Actualidade

« Atrás

Turismo virtual

Data:  venres, 17 de abril de 2020

 
Polo momento, todos nós debemos permanecer nos nosos domicilios mentres se manteña o estado de alarma, nun esforzo colectivo para minimizar a expansión e o impacto do coronavirus.
 
Ao redor do mundo e na provincia de Pontevedra, museos, mosteiros, teatros, hoteis, monumentos, etc., están a abrir unha xanela virtual para que poidas visitalos e coñecer o que ofrecen.
 
A través da realidade virtual e a visualización de vídeos podemos mitigar o peche, lembrando os lugares nos que estivemos e inspirándonos e inspirando aos nosos visitantes sobre os lugares que poderían coñecer.
 
Tanto o vídeo márketing como o márketing de realidade virtual poden axudar, e moito, a impulsar os teus esforzos na promoción do teu establecemento turístico e do destino ao que pertences. O contido en vídeo pódese compartir facilmente a través de plataformas como Facebook, Instagram e Youtube e goza dun gran interese e interacción por parte dos usuarios. Nestes vídeos podes compartir puntos de interese, visitas ás diferentes áreas do teu establecemento e, en especial, a aquelas que che diferencian, como festas, presentar a xente local falando do destino, empregados falando sobre o establecemento, etc.
 
O equipo necesario para crear o teu primeiro vídeo de realidade virtual non ten por que ser custoso, posto que todo o que necesitas é unha boa cámara que poida tomar fotos de 360º.
 
O márketing de realidade virtual vai máis aló e facilita que o público obxectivo do teu establecemento experimente aspectos do destino desde a comodidade do seu fogar. Podes empezar cun percorrido virtual pola terraza ou xardín, por todo o teu hotel ou casa rural e, co tempo, estendelo a unha experiencia ou actividade de aventura na contorna, a vista desde un dos impresionantes miradoiros que temos nas Rías Baixas, o teu atardecer favorito, unha cata, a degustación dun prato típico, etc. 
 
Outros exemplos que poderían ser do teu interese:
 
Facebook Museo de Pontevedra: https://www.facebook.com/MuseoPontevedra/
Facebook Turismo de Galicia: https://www.facebook.com/Turgalicia
Facebook Turismo Rías Baixas: https://www.facebook.com/turismoriasbaixas/
 
Sonia Torres.
Asesora TurisTIC
 

Fonte:  SmartPeme