Actualidade

« Atrás

Razóns polas que debes ter unha ferramenta de xestión para o teu negocio

Data:  luns, 07 de decembro de 2015

No día a día do noso traballo como equipo asesor do Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 (CPAE 2.0) da Deputación de Pontevedra decatámonos de que o persoal autónomo e as pequenas empresas teñen, en moitos aspectos, as mesmas necesidades que as grandes empresas. Debemos xestionar os nosos negocios de forma que poñamos todo o enfoque e dediquemos todos os nosos esforzos a producir ou servir a nosa clientela co valor engadido que ofrecemos na nosa actividade empresarial.
 
Se produzo e vendo artesanía, ou viño, debo saber que produtos son os que necesita quen me compra, dedicar todo o mimo a producilo, buscar a canle de distribución que me facilite o traballo para estar no mercado correcto, etc. Pero se temos que dedicar todo un día a crear orzamentos ou facturas, perdemos o tempo en algo que ademais non é diferencial e non achega ese valor engadido necesario aos nosos negocios.
En definitiva, temos que dedicarnos ao que é realmente o noso negocio, co mínimo traballo administrativo e de xestión interna posible. Xa que logo, igual que as grandes corporacións, necesitamos ferramentas de xestión e protocolos que nos fagan moito máis livián o traballo de creación e envío dun orzamento, dun albará ou unha factura e, por suposto, o seu cobro.
 
As pequenas empresas e o persoal autónomo atopan na tecnoloxía da información a posibilidade de estruturar mellor os seus negocios, para crecer e facerse máis competitivos no seu mercado. Unha das ferramentas esenciais para que unha peme poida manterse no mercado é a utilización dos ERP (Enterprise Resourcing Planning ou Sistemas Integrados de Xestión Empresarial) e os CRM (Customer Relationship Management) ou software para a administración da relación coa clientela.
Desta forma, as peme poden competir con ferramentas ou estratexias tan eficaces como as das grandes corporacións, pero por suposto hai ferramentas de baixo custo e adecuadas para os pequenos e medianos negocios. O uso de datos estruturados e ferramentas informatizadas é un recurso dispoñible, de fácil acceso e estratéxico, aínda que para que estes programas informáticos axuden nos negocios é necesario coñecer os principais beneficios que ofrecen. Por iso queremos dar un repaso a algunhas razóns polas que investir tempo, diñeiro e esforzo na adopción deste tipo de ferramentas:
 
- Base de datos de clientela e ferramenta de comunicación: é esencial para o noso negocio ter unha base de datos da nosa clientela, xa sexa real ou potencial, pero tamén debemos ter unha rede de provedores que nos apoien no noso negocio. Manter esa relación con todos eles é o valor máis importante da nosa organización. Sen clientas nin clientes non somos nada e, por suposto, ferramentas como un CRM axúdannos.
- Xestión de ingresos e de gastos: estes sistemas axudan a manter as finanzas da empresa baixo control de forma organizada. As contas liquídanse dentro do prazo ou polo menos póñense as alarmas adecuadas, evitando multas e xuros. Ademais permítennos administrar tamén os ingresos para recibir, a xestión de cobros esencial a día de hoxe, e mantendo o fluxo de caixa ao día. Outra vantaxe dos ERP é que están integrados con sistemas de factura electrónica, axilizando as emisións e envíos, de acordo coas esixencias legais e ademais coa axilidade na nosa xestión. Se pode enviar unha factura electrónica vai evitar moitísimos gastos en papel e o envío por correo postal, e con iso tamén se evitan todos os gastos da súa manipulación.
- Xestión de existencias: debemos atender correctamente a clientela no tempo correcto, permitindo, como consecuencia, manter a fidelidade de público satisfeito. Se non temos un produto non o podemos estar a promover e debemos inmediatamente solicitalo ao provedor ou provedores esixíndolle a mellor calidade e prezo. Desta forma podemos ter a información procesada do mellor provedor en cada momento.
- Acabouse o traballar dobre: sempre lembro unha frase que me ensinou un compañeiro de traballo: "Nunca temos tempo para facer ben as cousas, pero si para facelas dúas veces". Se facemos un bo uso das ferramentas de xestión (ERP e CRM), que son áxiles e coas que ademais creamos modos de traballo máis óptimos, traballaremos unha soa vez e seremos polo tanto moito máis produtivos e produtivas.
- A información é poder: é importante ter información sobre existencias e produtos, sobre o mercado ou sobre a clientela. Grazas a estas ferramentas poderémola explotar para o beneficio do noso negocio, ofrecéndolle á xente xusto o que necesita a un prezo co que gañe ela e tamén gañe a nosa empresa.
 
No CPAE 2.0 prestamos asesoramento en todo este tipo de tecnoloxías e titorizamos a posta en marcha destas ferramentas, buscando as óptimas para cada negocio e prescribindo incluso as máis económicas, nalgúns casos mesmo programas informáticos gratuítos.
 
 
Alberto Falcón. Asesor TIC do CPAE 2.0 (Deputación de Pontevedra)

Fonte:  CPAE