Actualidade

« Atrás

Todo é gratis na internet… ou non

Data:  luns, 09 de maio de 2016

Internet é un dos mellores inventos da Historia. Nin máis nin menos que todo o coñecemento humano está practicamente dispoñible e accesible en tempo real por parte de calquera usuario da rede. Pero… a que prezo?

O máis sorprendente é que parece que a ningún. É dicir, salvo o que lle aboemos polo servizo de acceso a internet á operadora correspondente e, por suposto, o que pagásemos polo noso computador ou dispositivo de man; a partir de aí todo se nos presenta como gratuíto (ou case).

E é que se instaurou un "sorprendente" e non menos preocupante "todo gratis" na internet. Por exemplo, non pagamos polos estupendos servizos de procura e localización de información, así como tampouco polo de correo electrónico ou almacenamento na nube das nosas fotos e vídeos. Non pagamos polas nosas comunicacións de mensaxería nin por subir e compartir contidos en redes sociais etc.

Por que isto é así e por que debería preocuparnos?

O motivo fundamental de que non paguemos con euros é que, en realidade, estamos a facelo con outra moeda: os nosos datos. Cada vez que usamos un destes servizos estamos a facilitar, consciente ou inconscientemente, un volume inxente de información persoal sobre nós e os que nos rodean: gustos, afeccións, tendencias de comportamento, nivel adquisitivo, ideoloxía, saúde, movementos xeográficos, fotografías etc. Toda esta información vincúlase ao noso perfil e é explotada a nivel comercial polos provedores da rede. Un negocio moi lucrativo se nos atemos aos beneficios e valoración bolsista de compañías como Google ou Facebook, á custa, iso si, da nosa privacidade.

Desde un punto de vista xurídico estes modelos de negocio, situados principalmente nos Estados Unidos, baséanse nunha lexislación moito máis permisiva con respecto á protección de datos persoais que a europea e a española, onde o dereito á privacidade é un dereito fundamental e temos normativa específica estrita.

Isto orixinou non poucas friccións nos tribunais cuxo último asalto tivo lugar coa sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea de outubro de 2015 no caso Facebook que, directamente, anulou o chamado safe harbour ou "porto seguro" que permitía o envío de datos persoais de empresas ou filiais europeas a empresas ou matrices norteamericanas sen o requisito de que os Estados Unidos de América tivesen unha lexislación equiparable á UE na materia.

Nestes momentos está a negociarse un novo acordo entre o país norteamericano e a UE para substituír o devandito convenio por un novo denominado Privacy Shield, con medidas máis estritas, cuxo texto final se espera para antes do verán. Veremos se os tribunais o estiman suficiente a medio e longo prazo.

Paralelamente, publicarase o chamado Novo regulamento UE de protección de datos que traerá non só unha nova regulación homoxénea na materia para toda a Unión Europea, senón importantes obrigacións e sancións para empresas europeas e, particularmente, para as estranxeiras que traten datos de europeos sen as debidas garantías e requisitos.

En calquera caso a batalla está servida e con importantes riscos para as empresas que decidan utilizar servizos "gratuítos" para o tratamento dos seus datos ou da súa clientela so pena de importantes sancións en caso de incumprimento.

Neste caso si, o barato pode saír caro.

 

Por: Víctor Salgado (@abonauta)

Abogado especializado en Nuevas Tecnologías

www.pintos-salgado.com

Fonte:  Víctor Salgado



« Agosto 2019 »
Lu Ma Me Xo Ve Sa Do
1 2 3 4
5 6 7 8 9 10 11
12 13 14 15 16 17 18
19 20 21 22 23 24 25
26 27 28 29 30 31

Non hai eventos

Lenda:

Evento Aberto
Evento Pechado/Cancelado
Inscrito a este evento