Actualidade

« Atrás

O CITIC e o Clúster TIC xuntan forzas para amosar o potencial das tecnoloxías intelixentes nos negocios

Data:  martes, 24 de xuño de 2014

luns 23 de xuño do 2014, por Redacción 

JPEG - 1.1 MB
Exterior do centro de investigación TIC con sede no Campus da Coruña

CITIC segue adiante coa súa intensa actividade de divulgación, unha faceta coa que tendes pontes de comunicación coas profesionais tecnolóxico-dixitais da nosa terra e en última instancia coa cidadanía galega. Nesta liña informativa (complementaria da investigadora e consecuencia desta) é onde se insire a xornada técnica prevista para o vindeiro 3 de xullo, no propio edificio do centro tecnolóxico coruñés no campus de Elviña. O evento Tecnoloxías Intelixentes: aplicacións e oportunidades de negocio, organizado polo CITIC e mailo Clúster TIC Galicia, servirá entre outras cousas para amosar de primeira man o potencial das tecnoloxías intelixentes no eido empresarial. 
Entre os proxectos que se van presentar ao longo da xornada figuran o proxecto inLOC para a localización de interiores (aproveitamento de infraestruturas alternativas aos sistemas GPS, para o seu uso en interiores, Wi-Fi principalmente pero tamén Bluetooth Low Energy ou Ultrawideband) ou o proxecto MiaSoft, do que xa temos falado en Código Cero e que consiste nun software integrado para o control e seguimento intelixente do Síndrome de Apneas/Hipopneas do Sono, analizando os sinais monitorizados en pacientes sometidos á polisomnografía nocturna. 
Segundo informa a organización do evento, os investigadores do CITIC estarán dispoñíbeis para solucionar as dúbidas das persoas que estean interesadas nestas ou noutras iniciativas do centro tecnolóxico, presentando liñas de traballo e amosando as demostracións específicas.
A asistencia á xoranda é aberta pero, debido á limitación de aforo, é preciso o rexistro de todos os asistentes enviando un correo ao enderezo info@clusterticgalicia.com antes do martes 1 de xullo.

Fonte:  http://codigocero.com/O-CITIC-e-o-Cluster-TIC-xuntan