Actualidade

« Atrás

Reels: o rival de Tiktok de Instagram

Data:  venres, 18 de setembro de 2020

 
Seguro que se pensamos en que foi o máis visto en redes sociais durante os meses de confinamento e que todos ou case todos vimos ou recibimos en máis dunha ocasión, virannos á cabeza eses vídeos curtos de baile ou humorísticos, provenientes da rede social que máis creceu durante os últimos meses: TikTok, e na que se crean eses famosos vídeos virais, e que parece que se consolida.
 
Pero se pensabamos que a rede social por excelencia ata o momento ía quedar sen entrar a levar parte dese pastel, estabamos moi equivocados, e é que durante o mes de agosto Instagram lanzou Reels, unha función integrada na propia rede social.
 
Reels permite compartir vídeos curtos de ata 15 segundos aos que se poden engadir efectos visuais, filtros, audios, cancións ou modificar a velocidade da gravación (cámara rápida ou lenta).
 
Para poder empezar a crear os vídeos identificados co símbolo dunha claqueta de cinema (do mesmo xeito que IGTV ten o seu símbolo de televisión para poder identificala, Reels ten o seu), non fai falta que nos descarguemos outra aplicación, tendo actualizada nosa app de Instagram xa teremos a opción.
 
Para crear o noso primeiro Reels tan só terás que acceder na pantalla principal de Instagram, á parte superior esquerda coma se foses subir unha historia, ter a cámara activada e verás na parte inferior a opción de "Reels", seleccionámola e gravamos o noso vídeo.
 
Podes editalo, incluír efectos, música, etc., de entre todas as opcións que ofrece Instagram e compartilo. Os teus vídeos aparecerán no teu muro e nunha nova pestana do teu perfil como a de IGLive.
 
Non é a primeira vez que a empresa propiedade de Facebook presenta funcións moi similares ás de competidores que empezan a ter éxito como o fixo con Snapchat en 2016 ao lanzar os stories. Nesa ocasión a Instagram saíulle moi ben a xogada, teremos que esperar a ver se con Reels será capaz de captar aos millóns de tiktokers que ten a rede social chinesa.
 
E... permanecede atentos aos nosos próximos talleres de outubro se estades interesados nesta ferramenta!
 
María Aller
Asesora TIC SmartPeme
 

Fonte:  SmartPeme