Actualidade

« Atrás

Prepara a túa web e tenda para o Black Friday

Data:  venres, 18 de novembro de 2022

 
Orixe e antecedentes
 
O Black Friday funciona como un avance da tempada de compras do Nadal e celébrase o venres despois do Día de Acción de Grazas (en EE. UU), o cuarto xoves de novembro.
 
Casualmente, as orixes desta data tan sinalada non teñen unha motivación comercial. Aínda que hai varias teorías respecto diso, a máis aceptada sitúa a orixe do Black Friday na década dos 50, nunha Filadelfia colapsada o venres seguinte a Acción de Grazas ante a gran afluencia de persoas que chegaron á cidade para facer as súas compras do Nadal e acudir ao día seguinte a un esperado partido de fútbol. A policía bautizou ese día como o "Venres Negro", luva que recolleron as persoas comerciantes e a prensa do lugar para resignificar o concepto tal e como chegou ata nós.
 
Agora, miles de persoas enchen os centros comerciais, as tendas atraen clientela ofrecendo descontos e os ecommerce non dan abasto e baten récords de vendas... E, aínda que orixinalmente o Black Friday era un evento de tan só un día, o certo é que moitas marcas comezan xa as súas campañas a semana previa ao evento. Ademais, as accións comerciais non quedan aí, xa que uns días despois chega o Cyber Monday, máis centrado en produtos tecnolóxicos e compravenda en liña.
 
Que podemos facer entón para estar preparados dixitalmente ante este fenómeno de consumo mundial? 
 
Estratexias dixitais para o Black Friday
 
A continuación, deixámosvos unha serie de consellos básicos para estar preparados de fronte ao 25 de novembro, día en que se celebra o Black Friday este 2022.
  • Adiántate e xera expectación: usa as túas redes sociais para anunciar ofertas e outras promocións. Crea un sentimento de urxencia na persoa consumidora, compartindo adiantos exclusivos con tempos limitados e outros contidos atractivos. A idea é anticiparse e impulsar o tráfico á nosa tenda no Black Friday cunha maior marxe de manobra. Ademais, podes complementar esta estratexia cunha campaña de email márketing, que permite segmentar audiencias para ofrecer distintos descontos e ofertas en función do tipo de clientela ao que te dirixes. 
  • Optimiza a túa web e a túa ecommerce: se vendemos a través de nosa propia tenda en liña, teremos que prepararnos para que poida soportar picos de tráfico máis altos do habitual. Revisa a velocidade da web, a navegación en dispositivos móbiles e, en xeral, a operativa de compra/venda, para que todo estea listo para o gran día. Se dispoñemos de tempo (un par de meses son suficientes), é unha práctica interesante posicionarnos organicamente por palabras clave de nicho mediante o SEO. Ademais, é unha boa política establecer envíos gratuítos nestas datas nas que os pequenos detalles poden marcar a diferenza. 
  • Identidade de marca: personaliza a túa identidade corporativa e adáptaa ao Black Friday con creatividades para RRSS, banners ou pop ups na web e relación de produtos con descontos nesta data. Idealmente, crea unha landing page específica que aglutine toda a información e axúdeche a levar un rexistro de visitas e conversións específico. 
  • Coida especialmente a atención á clientela: As redes sociais son unha magnífica canle para conectar coa clientela e responder as súas preguntas sobre as vendas do Black Friday. Tamén é unha boa idea dispoñer de chatbots, tanto en RRSS como na túa web e tenda en liña. O chatbot pode responder as preguntas frecuentes e, cando unha persoa consumidora necesite atención personalizada, pode derivalo a quen corresponda. 
  • Reforza a túa estratexia con campañas puntuais de Ads: durante datas tan comerciais como estas, destacarse entre tantas ofertas pode ser complicado. Exponte establecer un pequeno orzamento para facer campañas de pago puntuais en Google Ads e redes sociais, especialmente se non tivestes tempo para posicionarte naturalmente en Google mediante SEO. 
E despois do Black Friday?
 
As nosas estratexias non terminan cando pasa a fin de semana, o luns seguinte chega o Ciber Monday e debemos coidar tamén a post venda como colofón á nosa campaña. Podes darlle seguimento á túa clientela grazas ao email márketing: envía correos de agradecemento, unha enquisa de satisfacción ou pídelle feedback sobre a súa experiencia. Desta forma, melloras a experiencia da persoa usuaria e podes fidelizala.
 
 
Adrián Fernández
Asesor TIC
 

Fonte:  SmartPeme