O CITIC e o Clúster TIC xuntan forzas para amosar o potencial das tecnoloxías intelixentes nos negocios - Actualidad
Actualidade
O CITIC e o Clúster TIC xuntan forzas para amosar o potencial das tecnoloxías intelixentes nos negocios
Fecha: Tuesday, 24 de June de 2014
luns 23 de xuño do 2014, por
- Exterior do centro de investigación TIC con sede no Campus da Coruña
O CITIC segue adiante coa súa intensa actividade de divulgación, unha faceta coa que tendes pontes de comunicación coas profesionais tecnolóxico-dixitais da nosa terra e en última instancia coa cidadanía galega. Nesta liña informativa (complementaria da investigadora e consecuencia desta) é onde se insire a xornada técnica prevista para o vindeiro 3 de xullo, no propio edificio do centro tecnolóxico coruñés no campus de Elviña. O evento Tecnoloxías Intelixentes: aplicacións e oportunidades de negocio, organizado polo CITIC e mailo Clúster TIC Galicia, servirá entre outras cousas para amosar de primeira man o potencial das tecnoloxías intelixentes no eido empresarial.
Entre os proxectos que se van presentar ao longo da xornada figuran o proxecto inLOC para a localización de interiores (aproveitamento de infraestruturas alternativas aos sistemas GPS, para o seu uso en interiores, Wi-Fi principalmente pero tamén Bluetooth Low Energy ou Ultrawideband) ou o proxecto MiaSoft, do que xa temos falado en Código Cero e que consiste nun software integrado para o control e seguimento intelixente do Síndrome de Apneas/Hipopneas do Sono, analizando os sinais monitorizados en pacientes sometidos á polisomnografía nocturna.
Segundo informa a organización do evento, os investigadores do CITIC estarán dispoñíbeis para solucionar as dúbidas das persoas que estean interesadas nestas ou noutras iniciativas do centro tecnolóxico, presentando liñas de traballo e amosando as demostracións específicas.
A asistencia á xoranda é aberta pero, debido á limitación de aforo, é preciso o rexistro de todos os asistentes enviando un correo ao enderezo info@clusterticgalicia.com antes do martes 1 de xullo.
Fuente: http://codigocero.com/O-CITIC-e-o-Cluster-TIC-xuntan