e a última cita foi onte mesmo.

As microempresas e autónomos que desexen contactar cos técnicos deste servizo da Deputación poden solicitar máis información chamando ó teléfono 886 20 20 20 ou enviando un correo electrónico á dirección info.cpae20@depo.es

http://www.farodevigo.es/portada-arousa/2014/07/31/total-44-empresas-recurren-asesoramiento/1067343.html

Fonte:  http://www.farodevigo.es



« Agosto 2019 »
Lu Ma Me Xo Ve Sa Do
1 2 3 4
5 6 7 8 9 10 11
12 13 14 15 16 17 18
19 20 21 22 23 24 25
26 27 28 29 30 31

Non hai eventos

Lenda:

Evento Aberto
Evento Pechado/Cancelado
Inscrito a este evento