Actualidade

« Atrás

Tendencias máis destacadas para aloxamentos no 2021

Data:  mércores, 23 de decembro de 2020

A industria turística é puxante e dinámica e as empresas deben estar ao día sobre as últimas tendencias. Manter o ritmo do sector permítenos ser competitivos e é unha boa maneira de garantir que a nosa empresa ofrece o tipo de experiencia de cliente que a xente desexa e espera.
 
As necesidades e prioridades da clientela cambiaron durante a pandemia e asumir estes cambios nos nosos aloxamentos é fundamental. Aínda así, a maioría das tendencias xorden de cambios máis xerais no comportamento das persoas consumidoras.
 
As tendencias que terán un maior impacto nos aloxamentos durante o ano que vén son as seguintes:
  • Seguridade e hixiene. Hai unha serie de tendencias para os aloxamentos relacionadas coa seguridade e a hixiene que se volveron especialmente importantes coa aparición da COVID e os esforzos para conter a súa propagación. Na actualidade, o márketing debe destacar as medidas de seguridade e hixiene que o noso aloxamento está a tomar. Explicar estas medidas podería marcar a diferenza entre xerar reservas ou facer que a clientela potencial continúe a súa procura.
  • Pagos sen contacto. Os pagos sen contacto son máis seguros, supoñen un aforro de tempo e melloran a experiencia da clientela. No último ano aumentou significativamente o uso destes métodos de pago que a nosa clientela e o noso persoal ven xa como unha necesidade. Google Pay, Samsung Pay, Fitbit Pay, pasarelas de pago seguro como Stripe, ou apps como Bizum, ábrennos un mundo de posibilidades con opcións adecuadas sexa cal sexa o volume de transaccións, tipo de negocio e perfil da clientela.
  • Procura e control por voz. O uso da procura por voz é cada vez máis habitual entre a clientela que quere reservar hoteis e restaurantes, polo que é necesario adaptarnos e tentar captar a estes/as clientes/as. Debemos estruturar o contido da web, para que apareza correctamente nos resultados de procura por voz. 
O control por voz tamén se pode usar para controlar dispositivos dentro das habitacións como, por exemplo, os altofalantes intelixentes, que poden proporcionar respostas a preguntas, responder a solicitudes de voz para acender as luces, a música, etc. O uso destes dispositivos tamén poden reducir a cantidade de superficies de contacto mellorando non só a experiencia da persoa usuaria, se non tamén a seguridade.
  • Chatbots. Esta é outra das principais tendencias nos aloxamentos vinculadas coa atención ao cliente e poden ser especialmente útiles para ofrecer respostas rápidas, mesmo cando o persoal non está dispoñible. Son unha magnífica solución de toma de contacto, para responder a preguntas habituais, ofrecer atención personalizada e recompilar información dunha forma áxil e rápida. Con este software de intelixencia artificial a través dun chat en liña poderemos ofrecer información sobre dispoñibilidade, tarifas, medidas hixiénico-sanitarias, cambio de datas de reserva, etc.
  • Visitas en realidade virtual. A realidade virtual atópase entre as tendencias de tecnoloxía hostaleira máis impactantes, xa que permite á clientela potencial do hotel ou restaurante que experimente como será a súa contorna, desde a comodidade da súa propia casa. Isto pode ser clave na etapa de planificación e influír na decisión na reserva.
Os percorridos virtuais / vídeos 360 poden axudar á clientela para visualizar mellor as instalacións e os nosos servizos e brindarnos unha vantaxe sobre a competencia que aínda non estea a aproveitar esta tendencia.
  • Check-in móbil. Ofrecer un servizo de check-in móbil é unha das tendencias para aloxamentos máis útiles para reducir o contacto de persoa a persoa e ofrecer un servizo áxil.
Os rexistros a través do móbil permiten á nosa clientela gozar do autoservizo se así o desexan e farán que as chegadas sexan parte dunha mellor experiencia de cliente utilizando unha aplicación cuxo ligazón debemos incluír na web, a través de códigos QR nos folletos, etc.
  • Hoteis intelixentes. Un hotel intelixente é aquel que utiliza dispositivos que a través de internet poden enviarse datos entre si. Un hotel intelixente pode, por exemplo, permitir aos hóspedes regular a calefacción ou o aire acondicionado desde o seu teléfono, ou acender o televisor dando unha orde de voz a un altofalante intelixente. 
En Smartpeme estaremos encantados de ampliarche información sobre estas tendencias e moitas outras tecnoloxías que impactan no sector turístico e podemos asesorarche para que atopes as adecuadas para o teu negocio ou proxecto empresarial.
 
Sonia Torres Domínguez.
Asesora TurisTIC

Fonte:  SmartPeme