Actualidade

« Atrás

Tendencias de Social Media 2020

Data:  venres, 24 de xullo de 2020

Xa pasado o ecuador deste ano 2020 que seguro ninguén esquecerá, imos facer un repaso ás tendencias en Social Media que vimos ata o de agora e que probablemente seguiremos vendo nestes últimos meses.
 
A primeira é o crecemento das redes sociais "clásicas", e é que mentres Facebook segue posicionada como a rede social mundial, Twitter conta cun incremento na súa actividade, a pesar de que o número de persoas usuarias novas diminuíu dende 2017. Mentres, Instagram segue aos poucos mellorando os seus números.
 
Non podemos deixar pasar a expansión da que se converteu na rede social da nova xeración, TikTok, que permite crear e compartir vídeos curtos e o seu obxectivo, a diferenza doutras redes sociais que buscan ser unha canle ou modo de comunicación, é entreter. Vendo o seu rápido crecemento, a plataforma non deixou pasar a oportunidade de usar anuncios, permitindo ás persoas usuarias buscar produtos asociados co hashtag patrocinado.
 
Outra das tendencias para resaltar este ano é crecemento do Fast Content, unha das tendencias de márketing dixital máis destacables dos últimos anos e que este ano non podemos deixar escapar se aínda non a implementamos. Trátase de publicar contidos efémeros en diversas plataformas de Social Media como Instagram ou Snapchat co obxectivo de manter atentos ás persoas usuarias durante tan só uns instantes buscando crear unha boa impresión sobre a marca.
 
Esta tendencia aparece como resposta aos gustos e comportamentos de moitas persoas usuarias en redes sociais que dan prioridade aos contidos atractivos e non moi longos de "consumo fácil" sobre outras publicacións máis extensas e detalladas.
 
Instagram Shopping foi un gran impulso para o comercio en liña, grazas ás renovacións na app. Con esta función podemos crear unha serie de etiquetas en produtos ou imaxes de servizos que vinculan as fichas de produto ás que calquera persoa pode acceder de forma sinxela. Colocando as etiquetas en imaxes e post non necesariamente promocionais, logramos unha publicidade para nada intrusiva e que por tanto será vista con outros ollos polo público.
 
Por último, non podemos deixar de falar dos e das influencers, que seguen no seu máximo esplendor no éxito dunha campaña de Social Media. Construír unha relación de confianza coa clientela potencial por parte da marca é imprescindible para vender produtos e servizos, e é aquí onde os perfís influencers poden xogar un papel importante, xa que, se esa persoa que promociona unha marca é coñecida e respectada por ese público, a relación farase máis forte. 
 
É moi importante antes de colaborar ou traballar con algunha destas persoas chamadas "influencers", que investiguemos o sector e mercado detalladamente para saber que tipo de influencer pode interesarche máis e con cal se identifica mellor o teu público obxectivo.
 
Estas son só algunhas das tendencias que vimos e veremos ao longo deste ano que, sen dúbida, será un ano cargado de cambios.
 
María Aller
Asesora TIC
 

Fonte:  SmartPeme