Actualidade

« Atrás

Para que serve a Intelixencia Artificial

Data:  venres, 31 de xaneiro de 2020

A invención e o desenvolvemento de ferramentas para facilitar e optimizar as tarefas sempre estivo presente na historia da humanidade, desde os utensilios de corte da prehistoria pasando polo autómata deseñado por Leonardo da Vinci en 1495 ou as máquinas fiadoras automatizadas da primeira revolución industrial. Pasamos de ferramentas a autómatas e destes a robots; máquinas, todas elas deseñadas e fabricadas para realizar unha ou varias tarefas e pouco máis…
 
Pero foi na década dos 50 cando se empezou a pensar en crear máquinas que tivesen as mesmas características de intelixencia que os humanos, que fosen capaces de imitar o seu comportamento, de tomar decisións, de ter as súas mesmas capacidades cognitivas… nace a finais dos 50 a Intelixencia Artificial ou AI.
 
 
Os científicos fan dous grandes grupos da AI: 
  • O que se denomina Intelixencia Artificial Robusta ou "Strong AI" que trata sobre unha intelixencia real nas máquinas similar á capacidade cognitiva humana.
  • E a Intelixencia Artificial aplicada ou "Applied AI" que trata do uso de datos (Big Data), para alimentar/adestrar un algoritmo que é capaz mediante a aprendizaxe de ofrecernos unha predición a un problema ou tarefa concreta, esta técnica chámase Machine Learning.
 
Dende os 50 ata agora, percorremos un longo camiño, en que lugar de desenvolvemento está a AI? É ciencia ficción, é o futuro, é a tecnoloxía que xa está presente no noso día a día, todas estas afirmacións son certas, só depende do tipo de AI á que che refiras.
 
En canto á primeira, a Intelixencia Artificial Robusta a día de hoxe estamos lonxe de conseguila, aínda falta moito para conseguir que unha máquina teña as capacidades cognitivas dun ser humano. De momento terémonos que conformar coas recreacións que nos ofrece a literatura ou o cinema.
 
Pero en canto á segunda, a Intelixencia Artificial Aplicada a situación é diferente. Grazas á creación de algoritmos e á gran cantidade de datos dispoñibles e ás técnicas con Machine  Learning que se están utilizando xa en multitude de aplicacións, é a AI cotiá, a de todos os días, pero tamén é a que máis proxección de futuro ten a curto e medio prazo.
 
Algúns dos usos de Machine Learning que xa estamos a utilizar a diario son:
  • Detección de rostros, moi utilizado en redes sociais ou en Apps de desbloqueo de móbiles tamén en Apps de Beleza.
  • Detectores se Spam en contas de correo.
  • Clasificación de secuencias de ADN.
  • Vehículos autónomos e robots, recoñecemento de roteiros e predición de accidentes.
  • Análise de imaxe de calidade con usos industriais.
  • Diagnósticos médicos, predición anticipada de enfermidades como o cancro.
  • Predición de fallos en maquinarias.
  • Recursos humanos, para saber se un traballador será rendible ou non.
  • Predición de tráfico en cidades.
  • Marketing, para identificar mellor aos clientes e impulsar as vendas.
  • Finanzas, para identificar patróns de investimento.
  • Selección de clientes potenciais segundo o seu comportamento en redes sociais ou a súa navegación web.
  • Posicionamento en buscadores.
  • Recoñecemento de voz, os asistentes virtuais como Siri ou Alexa aprenden da túa información.
 
A Intelixencia Artificial chegou para quedar, case todas as consultoras cualifican a AI como a tecnoloxía con máis peso e evolución a medio e curto prazo. Empresas como Amazon ou IBM dispoñen de servizos de Machine Learning para que Pemes ou persoas autónomas poidan realizar análises dos seus datos en busca de patróns ou tendencias que lles axuden nas súas estratexias de negocio. A Intelixencia Artificial de man do Machine Learning é a tecnoloxía máis importante da chamada transformación dixital.
 
Manuel Freire
Asesor TIC SmartPeme
 

Fonte:  SmartPeme