Actualidade

« Atrás

Robótica con APP Inventor

Data:  venres, 30 de agosto de 2019

 
Cando temos en mente desenvolver un robot para unha función determinada e aínda estando en fase de probas, a miúdo valoramos a posibilidade de poder controlar e comunicarnos co robot vía remota. É nesta fase cando App Inventor cobra todo o sentido.
 
Pero que é realmente App Inventor? É ao mesmo tempo unha linguaxe de programación, unha ferramenta de deseño e unha contorna de desenvolvemento de aplicacións para móbiles e tablets que funcionen co sistema operativo Android. Destacar que é gratuíto, só é necesario un computador co navegador Chrome e unha conta de Google.
 
Empezar a programar nunha nova linguaxe case sempre conleva enfrontarse a unha nova sintaxe na que teremos que investir un valioso tempo en aprender os comandos, as regras de escritura e o sentido dos distintos  signos de puntuación, etc.  Todo este tempo é aquel que deixamos de empregar en aprender a deseñar os nosos algoritmos para facer funcionar o robot.
 
Con App Inventor úsanse bloques de programación cos que ir construíndo bucles, condicións, variables, etc., que permiten desenvolver a aplicación de forma sinxela e intuitiva. Dispón de dous modos primarios ou principais, o deseñador e os bloques.
 
- Modo deseñador. Primeiro, crearemos o interface gráfico, que é o aspecto visual que terá a nosa aplicación no dispositivo Android. Aquí, créanse todos os elementos que requira a APP, botóns, sliders, xanelas de visualización, etc., podendo darlles forma, cor, textura e definindo a súa posición na pantalla.
- Modo bloques. Unha vez deseñada a interface gráfica, pasaremos aos bloques. É aquí, mediante a agrupación de bloques de programación, onde os elementos antes creados na interface gráfica cobran funcionalidade, prográmase o que debe facer cada un.
 
Unha funcionalidade moi útil de App Inventor é a de poder ver a APP que estamos a desenvolver no dispositivo en tempo real, podendo facer modificacións na programación ou a interface gráfica e velas ao instante, sen ter que compilar e cargar cada vez. Para iso, é necesario que tanto o computador como o dispositivo Android estean conectados á mesma rede wifi.
 
Ademais, poderemos deseñar todo tipo de APP para ter o noso robot baixo control, poderemos establecer unha comunicación bidireccional coa que poder mandar ordes ao robot e ao mesmo tempo o robot poderanos enviar valores dos sensores que teña incorporados.
 
Unha vez creada e testada a nosa APP, podémola instalar no dispositivo de forma permanente e faremos uso dela como con calquera outra aplicación.
 
Manuel Freire
Asesor CPED SmartPeme
 

Fonte:  SmartPeme