Actualidade

« Atrás

Presente e futuro da publicidade dixital con 5 retos para o novo ano

Data:  venres, 07 de xaneiro de 2022

 
Se 2020 foi o ano da pandemia, en 2021 comezamos a vivir na nova normalidade, consolidando os múltiples cambios que nos deixou o ano anterior e aprendendo a interactuar nunha sociedade moito máis dixitalizada que este 2022 pretende afianzar e ante a cal se abren novos horizontes. Efectivamente, a revolución chegou para quedar. Vexamos agora cales son os retos e tendencias que marcarán o novo ano no ámbito dixital, tras este proceso acelerado pero inevitable.
 
Privacidade, unha cuestión de confianza para o usuario
 
Cada vez máis, as persoas usuarias empregan servizos en liña que garanten un alto grao de protección de datos, como correos electrónicos cifrados ou buscadores con protección de privacidade. En 2022, as empresas deben adquirir o propósito de establecer políticas de privacidade robustas, pero tamén transparentes, sen esquecerse da dependencia que teñen destes datos para realizar campañas e anuncios, ademais de utilizalos para mellorar a experiencia da persoa usuaria. O reto é atopar, entón, o necesario equilibrio entre a importancia dos datos e o seu correcto tratamento. 
 
Adeus ás cookies de terceiros
 
Ao fío do punto anterior, e para 2023, o ano marcado para o fin deste tipo de cookies, as persoas encargadas da publicidade e as empresas que operen dixitalmente deberían empezar a probar solucións que lles fagan gañar tempo, mellorar resultados e, sobre todo, estar preparados para o cambio que se aveciña. 
Como anticiparse a un mundo sen cookies? Parece que as claves estarán nos datos first party (directos, da clientela e interaccións cliente-empresa), análise de cohortes, datos contextuais e, sobre todo, a IA e o machine learning. 
 
A importancia da Intelixencia Artificial (IA) 
 
Ademais de ser unha parte fundamental na automatización do márketing dixital e nas campañas de pago (Google e Facebook xa incorporan desde hai anos o machine learning para a xestión dos seus anuncios e campañas), a IA mellorou moito na detección de posibilidades de compra, aforrándonos unha chea de tempo no técnico e deixando que nos centremos nas partes creativas das campañas. A  IA será unha parte aínda máis importante do xogo cando culmine o proceso de eliminación das cookies e aumente a protección de datos dos usuarios.  
 
A chegada do Metaverso
 
Tras o anuncio (con cambio de nome corporativo incluído) por parte de Facebook da súa aposta pola realidade virtual e aumentada a finais de 2021, os nosos ollos están postos na evolución deste modelo dixital no ano que entra. Probable herdeiro daquel experimento chamado Second Life nos 2000, o  Metaverso é unha experiencia dixital alternativa da que aínda non coñecemos o concreto pero que, sen dúbida, está chea de posibilidades. 
 
Inclusión, diversidade…e sustentabilidade
 
Se as estratexias de márketing dixital moderno orbitan sempre ao redor da persoa usuaria como centro, parece lóxico pensar que tamén han de adaptarse aos cambios que a influencian e fana evolucionar. Personalizando a experiencia e segmentando as mensaxes adecuadamente, o márketing centrarase neste 2022 cada vez máis nun público obxectivo cambiante e en coñecer a fondo ao buyer persoa. É máis probable que aquela clientela potencial conecte cunha marca ou produto se reflicte os valores cos que sente representada. 
 
A sustentabilidade tamén se fai un oco nesta selección de tendencias para o ano que entra: así, Google, por exemplo, empezará a mostrar en Maps, roteiros de viaxe sostibles de forma  predeterminada. Outras compañías xa traballan no exceso de residuos que xeran os envíos e devolucións masivas derivados da compra en liña.  H&M aposta polas embalaxes reciclables nos seus produtos e outras empresas como Dove xa ofrecen produtos recargables. Todos estes cambios deberán ir debidamente acompañados dunha política empresarial de sustentabilidade explícita e clara para unha persoa usuaria cada vez máis concienciada con este tipo de problemáticas.
 
En definitiva, 2022 será un ano de consolidación de tendencias na contorna dixital, pero tamén de apertura cara a novos retos e melloras e, sobre todo, de adaptación "forzosa" a unha realidade complexa e cambiante.   
 
Adrián Fernández
 
Asesor TIC 
 

Fonte:  SmartPeme