Actualidade

« Atrás

Resolución I Programa de Crecimiento Empresarial de Lalín

Data:  venres, 30 de setembro de 2022

O 1 de outubro dará comezo o I Programa de Crecemento Empresarial de Lalín, desenvolto polo servizo SmartPeme da Deputación de Pontevedra en colaboración coa Fundación Roberto Rivas. Este primeiro programa ten como obxectivo impulsar aqueles proxectos que comezaron a súa actividade recentemente ou que buscan ser consolidados no mercado no que operan.
 
As actividades que se realizarán teñen como obxectivo apoiar e asistir ás persoas emprendedoras na consolidación dos seus proxectos, ofrecéndolles unha formación específica en temáticas vinculadas ao crecemento empresarial. Para iso, levarán a cabo tanto obradoiros formativos grupais como asesoramentos personalizados a demanda de cada persoa participante. 
 
As distintas actividades formativas executaranse ata o 1 de decembro do 2022 e realizaranse en formato mixto, é dicir, cada formación terá lugar ben en formato en liña ou ben en presencial no Viveiro de Empresas de Lalín (Polígono Lalín 2000, parcela E 36500 – Lalín). A programación prevista é a seguinte:
 
 
*As datas e horas son susceptibles de modificarse no transcurso do programa
 
Unha vez realizado o proceso de selección, tendo en conta a información achegada polas persoas interesadas, así como a súa memoria do proxecto e declaración de dispoñibilidade, e de acordo con os criterios para aplicar na selección das persoas participantes no I Programa de Crecemento Empresarial de Lalín, 8 proxectos foron os elixidos que pasan a formar parte deste programa: 
  • Emprendemento con Drons: trátase dun proxecto na que se pretende ofrecer á sociedade unha serie de servizos de índole fotográfica e audiovisual realizados con drons, aproveitando as características e posibilidades destas pequenas aeronaves respecto a outro tipo de medios aéreos como poden ser as avionetas ou os helicópteros.
  • Mundo Namaskar: é a fusión de dous proxectos xa iniciados, tenda en liña e páxina de información relacionada coa vida saudable. Busca redimensionar e reestruturar os contidos cunha ampliación de información e servizos, ademais de mellorar as redes sociais.
  • Zenlea: este proxecto busca crear e consolidar unha escola de Zentangle, método de debuxo que axuda á relaxación. Ten como obxectivo chegar a ser un referente entre a oferta de servizos de terapias alternativas existente, atendendo ás necesidades actuais e novos hábitos de consumo por parte dun sector poboacional que se preocupa pola súa saúde e benestar.
  • Toupiña cervexa ecolóxia e artesá galega: pequena cervexaría onde se elaboran e transforman produtos agrarios baixo o nome de Cervexa Toupiña. Ten o obxectivo de mellorar a presenza e posicionamento dos produtos no mercado co fin de aumentar as vendas.
  • Administrativos Online: o seu obxectivo principal é dar apoio a persoas autónomas e pemes achegando a súa experiencia como persoas administrativas en diferentes sectores e departamentos. Este proxecto busca que as persoas autónomas e pemes conten cunha oficina dixital como a dunha gran compañía e poder acompañalos na dixitalización dos seus negocios e contornas laborais.
  • Parque de Aromas Maruxío: pretende crear unha iniciativa turística cunha oferta potente de turismo de experiencia, baseada no agroturismo, no cultivo ecolóxico e na recuperación de espazos rurais en desuso cunha oferta de experiencias que faciliten a recuperación da cultura das plantas aromáticas, culinarias e medicinais.
  • Educalecrín S. Coop. Galega: é unha cooperativa formada por persoas con intereses e formación tanto no campo social como no ambiental. Baixo o punto de vista deste proxecto, a educación nestes dous planos debe ir da man, para así poder evolucionar como sociedade e crear un impacto positivo na mesma. O obxectivo de Educalecrín, é ofertar ferramentas ás persoas para que poidan vivir en equilibrio con elas mesmas e cos demais seres cos que compartimos o planeta, tanto humanos como non humanos.
  • Penart.es: este proxecto elabora ilustracións en tinta chinesa e noutras técnicas a través de fotografías que se expoñen tanto na súa web como en exposicións itinerantes. O obxectivo é innovar a través de copias personalizadas e facer impresións en elementos da vida cotiá como camisetas, postais, cuncas, etc.

A continuación, relaciónase a listaxe de persoas admitidas:  

 

Fonte:  SmartPeme