Actualidade

« Atrás

Red.es contribuirá con 630.000 euros á incorporación das pemes galegas ó comercio electrónico

Data:  martes, 08 de xullo de 2014

O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través da entidade Red.es, pon en marcha o terceiro Programa de mentoring en comercio electrónico, unha convocatoria pública para a concesión de axudas económicas que teñen como obxectivo impulsar a actividade comercial en liña entre as pequenas e medianas empresas. Este programa desenvólvese en Galicia en colaboración coa AMTEGA, con axudas que ascenden a un total de 18,06 millóns de euros. Galicia está entre as comunidades que poden solicitalas, cun investimento específico de 630.000 euros que se estima que terá arredor de 42 beneficiarios.


O programa establece dúas liñas de actuación. A primeira ofrece servizos de asesoramento especializados e individualizados en materia de comercio electrónico a través da asesoría personalizada por profesionais expertos do sector, homologados previamente por Red.es, que subvencionará o 80% do custo da actuación (impostos indirectos excluídos) ata un máximo de 5.000 euros por beneficiario.


A segunda liña establece a concesión de axudas para a implantación de solucións e servizos tecnolóxicos de comercio electrónico que contribúan á venda dos produtos e prestacións do beneficiario a través de internet. Red.es achegará o 80 % do total dos gastos subvencionables do proxecto de implantación de solucións e servizos tecnolóxicos de comercio electrónico (impostos indirectos excluídos), ata un máximo de 10.000 euros por beneficiario. Este poderá contratar o provedor que desexe, sen ter a obriga de seleccionar para a execución deste segundo lote unha das entidades colaboradoras correspondentes ó lote I.


O prazo de presentación de solicitudes divídese en dúas fases: a fase I, de presentación de formularios de solicitude, que remata o 9 de setembro, e a fase II, para a presentación dos ficheiros adxuntos, que finaliza o 23 dese mesmo mes.


O prazo de presentación de propostas do lote II será de 30 días naturais a contar desde o día seguinte á data de publicación da resolución de beneficiarios no Boletín Oficial do Estado.

 
Nota de prensa 
07/07/2014

http://www.codigocero.com/Red-es-contribuira-con-630-000

Fonte:  http://www.codigocero.com/