Actualidade

« Atrás

Novo itinerario de Fabricación Dixital

Data:  martes, 01 de outubro de 2019

 
Os cambios nos hábitos de consumo están a obrigar ás empresas a adaptar os seus procesos de produción ás novas demandas dos consumidores. Estes piden produtos personalizados e dispoñibles baixo demanda, pero, doutra banda, os ciclos de vida comercial dos produtos son cada vez máis curtos, a tecnoloxía avanza moi rápido e os usuarios queren incorporar os últimos avances nos seus artigos. A única forma en que as empresas poidan satisfacer este novo modo de consumo, é cambiando o seu modelo de negocio actual por un que incorpore tecnoloxías de Fabricación Dixital. Por iso, esta converteuse nos últimos tempos na tecnoloxía máis disruptiva.
 
Unha vez superados os primeiros tempos do seu uso como principal ferramenta de prototipado, a fabricación dixital xa se converteu en ferramenta de produción. Hoxe en día, os compoñentes das ferramentas para fabricación, moldes para pezas de fundición de metal, a bioimpresión, pezas plásticas de tiradas curtas e personalizadas, forman parte dunha realidade cotiá.
 
Pero o concepto de Fabricación Dixital non é novo, as impresoras 3D existen desde hai máis de 35 anos e as máquinas de control numérico empezaron hai 70 anos, entón por que é agora cando está totalmente en auxe? Débese, principalmente, ao desenvolvemento de tecnoloxías moito máis avanzadas e accesibles nas áreas de impresión 3D e sistemas CAD. Na actualidade, podemos adquirir unha impresora 3D por menos de 300€ e usar software de modelado 3D FreeWare.
 
O feito de que as tecnoloxías implicadas na fabricación dixital estean en constante evolución, fai que o seu custo sexa cada vez máis reducido e máis accesibles, non só ás grandes empresas, senón tamén a Pemes, persoas autónomas e emprendedoras. A clave para que estes colectivos empecen a usar fabricación dixital na súa contorna de traballo, está en que empecen a manexar esta tecnoloxía.  É por isto que, desde Smartpeme, facémonos eco e preparamos un taller de 20 h. de duración en Fabricación Dixital onde veremos con detalle o proceso de prototipado e fabricación de pezas. Este itinerario dará comezo o vindeiro xoves 3 de outubro no Viveiro de Empresas de Barro-Meis. Non volo podedes perder!
 
 
Manuel Freire
Asesor TIC SmartPeme

Fonte:  SmartPeme